Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 23 de abril de 2021 Páx. 20548

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 16 de abril de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

O 13 de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

Esta convocatoria de axudas está dirixida ás entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2021/22 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar e tamén a aquelas entidades privadas que non tiveran acceso a unha axuda económica da Administración autonómica por este concepto e acrediten a gratuidade da matrícula do curso 2020/21 e a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do devandito curso.

A presente modificación ten por obxecto facilitar o acceso a esta convocatoria de axudas a aquelas entidades cuxos prezos se sitúan por debaixo dos topes previstos nela, para que poidan compensar, de ser o caso, o incremento experimentado polos prezos das subministracións e doutros gastos correntes que repercuten nos custos das prazas.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C)

A Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C), queda modificada como segue:

Un. O número 3 do artigo 4 queda redactado como segue:

«3. As axudas calcularanse en función das tarifas e do prezo da matrícula da escola infantil no curso 2020/21, os cales poderán incrementarse ata un 10 % para o curso 2021/22, sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por atención educativa e matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude».

Dous. O primeiro parágrafo do número 2 do artigo 14 queda redactado como segue:

«2. Poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións nas tarifas respecto das establecidas no curso 2020/21 e/ou no número de prazas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida, poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía total calculada pola certificación anual de ocupación resultar inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan».

Disposición adicional única. Apertura do prazo de presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

As entidades que presentaran solicitude ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2020 non terán que presentar unha nova solicitude.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social