Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 5 de abril de 2021 Páx. 17736

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2021 pola que se modifican os efectos dos incumprimentos dos requisitos de creación e mantemento de emprego vinculados aos proxectos de investimento obxecto de axuda ao abeiro da Resolución do 19 de maio de 2017 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (Diario Oficial de Galicia número 103, do 1 de xuño de 2017), modificada pola Resolución do 28 de decembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 246, do 29 de decembro de 2017) e pola Resolución do 18 de febreiro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 40, do 26 de febreiro de 2019).

No Diario Oficial de Galicia número 103, do 1 de xuño de 2017, publicouse a Resolución do 19 de maio de 2017 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva, modificada pola Resolución do 28 de decembro de 2017 (DOG núm. 246, do 29 de decembro de 2017) e Resolución do 18 de febreiro de 2019 (DOG núm. 40, do 26 de febreiro de 2019).

Nas referidas bases reguladoras establécense unha serie de requisitos, condicionantes e puntuación para os efectos do cálculo da axuda, vinculados á creación e/ou o mantemento do emprego que comportan os proxectos de investimento obxecto de axuda que, no contexto actual da COVID-19, poden ser difíciles de cumprir ou acadar por parte das empresas beneficiarias –por causas totalmente alleas á súa xestión–, cunhas consecuencias, en ocasións, moi gravosas para o bo fin dos investimentos e da situación financeira das compañías e, en definitiva, para o mantemento e crecemento do tecido produtivo da Comunidade Autónoma.

Con carácter xeral, os proxectos obxecto de axuda consisten en investimentos de certa envergadura con períodos de execución dilatados durante os cales as empresas beneficiarias deberán manter e crear os postos de traballo establecidos na resolución de concesión. Así mesmo, as empresas deberán manter a suma do emprego que deberán manter e crear no período de execución, con carácter xeral, nos dous anos posteriores á súa finalización e, nos proxectos en que a base subvencionable fose o custo salarial, nos tres anos posteriores á finalización do período de execución.

Debido a que existen proxectos beneficiarios destas axudas cos períodos de execución e dos dous/tres anos posteriores á data de fin do período de execución abertos, en todo ou en parte, desde o inicio da crise sanitaria –que está afectar a totalidade do tecido empresarial e, moi especialmente, determinados sectores coa súa actividade practicamente paralizada–, considérase oportuno limitar as consecuencias que puidesen ter os incumprimentos de creación e/ou mantemento do emprego ao abeiro destas bases reguladoras que, nalgúns casos, poderían levar á perda íntegra da axuda.

Así, proponse que os incumprimentos de creación e/ou mantemento do emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non teñan ningunha consecuencia sobre a axuda concedida, sen necesidade de acreditación adicional, cando se trate de sectores especialmente afectados e logo de acreditación de que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19, cando se trate do resto dos sectores.

Por todo o anterior, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Único

Modificar as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial da convocatoria do ano 2017, publicadas mediante a Resolución do 19 de maio de 2017 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 103, do 1 de xuño de 2017), modificada pola Resolución do 28 de decembro de 2017 (DOG núm. 246, do 29 de decembro de 2017) e Resolución do 18 de febreiro de 2019 (DOG núm. 40, do 26 de febreiro de 2019), nos seguintes termos:

Modificación do artigo 19 das bases reguladoras:

1. Modifícase o número 3 do artigo 19 das bases reguladoras, que quedará redactado nos seguintes termos:

«3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión. Se como consecuencia do incumprimento se perdesen todos os puntos por este concepto, o incumprimento será total, excepto nos proxectos xeradores de emprego de ampliación de capacidade definidos no punto 1º do artigo 5.2.a), nos cales o incumprimento será parcial.

Non obstante o anterior, os incumprimentos de creación de emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non terán ningunha consecuencia sobre a axuda concedida nos seguintes supostos:

– Sen necesidade de acreditar a causa do incumprimento, cando se trate de empresas especialmente afectadas. Para estes efectos, considéranse empresas especialmente afectadas as beneficiarias cuxos proxectos estean vinculados a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Para os demais sectores, cando a beneficiaria xustifique que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19. Para estes efectos, presentarase unha memoria explicativa das circunstancias que motivaron o incumprimento, acompañada de estados financeiros comparativos (con respecto aos do mesmo período do exercicio 2019) que acrediten unha caída do importe neto da cifra de negocios e do resultado neto de, como mínimo, un 25 %. Cando se trate de estados financeiros correspondentes a un exercicio pechado para os cales non se cumpriu a data para a súa aprobación, ou tratándose de estados financeiros intermedios, deberán estar asinados polo beneficiario ou, de ser o caso, polos seus administradores.

