Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 5 de abril de 2021 Páx. 17743

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2021 pola que se modifican os efectos dos incumprimentos dos requisitos de mantemento de emprego vinculados aos proxectos de investimento obxecto de axuda ao abeiro da Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (Diario Oficial de Galicia número 247, do 29 de decembro de 2015), modificadas pola Resolución do 9 de maio de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 93, do 18 de maio de 2016), Resolución do 22 de decembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 26 de decembro de 2016), Resolución do 16 de abril de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 20 de abril de 2018) e Resolución do 19 de setembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 184, do 26 de setembro de 2018).

No Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 29 de decembro de 2015, publicouse a Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva, modificada pola Resolución do 9 de maio de 2016 (DOG núm. 93, do 18 de maio de 2016), Resolución do 22 de decembro de 2016 (DOG núm. 245, do 26 de decembro de 2016), Resolución do 16 de abril de 2018 (DOG núm. 77, do 20 de abril de 2018) e Resolución do 19 de setembro de 2018 (DOG núm. 184, do 26 de setembro de 2018).

Nas referidas bases reguladoras establécense unha serie de requisitos, condicionantes e puntuación para os efectos do cálculo da axuda, vinculados á creación e/ou o mantemento do emprego, que comportan os proxectos de investimento obxecto de axuda que, no contexto actual da COVID-19, poden ser difíciles de cumprir ou acadar por parte das empresas beneficiarias –por causas totalmente alleas á súa xestión–, cunhas consecuencias, en ocasións, moi gravosas para o bo fin dos investimentos e da situación financeira das compañías e, en definitiva, para o mantemento e crecemento do tecido produtivo da Comunidade Autónoma.

Con carácter xeral, os proxectos obxecto de axuda consisten en investimentos de certa envergadura con períodos de execución dilatados durante os cales as empresas beneficiarias deberán manter e crear os postos de traballo establecidos na resolución de concesión. Así mesmo, as empresas deberán manter a suma do emprego que deberán manter e crear no período de execución, con carácter xeral, nos dous anos posteriores á súa finalización, e nos proxectos en que a base subvencionable fose o custo salarial, nos tres anos posteriores á finalización do período de execución.

Debido a que existen proxectos beneficiarios destas axudas co período dos dous/tres anos posteriores á data de fin do período de execución aberto, en todo ou en parte, desde o inicio da crise sanitaria –que está a afectar a totalidade do tecido empresarial e, moi especialmente, determinados sectores coa súa actividade practicamente paralizada–, considérase oportuno limitar as consecuencias que puidesen ter os incumprimentos de mantemento do emprego ao abeiro destas bases reguladoras que, nalgúns casos, poderían levar á perda íntegra da axuda.

Así, proponse que os incumprimentos de mantemento do emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non teñan ningunha consecuencia sobre a axuda concedida, sen necesidade de acreditación adicional, cando se trate de sectores especialmente afectados e logo de acreditación de que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19, cando se trate do resto dos sectores.

Por todo o anterior, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Único

Modificar as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial da convocatoria do ano 2016, publicadas mediante a Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (DOG núm. 247, do 29 de decembro de 2015), modificada pola Resolución do 9 de maio de 2016 (DOG núm. 93, do 18 de maio de 2016), Resolución do 22 de decembro de 2016 (DOG núm. 245, do 26 de decembro de 2016), Resolución do 16 de abril de 2018 (DOG núm. 77, do 20 de abril de 2018) e Resolución do 19 de setembro de 2018 (DOG núm. 184, do 26 de setembro de 2018), nos seguintes termos:

Modificación do artigo 18 das bases reguladoras:

1. Modifícase o número 3 do artigo 18 das bases reguladoras, que quedará redactado nos seguintes termos:

«3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberanse reintegrar, se é o caso, as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido, de acordo co artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013.

c) No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión.

d) No que se refire ao mantemento do emprego con que conta a empresa na data de solicitude de axuda durante o período de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego durante o dito período e á cifra de emprego con que conte a empresa na data de finalización do prazo de execución. Estimarase un incumprimento parcial sempre que na data de execución a empresa conte con, polo menos, a cifra de emprego obrigada a manter, aínda que a media do período non acade a dita cifra, sempre que a desviación nesa media non supere o 10 % do emprego comprometido. O alcance deste incumprimento parcial calcularase proporcionalmente respecto ao emprego non mantido.

e) No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, ou de tres anos no caso de proxectos en que a base subvencionable é o custo salarial, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego mantido durante o período e aplicándolle a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión e nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

Non obstante o anterior, os incumprimentos de mantemento de emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020 non terán ningunha consecuencia sobre a axuda concedida nos seguintes supostos:

– Sen necesidade de acreditar a causa do incumprimento, cando se trate de empresas especialmente afectadas. Para estes efectos, considéranse empresas especialmente afectadas as beneficiarias cuxos proxectos estean vinculados a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Para os demais sectores, cando a beneficiaria xustifique que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19. Para estes efectos, presentarase unha memoria explicativa das circunstancias que motivaron o incumprimento, acompañada de estados financeiros comparativos (con respecto aos do mesmo período do exercicio 2019) que acrediten unha caída do importe neto da cifra de negocios e do resultado neto de, como mínimo, un 25 %. Cando se trate de estados financeiros correspondentes a un exercicio pechado para os cales non se cumpriu a data para a súa aprobación, ou tratándose de estados financeiros intermedios, deberán estar asinados polo beneficiario ou, de ser o caso, polos seus administradores.

f) No que se refire á condición de acreditación de fondos propios, o alcance do incumprimento determinarase rebaixando o importe do investimento subvencionable ao correspondente ao nivel de fondos propios efectivamente acreditado, sempre que o investimento correspondente non sexa inferior ao mínimo establecido nas bases.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

h) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida, de acordo coa seguinte gradación:

1º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

i) Non comunicarlle ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas que financien as actividades subvencionadas.

ii) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

iii) Non dar publicidade do financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 14.f) das bases reguladoras.

2º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder».

2. Modifícase o número 4 do artigo 18 das bases reguladoras, que quedará redactada nos seguintes termos:

«4. Causas de incumprimento total:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello.

d) Non dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Incumprimento da obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

g) Cando, como consecuencia do incumprimento, o investimento subvencionable ou o emprego queden por debaixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas ou superen os criterios para a determinación de incumprimento parcial establecidos no artigo 18.3 anterior.

Non obstante o anterior, non suporán incumprimento total os incumprimentos de mantemento de emprego con orixe nunha data igual ou posterior ao 14 de marzo de 2020, e non suporán perda ningunha da axuda nos seguintes supostos:

– Cando o proxecto desenvolvido beneficiario da axuda estivese vinculado a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego.

– Cando o proxecto desenvolvido beneficiario da axuda non estivese vinculado a unha actividade cun CNAE incluído no anexo do Real decreto lei 2/2021, do 26 de xaneiro, de reforzo e consolidación de medidas sociais en defensa do emprego, pero quedase acreditado que o incumprimento ten como causa a crise sanitaria da COVID-19, de acordo co previsto no parágrafo último da letra e) do número 3 do artigo 18».

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica