Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 28 de abril de 2021 Páx. 21139

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 15 de abril de 2021 pola que se modifica a autorización do centro privado Fesán, de Santiago de Compostela (A Coruña).

O representante da titularidade do centro privado (CPR) Fesán, de Santiago de Compostela, solicita a modificación da autorización relativa á supresión do ciclo formativo de grao superior (CS) Animación sociocultural e turística, e a autorización para impartir o CS Educación infantil na modalidade semipresencial e a distancia.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e a distancia en virtude da Orde do 12 de agosto de 2014 (DOG do 12 de agosto).

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2010, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Suprimir o ciclo formativo de grao superior (CS) Animación sociocultural e turística, e autorizar o CS Educación infantil na modalidade semipresencial e a distancia, no centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:

– Denominación xenérica: centro privado (CPR).

– Denominación específica: Fesán.

– Código: 15032364.

– Enderezo: Rúa de Amio, 114, Parque Empresarial Costa Vella.

– Localidade: Santiago de Compostela.

– Concello: Santiago de Compostela.

– Provincia: A Coruña.

– Titular: Fundación de Estudios e Análises (Fesán).

Composición resultante:

a) Modalidade presencial, réxime ordinario:

• CM Coidados auxiliares de enfermaría (1 unidade para 20 alumnos/as).

• CS Anatomía patolóxica e citoloxía (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Educación infantil (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Imaxe para o diagnóstico (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Laboratorio de diagnóstico clínico (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

b) Modalidade semipresencial e a distancia, réxime de persoas adultas:

• CS Educación infantil.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 na modalidade semipresencial e a distancia desta orde aplicaráselle, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde de 5 de novembro de 2010, pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo, terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recolla de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deba modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade