Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16608

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 18 de marzo de 2021 pola que se amplía o prazo para a xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2020, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano 2021.

O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de marzo, establece, no seu artigo 43.1, segundo a redacción dada a este precepto pola modificación do dito decreto aprobada no Decreto 148/2014, do 6 de novembro, publicado no Diario Oficial de Galicia número 228, do 27 de novembro, que unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 31 de marzo do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o dito decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios, a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, así como o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano en curso. A esta data límite do 31 de marzo tamén fai referencia o artigo 58.6 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo, na redacción dada polo antedito Decreto 148/2014, do 6 de novembro, para a presentación, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, da certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, e demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Debido á necesidade de actualizar a aplicación informática a través da cal todas as corporacións locais teñen que elaborar necesariamente os formularios para a xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2020, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2021, mediante o cal as corporacións locais solicitan o financiamento para a prestación dos servizos sociais comunitarios da súa competencia, por mor dun pequeno atraso no proceso de actualización da dita aplicación que está a dificultar a súa completa dispoñibilidade coa antelación suficiente para a cobertura dos datos indicados no prazo establecido, cómpre abordar a ampliación do dito prazo mediante a tramitación da presente orde.

En consecuencia, de conformidade coa disposición derradeira segunda do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que faculta a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do dito decreto e, en concreto, para o desenvolvemento mediante unha orde dos aspectos procesuais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais, e no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, desenvolvida polo Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo

Ampliar o prazo para a presentación da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2020, así como para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio 2021, ata o día 30 de abril de 2021, incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social