Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 29 de abril de 2021 Páx. 21395

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 70/2021, do 8 de abril, polo que se declara ben de interese cultural a igrexa de Santa Cruz, no termo municipal do Incio.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución española, e segundo o teor do artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG) que no seu artigo 1.1 establece o seu obxecto na protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que sirva á cidadanía como ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

No artigo 8.2 da devandita lei indícase que «terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

O artigo 10.1.a) da LPCG define o monumento, categoría asignada á igrexa de Santa Cruz, como «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O procedemento para o recoñecemento do seu valor cultural iniciouse o 29 de decembro de 2017, cando a Universidade da Coruña achegou o resultado do traballo encargado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e dirixido por Fernando Agrasar Quiroga, de estudo e proposta para declarar ben de interese cultural a igrexa parroquial de Santa Cruz no concello do Incio, obra de José Luís Fernández del Amo proxectada en 1960, e mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia.

Á vista desta solicitude, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural solicitou o parecer dos órganos asesores e consultivos mencionados no artigo 7 da LPCG. A resposta destes órganos asesores e consultivos, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, que concluíron cun ditame favorable á declaración de ben de interese cultural.

A información técnica elaborada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o ditame dos órganos asesores e consultivos inciden nos notables valores arquitectónicos e culturais, de intensidade infrecuente no conxunto do patrimonio moderno de Galicia, xa que a súa natureza arquitectónica é dunha calidade excepcional debido aos seus valores espaciais, formais e construtivos, que acadan un mesmo plano de excelencia. Posúe, así mesmo, un conxunto moi notable de pezas mobles deseñadas tanto polo propio arquitecto e realizadas por artistas locais como polo escultor José Luis Sánchez Fernández ou o pintor José Luis Gómez Perales, que se integran perfectamente na propia igrexa.

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural, pola resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, número 106, do 2 de xuño de 2020, e se abriu un período de exposición pública dun mes, no cal non se presentou ningunha alegación.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Declarar ben de interese cultural a igrexa de Santa Cruz no concello do Incio (Lugo), coa categoría de monumento, conforme a descrición recollida no anexo I e coa delimitación e contorno de protección establecido no anexo III deste decreto.

Segundo. Inscrición

1. Ordenar as inscricións respectivamente no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicala ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

2. Inscribir no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia a relación de bens mobles enumerado no anexo II deste decreto, polo seu valor artístico e histórico e a súa relación co templo.

Terceiro. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Este decreto notificarase ás persoas interesadas e ao Concello do Incio.

Quinta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento urbanístico

En virtude do recollido no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o Concello do Incio deberá incorporar as determinacións da declaración ao seu planeamento urbanístico, sen que a devandita obriga modifique a competencia municipal para a autorización das intervencións no contorno de protección previstas no plan especial do conxunto histórico segundo o recollido no artigo 58.1 da dita lei.

Santiago de Compostela, oito de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: igrexa parroquial de Santa Cruz do Incio.

2. Localización:

– Enderezo: A Cruz do Incio, Santa Cruz do Incio, concello do Incio (Lugo).

– Coordenadas centrais UTM ETR89 FUSO 29: X=634.175, Y=4.724.016.

3. Descrición:

3.1. Descrición formal.

a) Igrexa.

A igrexa parroquial de Santa Cruz sitúase fronte ao amplo espazo axardinado da praza de España no núcleo da Cruz do Incio, que é a capital municipal. Unha secuencia de espazos rodean a igrexa: a fachada principal segue a liña das edificacións fronte á praza arborizada; no seu lateral esquerdo un canellón que remata no canto norte da igrexa onde se abre ao espazo arborizaado coñecido como Feira dos Porcos; no lateral dereito, un espazo verde delimitado por outras dúas edificacións, desde o cal se accede á sancristía e ao despacho parroquial; e, por último, a cabeceira do templo, no límite da propiedade, estremando cun amplo prado que descende suavemente cara á igrexa.

As naves principal e lateral, a torre das campás e a sancristía diferéncianse nos seus volumes e compoñen por adición a totalidade do edificio.

A nave principal desenvólvese ao longo en tres tramos cubertos por un único plano inclinado. O primeiro é un espazo exterior separado do interior por un peche de madeira de castiñeiro. O segundo é a nave propiamente e o terceiro é o presbiterio, elevado dous chanzos sobre o mesmo espazo da nave.

A nave lateral está separada da principal por un salto da cuberta e dous finos soportes metálicos. Nela disponse a pía de auga bendita, unha capela e dous confesionarios. Nos extremos da nave lateral están a porta da sancristía e a de acceso á torre, ao coro e ao baptisterio.

A torre é un prisma rematado por unha alongada pirámide de formigón, prolongada por unha cruz metálica, con catro ocos na parte superior e outros tres pequenos de ventilación no corpo. En orixe dispoñía de dúas esferas de reloxo, agora substituídas por unha soa. Na base da torre arranca unha empinada escaleira, colocada despois da inauguración do templo, para subir ao coro e ás campás, estreita e disposta para que o escaso espazo poida servir como vestíbulo ao baptisterio, conectando o exterior e o interior da igrexa.

O volume da sancristía confórmano a propia sancristía, un vestíbulo de acceso desde o exterior, o despacho parroquial e un aseo.

Un pequeno patio separa o presbiterio deste volume e permite iluminar a imaxe da Virxe cunha vidreira vertical situada no muro do fondo.

b) Partes integrantes.

A igrexa parroquial de Santa Cruz do lncio integra na súa arquitectura unha serie de elementos singulares, insubstituíbles e deseñados especificamente para o edificio:

• Vidreiras: as vidreiras da igrexa están dispostas en cinco secuencias, tres horizontais e dúas verticais. Dúas das horizontais dispóñense ao longo das fachadas laterais do templo, entre os muros e o plano inclinado do tellado, e a terceira no salto da cuberta, paralela ás outras. Unha das verticais está no lateral dereito do presbiterio, iluminando a figura da Virxe, e a outra no baptisterio. As dúas vidreiras son obra do artista José Luís Gómez Perales e teñen un valor artístico excepcional.

• Pasamáns do coro: o coro ocupa un espazo sobre a entrada da igrexa ao cal se accede a través da torre. O forxado, lixeiramente voado, remata cun pasamáns de soporte con tubos de aceiro de sección cadrada como os das tesoiras, nos cales se enroscan trece táboas de castiñeiro.

• Lintel da porta da sancristía: sobre a porta que comunica a nave da igrexa coa sancristía disponse un lintel de mármore do Incio, coa inscrición «AVE MARIA».

• Carpintarías: todas as portas, incluída a entrada principal, están resoltas de xeito tradicional, con seccións macizas de madeira, e con ferraxes feitas en forxa, de seccións simples.

• Armario do baptisterio: no interior do pequeno espazo do baptisterio, fronte á pía, temos un nicho con portas sobrepostas ao muro para gardar os óleos de bautismo.

• Remate da torre: o prisma de pedra da torre remata con dous pares de ocos nos seus cantos norte e sur, cara á praza con dúas celosías de cemento branco, e no canto oposto quedan abertas, enmarcadas en grosas seccións de formigón pintado en branco. A través destes ocos pódense ver as dúas campás da torre. Sobre o prisma, e con máis de cinco metros de altura, remata a torre nunha pirámide alongada de formigón pintado de branco, que é a base dunha cruz resolta en vara de aceiro soldado.

3.2. Recensión histórica.

A figura de José Luis Fernández del Amo e a súa obra son ben coñecidas na cultura arquitectónica española. A igrexa de Santa Cruz do Incio permaneceu moito tempo excluída das publicacións sobre o autor ou a arquitectura do seu tempo, por mor da posición xeográfica do edificio, afastado dos centros en que se concentran os exemplos máis coñecidos de arquitectura moderna, e pola focalización sobre os poboados de colonización nos estudos sobre este arquitecto. Foron catro as igrexas que Fernández del Amo fixo en Galicia: Santa Cruz no Incio (1960), Santo Antonio de Padua en Lugo (1961), Santa Mariña en Chantada (1963) e Santa María en Baio (1981). De todas elas, a do Incio era da que máis satisfeito se sentía o seu autor, fundamentalmente pola singularidade do encargo (o sacerdote que promoveu a obra admiraba o traballo do arquitecto) e porque das catro, esta foi na que mellor puido controlar o proceso de construción. Trátase dunha obra que condensa, na metade da experiencia excepcional do seu autor deseñando poboados de colonización, todas as achegas e experimentacións dese traballo.

A experiencia de Fernández del Amo como director do Museo de Arte Contemporánea entre os anos 1952 e 1958, xerme do actual Museo Nacional de Arte Contemporánea Raíña Sofía, proporcionoulle un amplo coñecemento e contacto cos creadores máis avanzados do momento no país e coas súas obras. Só isto explica a calidade excepcional das pezas artísticas que integrou na obra do Incio, e que forman parte indisoluble do edificio. As vidreiras de José Luis Gómez Perales ou as pezas do escultor José Luis Sánchez Fernández forman un conxunto, ao cal se suman os elementos deseñados polo propio arquitecto, de valor artístico excepcional. A participación de artesáns locais produciu outras pezas e solucións construtivas de gran calidade e interese.

4. Estado de conservación.

A investigación permite afirmar que o edificio non sufriu modificacións nin agresións de importancia. Tan só a instalación dun cruceiro no espazo de acceso a sancristía (hoxe xa trasladado a outro lugar), a adición dun pequeno alpendre no extremo norte, a retirada das esferas do reloxo, e a desaparición dunha delas, a perda de pezas do viacrucis ou as marcas de pegamento no altar principal son as agresións detectadas, perfectamente reparables.

Así mesmo, o alcance insuficiente das actuacións de mantemento derivou na deterioración de certas partes, especialmente cubertas e paramentos, así como do illamento e das carpintarías.

A Dirección Xeral de Patrimonio cultural está a promover actuacións de restauración en relación co seu valor excepcional e os propios traballos para o seu recoñecemento, cunha serie de intervencións dirixidas principalmente a evitar filtracións no inmoble, á renovación das instalacións e a facilitar as condicións de accesibilidade e uso do templo.

5. Valoración cultural.

A igrexa de Santa Cruz do Incio posúe excepcionais valores arquitectónicos e culturais dunha intensidade infrecuente no conxunto do patrimonio moderno de Galicia, xa que a súa natureza arquitectónica é dunha calidade destacable debido aos seus valores espaciais, formais e construtivos, que acadan un mesmo plano de excelencia.

Ademais, esta pequena igrexa amosa notables valores morais que explican que con medios materiais modestos foi posible acadar resultados de alta calidade.

O edificio érguese no medio rural, algo infrecuente para a arquitectura moderna, e responde ao intento de conciliar a novidade da súa linguaxe, ao comezo da década dos sesenta do pasado século, coa tradición do lugar, e logra manter a harmonía coas construcións rústicas daquelas contornas.

A igrexa de Santa Cruz é unha obra arquitectónica que, a pesar da modestia das súas dimensións e dos recursos dispoñibles para a súa execución e mantemento, é un exemplo paradigmático non só do seu creador, o arquitecto José Luis Fernández del Amo, senón das obras conservadas no contexto cultural do Movemento Moderno en Galicia e en España.

Ademais, o inmoble contén un conxunto moi notable de pezas artísticas deseñadas tanto polo propio autor e realizadas por artistas de recoñecido prestixio como o escultor José Luis Sánchez Fernández e o pintor José Luis Gómez Perales, que se integran perfectamente na propia igrexa e que son mostra da integración das artes e da súa capacidade expresiva e significativa.

Existen, en conclusión, fundamentos para o recoñecemento da excepcionalidade da igrexa de Santa Cruz do Incio como ben inmoble do patrimonio arquitectónico, adscrita culturalmente ao movemento moderno en Galicia:

• O escaso número de inmobles da arquitectura moderna do período e, aínda menos, nas condicións do proxecto e localización, nunha pequena localidade rural.

• As excepcionais condicións de integridade do seu estado orixinal.

• A súa calidade arquitectónica, manifestada na resposta contextual ás condicións do lugar, físicas, ambientais e culturais, sen renunciar ao rigor teórico da arquitectura moderna, no que a modestia dos medio con que foi construída non impide a excelencia do seu resultado.

• A integración de numerosas pezas artísticas e artesás de notable valor.

• A relevancia para caracterizar o núcleo de que forma parte e a súa contorna, así como o diálogo que establece coa propia arquitectura histórica.

6. Usos.

A igrexa conserva a súa función de culto e, dadas as súas características, debe seguir a ser o uso principal, sen prexuízo de que poida compatibilizarse cun uso cultural complementario derivado do seu interese arquitectónico e artístico, que está potenciado pola súa posición relativa no conxunto, nun espazo relevante da capital do municipio e próxima a outro monumento significativo do patrimonio cultural de Galicia, como é o conxunto do Hospital do Incio.

Debe, así mesmo, garantirse un axeitado uso do espazo público ao seu redor para conservar unhas acaídas condicións de conservación e interpretación da igrexa no seu contexto.

7. Réxime de protección.

7.1. Igrexa de Santa Cruz:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: patrimonio arquitectónico. Arquitectura relixiosa.

• Outros intereses: histórico e artístico.

• Nivel de protección: integral.

7.3. Réxime de protección.

A declaración de ben de interese cultural como monumento da igrexa de Santa Cruz, no concello lucense do Incio, determina a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Así mesmo, para o conxunto de bens mobles que se catalogan, será de aplicación o previsto nos títulos II e IV da LPCG. Este réxime pode ser sintetizado no seguinte conxunto de requirimentos e obrigas:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Tamén será precisa a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para as intervencións sobre os bens mobles catalogados.

• Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e as titulares de dereitos reais sobre o inmoble e os bens catalogados están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais do inmoble e dos bens catalogados están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. Para o caso dos bens mobles e as actividades de investigación, a obriga de acceso poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellaría competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as partes, non poderá exceder dous meses cada cinco anos.

• Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre o inmoble declarado de interese cultural permitirán a visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

• Tanteo e retracto: calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute do inmoble declarado ben de interese cultural deberá ser notificada á consellería competente en materia de patrimonio cultural con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela. En todo caso, na comunicación da transmisión deberá acreditarse tamén a identidade da persoa adquirente.

• Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Traslado de bens mobles catalogados: en virtude do establecido nos artigos 22.2.b) e 64.3 e 4, o conxunto de bens mobles catalogados que se atopen na igrexa de Santa Cruz estímanse vinculados á devandita localización, polo que o seu traslado requirirá da autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• Exportación de bens mobles: a exportación de bens mobles está sometida ao que se establece nos artigos 5 e 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, e resulta da competencia da Administración xeral do Estado.

A declaración como ben de interese cultural da igrexa de Santa Cruz determinará a aplicación do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE). Así mesmo, para o conxunto de bens mobles que se catalogan, será de aplicación o previsto nos títulos II e IV da LPCG.

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

Calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG).

ANEXO II

Relación de bens mobles

1. Bancos: os vinte e catro bancos foron deseñados polo arquitecto para seren colocados en tres ringleiras con dous corredores. Feitos con táboas de castiñeiro, o deseño é sinxelo con leves concesións á ergonomía (respaldo inclinado) e ao neoplasticismo (a táboa do reclinatorio sobresaíndo do extremo do banco).

2. Confesionarios: Fernández del Amo deseñou os dous confesionarios para a igrexa en táboas de castiñeiro nunha composición de planos abertos. As pezas están executadas con calidade e teñen detalles coidados, como o peche do asento sacerdotal, as celosías para os fieis ou os reclinatorios.

3. Pía bautismal: a pía bautismal ocupa o centro xeométrico do pequeno baptisterio. Foi deseñada polo arquitecto como un cubo de mármore, lixeiramente elevada do plano do chan, da mesma pedra. Na parte superior ten baleirado un volume de media esfera, cuberto por unha tapa cónica de metal, rematada cunha esfera e sobre ela unha cruz. A potencia formal desta peza protagoniza o espazo do baptisterio, xunto coa luz corada dunha das vidreiras de José Luís Gómez Perales.

4. Pía de auga bendita: a pía para auga bendita sitúase na liña de apoio dos soportes de metal, preto da entrada. É un prisma de mármore, que vai reducindo lixeiramente a súa sección cadrada desde a base ata dous terzos da altura total, recuperando logo a mesma sección na parte superior, onde se abre o oco semiesférico para a auga bendita.

5. Altar principal: o altar principal está composto por dous grandes bloques de mármore, do cal tamén é autor o escultor José Luis Sánchez Fernández. A peza, sobria e contundente, posúe a dignidade da súa pesada materialidade, subliñada con finas inscricións simbólicas en vermello.

6. Altar lateral: de mármore, como o altar principal, sitúase fixado ao muro na nave lateral, no seu centro. Composto de dúas pezas: un pé central prismático e unha grosa laxe como cimeira.

7. Virxe de Santa Cruz do Incio: a figura da Virxe foi realizada polo escultor José Luis Sánchez Fernández. A figura cerámica modelada para a igrexa do Incio reflicte a experiencia formativa anterior do seu autor, que elabora unha peza alongada, sobria e delicada. A figura sitúase sobre unha peza de mármore, que sobresae, incrustada no muro, no fondo do presbiterio, preto da vidreira vertical que a baña en luz de cores. Baixo a figura da Virxe disponse, no encontro entre o pavimento e o muro, unha xardineira para que medre unha hedra que tiña que ser o fondo sobre o que se vise a imaxe da Virxe.

8. Ambón: o ambón é un simple prisma de mármore, cunha cruz gravada. Posteriormente, e alleo á súa concepción orixinal, engadíuselle un baseamento do mesmo material e un atril de madeira.

9. Sagrario: o sagrario é unha peza valiosa do escultor José Luis Sánchez Fernández. A peza metálica, coas portas cubertas de mosaico, estaba orixinalmente situada sobre o altar principal. Os cambios introducidos no culto polo Concilio Vaticano II, que se desenvolveu ao tempo que a igrexa se estaba a construír, aconsellou colocalo sobre unha peza de mármore, fixada ao muro do fondo do presbiterio, e lixeiramente separada del.

10. Soporte de óleos: Fernández del Amo deseña un soporte para os óleos con dous perfís IPN, os mesmos empregados nos soportes das tesoiras, pero dispostos en cruz. Un rebaixe circular na parte superior permitía o encaixe do recipiente dos óleos, agora perdido. A peza está fixada ao chan, xa que o seu peso e a súa fina base o farían moi inestable.

11. Portacirios de pé: estas pezas, seis en total, están deseñadas polo escultor José Luís Sánchez Fernández. O soporte do cirio é unha cunca semiesférica apoiada nun pé labrado, como unha copa, que se prolonga nunha vara de sección rectangular fina ata un pé en cruz.

12. Portacirios: situados, nun principio, sobre o altar pequeno, son catro pezas da mesma forma e dúas dimensións. Están realizados en forxa.

13. Cruz: orixinalmente sobre o altar lateral, fixada ao muro, está feita de forxa. Actualmente está situada na sancristía.

14. Crucifixo: un Cristo idéntico ao que forma a cruz de forxa sobre o altar lateral, está fixado a unha cruz de bronce, texturada con ocos e elevada nun fino soporte con pé en cruz. O crucifixo ten a mesma factura que os portacirios e, con moita probabilidade, pode que sexa obra do escultor José Luis Sánchez Fernández.

15. Viacrucis: sobre a fachada noroeste dispóñense as catorce estacións, formalizadas con cruces gregas de madeira ensamblada ao bispel e unha peza metálica no seu extremo interior co número que lle corresponde. Actualmente só quedan cinco destas pezas na igrexa.

16. Mobles da sancristía: deseñados polo arquitecto para a sancristía, son tres pezas: cómoda, armario e mesa de cabeceira. Están realizados e táboa de castiñeiro, con seccións simples e tiradores de forxa, semellantes aos das portas.

17. Esfera do reloxo: orixinalmente a torre tiña dúas esferas de reloxo de forxa, consistentes en dous aros concéntricos, unidos por números romanos. Substituídos por unha esfera branca, só se conserva unha das esferas de forxa, gardada no alpendre do extremo norte do edificio.

18. Campás: segundo os veciños, as dúas campás da igrexa pertencían á antiga capela desaparecida no centro da área axardinada da praza de España.

ANEXO III

Delimitación do ben e contorno de protección

1. Delimitación do ben.

A delimitación do ben corresponde coa parcela catastral 4342417PH3244S0001XI en que se localiza, que inclúe todas as súas construcións e volumes, así como os espazos libres concibidos para a súa distribución e funcionamento. Sinálase en vermello no plano.

2. Contorno de protección.

Estímase necesario establecer un contorno de protección específico que considere as especiais relacións que a igrexa de Santa Cruz ten co seu espazo inmediato, tanto no referido ás aliñacións das edificacións próximas como, máis en concreto, á relación cos espazos libres e arborizados con que se relaciona, tanto a praza de España como a Feira dos Porcos, e as rúas que actualmente os delimitan. Sinálase en liña descontinua azul no plano.

3. Planimetría.

missing image file