Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2021 Páx. 20803

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 67/2021, do 8 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-313, treito Pardavila-Cadro, puntos quilométricos 3+330-4+130, de clave PO/17/057.06, no concello de Marín (Pontevedra).

Antecedentes:

Primeiro. O día 14 de xuño de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 112) o Anuncio do 29 de maio de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-313, treito Pardavila-Cadro, puntos quilométricos 3+330-4+130, de clave PO/17/057.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Após a análise dos informes e certificados presentados, o 7 de outubro de 2019 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-313, treito Pardavila-Cadro, puntos quilométricos 3+330-4+130, de clave PO/17/057.06.

O obxecto da actuación é a construción dunha senda peonil e ciclista na marxe esquerda da estrada PO-113, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, no concello de Marín (Pontevedra), coa finalidade de mellorar a seguridade viaria na zona e fomentar a mobilidade sustentable.

Así mesmo, realizaranse unha serie de actuacións complementarias da principal: reposición da rede de drenaxe e servizos afectados, relocalización de diversos elementos urbanos, acondicionamento da marxe da estrada, etc.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-313, treito Pardavila-Cadro, puntos quilométricos 3+330-4+130, de clave PO/17/057.06.

Santiago de Compostela, oito de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade