Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 26 de marzo de 2021 Páx. 16787

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 17 de marzo de 2021 pola que se notifica o acordo de inicio do expediente de caducidade dunha concesión administrativa no porto de Tragove (Cambados).

Con data do 4 de marzo de 2021, a Presidencia de Portos de Galicia, ao abeiro das competencias conferidas polo artigo 12.3.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, emite resolución pola que acorda incoar expediente de caducidade da concesión administrativa outorgada o 13 de xaneiro de 2004 á empresa Alimentación Projoscar, S.L. con destino á construción dunha planta de engorda de rodaballo no porto de Tragove, Cambados.

A instrución recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, con domicilio para os efectos do presente expediente en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, de Santiago de Compostela; o seu réxime de abstención e recusación é o consignado nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O acordo de incoación emitido polo instrutor o 4 de marzo de 2021 foi rexeitado no sistema Notifica-gal. Malia iso, intentouse a notificación postal nos últimos domicilios que constan no expediente, onde tampouco foi posible a notificación polo que, de conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se notifica mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

O expediente incóase pola concorrencia das causas de caducidade previstas na condición xeral do título da concesión 32ª, nas súas alíneas a) e b), por falla de pagamento das taxas por un período superior a un ano e ausencia de actividade.

Contra o acordo de incoación poderanse formular alegacións perante o instrutor designado no expediente, para o cal se outorga un prazo máximo de 10 días hábiles contado desde o día seguinte ao da publicación do acordo no Boletín Oficial del Estado.

En aplicación do previsto no artigo 90.1.b) da Lei de portos de Galicia, o aboamento das cantidades debidas por taxas antes de ditarse resolución determinará o arquivamento do expediente no que atinxe a ese motivo en concreto.

Para o seu exame, o expediente atópase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021

Jesús Javier Fernández Barro
Instrutor