Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16404

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT403B).

BDNS (Identif.): 553850.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index.

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, e as súas asociacións, así como as sociedades civís e comunidades de bens -ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia-, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT403B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 800.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-00005, distribuído entre as anualidades 2021, 2022 e 2023: 200.000 euros con cargo ao exercicio 2021; 500.000 euros con cargo ao exercicio 2022 e 100.000 con cargo ao exercicio 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais