Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 22 de marzo de 2021 Páx. 15862

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Moaña

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de equidistribución do SUNC P-11 de Sisalde, que se executará polo sistema de cooperación.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Moaña, desenvolvida o 25 de xaneiro de 2021, aprobou definitivamente o Proxecto de equidistribución do SUNC P-11 de Sisalde, que se executará polo sistema de cooperación, adoptando o acordo que a seguir se transcribe:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Proxecto de equidistribución do SUNC P-11 de Sisalde, que se executará polo sistema de cooperación. De conformidade cos artigos 107 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e o artigo 274 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, esta aprobación definitiva terá os seguintes efectos:

1. O acordo aprobatorio do instrumento de equidistribución producirá os seguintes efectos:

a) Transmisión ao municipio, en pleno dominio e libre de cargas, de todos os terreos de cesión obrigatoria para a súa incorporación ao patrimonio público do solo ou a súa afectación aos usos previstos no planeamento.

b) Subrogación, con plena eficacia real, das antigas polas novas parcelas correspondentes.

c) Afectación real das parcelas adxudicadas ao cumprimento das cargas e pagamento dos custos inherentes ao sistema de actuación correspondente.

2. A aprobación definitiva do instrumento de equidistribución habilita a Administración para proceder á ocupación dos terreos e bens que, pola súa cualificación urbanística, deban ser obxecto de cesión obrigatoria e gratuíta e daqueloutros incluídos no ámbito que resulten necesarios para a execución material das obras de urbanización.

3. Unha vez firme en vía administrativa o acordo de aprobación definitiva do instrumento de equidistribución, procederase á súa inscrición no rexistro da propiedade.

Segundo. Que se proceda a publicar un anuncio no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Que se proceda á notificación individualizada a cargo da Administración actuante a todos os propietarios e interesados no polígono e nos sistemas xerais afectos, considerando os datos catastrais e os que figuren no Rexistro da Propiedade segundo a certificación expedida para tal efecto no seo do procedemento.

Cuarto. De conformidade co establecido nos artigos 107.3 da LSG e 272 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, unha vez firme en vía administrativa o acordo de aprobación definitiva do instrumento de equidistribución, procederase á súa inscrición no Rexistro da Propiedade.

Recursos:

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse ou ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación. Se se opta por interpoñer recurso potestativo de reposición, non poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio. Todo iso sen prexuízo de que se interpoña calquera outro recurso que se coide procedente segundo o artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Moaña, 1 de febreiro de 2021

Leticia Santos Paz
Alcaldesa