Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16603

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2021 pola que se acredita o Campus Industrial de Ferrol como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (SUG), de acordo co procedemento establecido na Orde de 10 de setembro de 2019.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, por medio da Orde do 10 de setembro de 2019, estableceu o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED442B, publicada no DOG número 177, do 18 de setembro), no marco dun programa que pretende impulsar unha dinámica de especialización dos campus do SUG nunha articulación e agregación harmonizada e complementaria das capacidades docentes e de investigación das universidades galegas arredor de temáticas –dominios de coñecementos ou retos sociais e económicos– en que estas presenten maiores fortalezas ou oportunidades para avanzar cara a maiores niveis de calidade, ben polo prestixio acadado ou porque son un vector de desenvolvemento socioeconómico.

Ao amparo deste procedemento, a Universidade da Coruña presentou unha solicitude e a documentación complementaria para a acreditación como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia do Campus Industrial de Ferrol, en diante CIF.

A instrución do procedemento para obter a acreditación como campus de especialización (en diante CE) corresponde á Secretaría Xeral de Universidades, segundo establece o artigo 5.2 e 10 da citada orde.

O artigo 12 da dita orde recolle o procedemento de avaliación previsto para as propostas que se presenten, que se baseará na realización dunha avaliación a cargo dun panel de persoas expertas externas ao SUG (comité de avaliación). Este comité, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, é o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión cos representantes do CE e elaborar os informes de avaliación.

Atendendo ao procedemento de avaliación establecido, trasladouse ao comité de avaliación a documentación presentada quen, logo da súa análise inicial, emitiu un informe preliminar de avaliación sobre o CIF que, de acordo co procedemento establecido, foi notificado á Universidade da Coruña.

Á vista deste informe, a UDC reformulou a súa proposta facendo unha nova achega de documentación en que recollía as observacións/modificacións do comité de avaliación, e que se trasladou novamente ao comité para a súa análise.

Con data do 12.2.2021 o comité de avaliación, logo dunha reunión telemática entre o comité de avaliación e os responsables da UDC para resolver dúbidas ou cuestións relacionadas coa nova documentación complementaria, emite o informe final de avaliación sobre o CIF á Secretaría Xeral de Universidades que recolle as seguintes consideracións:

– O CIF realizou ao longo do proceso un importante esforzo por presentar unha proposta sólida e forneceu a documentación complementaria necesaria para o seu estudo segundo as cuestións e correccións que demandou o comité ao longo do proceso.

– Porén, hai algunhas cuestións críticas de diversa índole que, a xuízo do comité, poden comprometer a viabilidade do CIF e o seu proxecto de futuro que é preciso emendar nun marco de espazo temporal ben definido e delimitado, razón pola cal se desaconsella a súa acreditación polo período máximo permitido, indicando que, no seu criterio, debe outorgarse unha acreditación por un período de tres anos suxeita a unhas condicións de obrigado e estrito cumprimento segundo o establecido no artigo 12 da convocatoria.

– Que, dado que a acreditación temporal de tres anos obriga, segundo a convocatoria, a un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo, esta obriga debe concretarse nunha serie de items de mellora, suxerindo unha serie de indicadores de verificación do grao de cumprimento.

Con data do 9.3.2021 a Secretaría Xeral de Universidades, como órgano instrutor do procedemento, elaborou unha proposta de resolución tomando como base o informe final do comité de avaliación e facendo súas as propostas que estaban contidas nel.

A competencia para resolver este procedemento corresponde á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de acordo co artigo 12 da Orde do 10 de setembro de 2019.

Vistos os antecedentes de feito, así como as consideracións mencionadas e demais de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

1. Acreditar como campus de especialización do SUG o Campus Industrial de Ferrol, co acrónimo CIF.

2. A acreditación estenderase por un período de tres anos desde a data de sinatura da resolución e a súa vixencia e efectos estarán suxeitos ás seguintes condicións, de acordo co sinalado no informe final do comité de avaliación e no informe proposta da Secretaría Xeral de Universidades:

a) Promoción e potenciación da investigación: o CIF deberá fortalecer no período o seu desempeño nos seguintes aspectos:

– Incremento da captación de talento predoutoral e posdoutoral e do esforzo económico nesta materia.

– Desenvolvemento dun programa de doutoramento industrial.

– Manter a masa crítica do persoal investigador de alto nivel con que conta o CE na actualidade.

– Mellora e incremento dos indicadores de produción científica.

b) Transferencia: as accións de transferencia ao sector produtivo abranguerán os seguintes aspectos:

– O CIF deberá mellorar os resultados de transferencia ao sector produtivo con especial incidencia no aumento das patentes rexistradas e en explotación e o incremento da captación de financiamento por convenios ou contratos con entidades públicas e privadas.

– Desenvolvemento da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia: neste período deberanse centrar os esforzos nun mellor traballo conxunto incrementando os valores de número de proxectos, financiamento asociado e persoal investigador que participa neles.

– Programa de cátedras: creación da cátedra GHENOVA e inicio das negociacións para o establecemento doutras novas.

c) Internacionalización: entendida como acción transversal prioritaria que debe concretarse en:

– Representación internacional dos órganos de goberno do CIF.

– Aumento do número de estudantes estranxeiros.

– Colaboracións reais con outras entidades do estranxeiro.

– Participación en proxectos europeos.

– Posta en funcionamento dunha oficina de relación internacional.

d) Docencia:

– Mellora do plan de formación continua atendendo ao número de seminarios de coñecemento básico e de formación avanzada impartidos, á participación dos asistentes neles e á realización de enquisas sobre a calidade e idoneidade dos seminarios impartidos.

– Estudo polo miúdo da análise da demanda de necesidades docentes e de empregabilidade dos egresados.

3. Para obxectivar o cumprimento destas condicións establecerase un panel de indicadores de execución e resultado que serán fixados nun protocolo para asinar entre a Consellería e a UDC nun prazo dun mes a partir da data desta resolución.

4. Para verificar o cumprimento dos indicadores que se fixen no protocolo establécese un sistema de monitorización permanente que estará artellado da seguinte maneira:

a) Antes do 30 de novembro de cada ano de vixencia da acreditación, os responsables do CIF deberán presentar os indicadores de execución e resultado recollidos no protocolo, xunto coa documentación xustificativa que dea soporte para verificar o grao de cumprimento.

b) Á vista desta documentación, a Consellería poderá manter a acreditación na forma en que foi concedida ou ben revogala se o cumprimento dos indicadores non for o exixido. No caso de que circunstancias de contexto así o determinen, poderanse modificar os indicadores recollidos no protocolo graduando a intensidade ou temporalidade do seu cumprimento. Neste suposto a Consellería poderá solicitar os informes externos que considere necesarios.

c) A revogación da acreditación e/ou a modificación de indicadores previstos no parágrafo anterior farase por resolución expresa do órgano que concedeu a acreditación.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade