Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20221

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do 30 de marzo de 2021 polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática dos convenios formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles.

En cumprimento do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 30 de marzo de 2021, polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 30 de marzo de 2021 polo que se aproba a Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles

O artigo 53 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante Lei 40/2015), ditada ao abeiro da competencia exclusiva do Estado sobre as bases do réxime xurídico das administracións públicas, establece a obriga de comunicar ao Tribunal de Contas ou órgano de fiscalización externo das comunidade autónomas os convenios cuxos compromisos económicos superen os 600.000 euros, así como as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, a alteración dos importes dos compromisos económicos asumidos e a extinción dos convenios indicados.

Estas obrigas entenderanse sen prexuízo das facultades do Tribunal de Contas ou dos correspondentes órganos de control externo das comunidades autónomas para reclamaren cantos datos, documentos e antecedentes consideren pertinentes enn relación cos convenios de calquera natureza e contía.

En desenvolvemento deste precepto legal, o Consello de Contas de Galicia, como órgano de control externo das contas e da xestión económico-financeira e contable do sector público autonómico galego, debe establecer as regras pertinentes para que as entidades públicas galegas poidan cumprir coa obriga de comunicación establecida na devandita lei.

A información e documentación relativa aos convenios que se solicitan das entidades do sector público autonómico circunscríbese, por razóns de eficiencia, aos datos básicos que permitan efectuar análises preliminares para o exercicio das fiscalizacións, para identificar áreas de risco e para seleccionar mostras para o desenvolvemento dos controis; todo iso, sen prexuízo de que o Consello de Contas poida solicitar en calquera momento información adicional que considere conveniente para o exercicio das súas funcións.

A remisión de convenios por parte das entidades locais e as súas entidades dependentes regúlanse pola súa instrución específica, aprobada por acordo do Pleno deste Consello de Contas do 8 de febreiro de 2017 (DOG do 24 de marzo).

Ao abeiro do disposto nos artigos 7.3.b) e 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na sesión do 30 de marzo de 2021, acordou aprobar a seguinte instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos convenios formalizados polas entidades do sector público de Galicia e da relación anual daqueles.

I. Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente instrución ten por obxecto concretar a información e documentación relativa aos convenios formalizados polas entidades do sector público galego que se deben remitir ao Consello de Contas de Galicia en virtude do artigo 53 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como o procedemento e medio para levalo a cabo.

Están suxeitas á obriga de remisión as entidades que compoñen o sector público da Comunidade Autónoma incluídas no artigo 2.1 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

As entidades locais e as súas entidades dependentes quedan excluídas do ámbito de aplicación desta instrución e regúlanse pola súa instrución específica, aprobada por acordo do Pleno do Consello de Contas do 8 de febreiro de 2017 (DOG do 24 de marzo).

Os convenios que se deben remitir son aqueles definidos no artigo 47 da Lei 40/2015 cuxos compromisos económicos asumidos superen os 600.000 euros.

II. Determinación da contía dos convenios.

Para os efectos desta instrución, entenderase por compromisos económicos asumidos o importe total das achegas financeiras que se comprometan a realizar o conxunto dos suxeitos que subscriben o convenio, independentemente da achega que corresponda á entidade pública que envíe a documentación.

III. Documentación que deben remitir as entidades do sector público de Galicia e requisitos de envío.

A información e a documentación que deben enviar ao Consello de Contas axustaranse aos seguintes criterios:

III.1. Documentación que teñen que remitir ao longo do exercicio:

A) Dentro dos tres meses seguintes á subscrición de calquera convenio cuxos compromisos económicos asumidos superen os 600.000 euros, os órganos, organismos e entidades do sector público autonómico deberán remitir ao Consello de Contas a copia do documento de formalización do convenio xunto coa correspondente memoria xustificativa.

B) A comunicación das modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, a alteración dos importes dos compromisos económicos asumidos e a extinción dos convenios anteriormente indicados efectuarase, así mesmo, dentro dos tres meses seguintes á data en que se produzan.

O envío desta información e a comunicación das incidencias realizarase achegando os datos básicos que figuran no formulario do procedemento que se pon á disposición na sede electrónica do Consello de Contas e remitindo copia dos respectivos documentos de aprobación e, se é o caso, de formalización.

Os convenios que non fosen comunicados orixinariamente por non superaren o importe establecido no artigo 53 da LRXSP deberán ser remitidos cando sexan obxecto de modificacións posteriores que, illada ou conxuntamente, eleven os compromisos económicos asumidos por enriba do importe sinalado no citado precepto. A remisión, no que se refire ao convenio orixinal, efectuarase telematicamente, enviando a documentación que se relaciona no punto anterior e incluirase a documentación relativa ás mencionadas modificacións.

III.2. Documentación que deben remitir unha vez concluído o exercicio correspondente:

Os órganos, organismos e entidades do sector público autonómico remitirán anualmente, antes do 1 de marzo do exercicio seguinte a que se refiren, unha relación de todos os convenios formalizados no exercicio anterior, coa información que figura no anexo I, independentemente do seu importe.

Para uniformar o criterio que se debe seguir na inclusión dos convenios nesa relación anual, atenderase ao ano da súa formalización, polo que deberá comprender todos aqueles convenios que fosen formalizados no exercicio de referencia, aínda cando as actuacións que van realizar as entidades asinantes para o seu cumprimento se leven a cabo nos exercicios seguintes.

A relación deberá conter exclusivamente os convenios primitivos. As incidencias que se produzan durante a súa execución (modificacións, prórrogas, variacións de prazos, etc.) serán obxecto de comunicación posterior ao Consello de Contas, nos termos sinalados no punto III.1 desta instrución.

No suposto de que non se tivese formalizado ningún convenio, farase constar a dita circunstancia mediante unha certificación negativa que conteña esa declaración conforme o anexo II.

IV. Requirimento doutra documentación.

Con independencia da información e documentación sinalada nas epígrafes anteriores, no exercicio da súa función fiscalizadora o Consello de Contas poderá requirir o envío de documentación adicional en relación cos convenios anteriormente identificados ou con calquera outro incluído na relación anual dos convenios subscritos a que se refire o punto III.2 desta instrución.

O órgano, organismo ou entidade requirida deberá facilitar a información e documentación solicitada, en cumprimento do deber de colaboración previsto no artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e o expresamente establecido no artigo 53.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

V. Forma e requisitos de envío.

O envío da información, documentación ou comunicacións relacionadas nos parágrafos anteriores efectuarase polos procedementos telemáticos específicos habilitados na sede electrónica do Consello de Contas de Galicia.

A información remitida deberá estar asinada electronicamente, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, mediante sinatura electrónica consistente na utilización de claves concertadas nun rexistro previo como usuario.

VI. Protección de datos de carácter persoal.

A aplicación da instrución realizarase con sometemento ás disposicións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao resto de normas específicas que regulan a propiedade intelectual e o tratamento electrónico da información.

VII. Entrada en vigor.

Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Respecto dos convenios formalizados no exercicio 2020, a remisión da relación anual a que se refire o apartado III.2 desta instrución deberá realizarse no prazo de 30 días desde a entrada en vigor desta.

ANEXO I

Relación anual de convenios formalizados

1. Datos referentes á formalización do convenio.

a) Ano de formalización do convenio.

b) Número de expediente/clave do convenio.

c) Suxeitos que o subscriben.

d) Obxecto do convenio.

e) Compromisos económicos asumidos polas entidades que participan.

f) Prazo de vixencia.

ANEXO II

Certificación negativa

Don/dona .........................................................................................................................

Cargo ...............................................................................................................................

Entidade ...........................................................................................................................

Certifico:

Que no exercicio ........................ esta entidade non formalizou ningún convenio que se deba incluír na relación anual que debe presentarse ao Consello de Contas de Galicia.

E para que así conste ante o Consello de Contas de Galicia, expido a presente certificación,

En ............................................, ............... de .................................. de ..............