c) No que se refire ao mantemento do emprego con que conta a empresa na data de solicitude de axuda durante o período de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego durante o dito período e á cifra de emprego con que conte a empresa na data de finalización do prazo de execución. Estimarase un incumprimento parcial sempre que na data de execución a empresa conte, polo menos, coa cifra de emprego obrigada a manter, aínda que a media do período non acade a dita cifra, sempre que a desviación nesa media non supere o 10 % do emprego comprometido. O alcance deste incumprimento parcial calcularase proporcionalmente respecto ao emprego non mantido. Este criterio non se aplicará no caso de primeiro establecemento.

Non obstante o anterior, os incumprimentos de mantemento do emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non terán ningunha consecuencia sobre a axuda concedida nos seguintes supostos:

– Sen necesidade de acreditar a causa do incumprimento, cando se trate de empresas especialmente afectadas. Para estes efectos, considéranse empresas especialmente afectadas as beneficiarias cuxos proxectos estean vinculados a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Para os demais sectores, cando a beneficiaria xustifique que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19. Para estes efectos, presentarase unha memoria explicativa das circunstancias que motivaron o incumprimento, xunto cos estados financeiros comparativos (con respecto aos do mesmo período do exercicio 2019) que acrediten unha caída do importe neto da cifra de negocios e do resultado neto de, como mínimo, un 25 %. Cando se trate de estados financeiros correspondentes a un exercicio pechado para os cales non se cumpriu a data para a súa aprobación, ou tratándose de estados financeiros intermedios, deberán estar asinados polo beneficiario ou, de ser o caso, polos seus administradores.

d) No que se refire á condición de acreditación de fondos propios, o alcance do incumprimento determinarase rebaixando o importe do investimento subvencionable ao correspondente ao nivel de fondos propios efectivamente acreditado, sempre que o investimento correspondente non sexa inferior ao mínimo establecido nas bases».

2. Modifícase o número 4 do artigo 19 das bases reguladoras, que quedará redactado nos seguintes termos:

«4. Incumprimento total, coa perda do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

g) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable ou o emprego queden por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou superen os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 19.3 anterior.

Non obstante o anterior, non suporán incumprimento total os incumprimentos de creación e/ou mantemento de emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020, e non suporán perda ningunha da axuda, nos seguintes supostos:

– Cando o proxecto desenvolvido polo beneficiario da axuda estivese vinculado a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decretolei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Cando o proxecto desenvolvido polo beneficiario da axuda non estivese vinculado a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego, pero quedase acreditado que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19, de acordo co previsto no parágrafo último das letras b) e c) do número 3 do artigo 19.

h) Non comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

i) Non dar publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases.

j) Non comunicarlle ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

k) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional».

3. Modifícase o número 5 do artigo 19 das bases reguladoras, que quedará redactada nos seguintes termos:

«5. Incumprimentos en fase de mantemento do investimento, posteriores ao pagamento da axuda, que constituirán causa de reintegro co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 15 destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos ou os arrendamentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

c) No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, ou de tres anos no caso de proxectos en que a base subvencionable é o custo salarial, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente atendendo á media de emprego non mantido durante o período e aplicándolle a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

Non obstante o anterior, os incumprimentos de mantemento do emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non terán ningunha consecuencia sobre a axuda concedida nos seguintes supostos:

– Sen necesidade de acreditar a causa do incumprimento, cando se trate de empresas especialmente afectadas. Para estes efectos, considéranse empresas especialmente afectadas as beneficiarias cuxos proxectos estean vinculados a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Para os demais sectores, cando a beneficiaria xustifique que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19. Para estes efectos, presentarase unha memoria explicativa das circunstancias que motivaron o incumprimento, acompañada de estados financeiros comparativos (con respecto aos do mesmo período do exercicio 2019) que acrediten unha caída do importe neto da cifra de negocios e do resultado neto de, como mínimo, un 25 %. Cando se trate de estados financeiros correspondentes a un exercicio pechado para os cales non se cumpriu a data para a súa aprobación, ou tratándose de estados financeiros intermedios, deberán estar asinados polo beneficiario ou, de ser o caso, polos seus administradores».

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica