Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 30 de marzo de 2021 Páx. 17271

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

BDNS (Identif.): 554989.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña A, axudas ao alugamento de vivenda, as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.

e) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

i) Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

ii) Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña B, axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, as persoas físicas maiores de idade que non teñan feitos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1 deste ordinal.

Segundo. Réxime de concesión das axudas

A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 172, do 11 de setembro de 2019, modificada pola Orde do 17 de abril de 2020 (DOG núm. 77, do 22 de abril).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, por un importe total de 2.272.000 euros distribuído nas seguintes liñas:

Liñas de axudas

Aplicación

Proxecto

Importe 2021

Liña A. Axudas ao alugamento de vivenda

08.81.451B.480.6

2018 00008

1.485.000,00 €

Liña B. Axudas á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.81.451B.480.6

2018 00004

787.000,00 €

Total

2.272.000,00 €

2. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, no marco do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efectos logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Se se desestiman solicitudes por falta de orzamento e, con posterioridade á emisión da resolución, se incrementan os créditos destinados ao financiamento das ditas axudas ou se libera parte do crédito dispoñible inicialmente, por renuncia da persoa beneficiaria ou por non ter achegado a preceptiva xustificación en prazo, o órgano instrutor poderá propoñer a concesión da axuda ás solicitudes que se desestimasen por falta de crédito orzamentario, segundo a orde de prioridade establecida no artigo 12 das bases reguladoras e sempre e cando se liberase crédito suficiente para atender, cando menos, unha das solicitudes desestimadas.

5. En relación co punto anterior, se nun dos programas non se esgota o crédito dispoñible para o financiamento das axudas, a parte do crédito restante poderá destinarse a atender as solicitudes doutro programa que fosen desestimadas por falta de orzamento.

Quinto. Duración das axudas

As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, prazo de remate da vixencia do Plan 2018-2021.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo