Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16406

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de marzo do 2021 pola que se dá publicidade do encargo á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios S.A., S.M.E., M.P. do apoio técnico á representación autonómica no ámbito da innovación na Unión Europea.

De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade ao seguinte encargo a medio propio:

• Resolución do 1 de marzo de 2021 pola que se encarga á empresa Tecnologías y Servicios Agrarios S.A., S.M.E., M.P. (en diante, Tragsatec) o apoio técnico á representación autonómica no ámbito da innovación na Unión Europea.

• Actividade: Tragsatec realizará tarefas de apoio na representación autonómica no ámbito da innovación na Unión Europea, todo iso nos termos e condicións que se derivan da presente resolución e que se detallan no anexo I de condicións técnicas.

• Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encargo a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do número 2 do artigo 32 e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas no punto 4, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

A empresa pública Tragsatec encargarase de realizar as tarefas que se detallan no anexo I da resolución.

O persoal necesario para a execución do encargo dependerá exclusivamente de Tragsatec, o cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador respecto deste.

• Financiamento: o orzamento de execución é de douscentos cincuenta e un mil setecentos corenta e seis euros con sesenta e catro céntimos (251.746,64 €), non aplica IVE, con cargo á aplicación orzamentaria 06.A2.561A.640.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Innovación para os anos 2021, 2022 e 2023, segundo a seguinte desagregación por anualidades:

Aplicación orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Ano 2023

Total

06.A2.561A.640.0

104.894,43 €

125.873,32 €

20.978,89 €

251.746,64 €

Para todos os efectos, entenderase que o orzamento aprobado pola Gain en canto administración pública poder adxudicador, comprende todos os gastos directos e indirectos que a empresa deba realizar para a normal execución dos traballos encargados.

• Prazo de vixencia: do 1 de marzo de 2021 ao 28 de febreiro de 2023 e poderá prorrogarse un ano en caso de persistencia da necesidade do encargo e de que exista crédito orzamentario dispoñible.

A empresa Tragsatec está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación