Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 17 de marzo de 2021 Páx. 15138

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de febreiro de 2021 de aprobación definitiva da corrección de erro do Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis na localización do petróglifo das Cortiñas, no lugar do Cope (Carracedo).

I. Antecedentes:

I.1. O Concello de Caldas de Reis conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado parcialmente mediante Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 22.12.2016 (DOG do 1.2.2017), e con aprobación definitiva por Orde do 11.10.2018 (DOG do 2.11.2018). Consta a publicación da normativa urbanística (NU) no BOP do 27.4.2017 e do 15.3.2019.

I.2. Consta a publicación no DOG do 27.8.2018 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico (PBA), así como a publicación da Resolución do 25.5.2020, da Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se aproba a actualización do PBA, no DOG do 15 de xuño (rectificación de erros, Resolución do 2.11.2020, DOG do 17 de novembro).

I.3. En datas 14.1.2021 e 19.2.2021 tivo entrada documentación achegada polo Concello de Caldas de Reis, en relación coa corrección de erros na localización do petróglifo das Cortiñas no lugar do Cope (Carracedo), recollido no Plan xeral de ordenación municipal:

• Documento para «Corrección do erro na localización do petróglifo das Cortiñas no Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis, no lugar do Cope, Carracedo» asinado polo arquitecto Antonio Iglesias Álvaro-García con data do 9.2.202, coa dilixencia do secretario accidental municipal do 11.2.2021.

• Certificado do secretario accidental do 29.12.2020, do Acordo do Concello Pleno en sesión ordinaria celebrada o 26.11.2020.

• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 12.3.2020 respecto do erro detectado na localización do petróglifo das Cortiñas, no lugar do Cope.

• Documentación en soporte vectorial xeorreferenciado.

I.4. No certificado do secretario accidental do 29.12.2020, sobre o acordo plenario do día 26.11.2020, faise constar:

«[...] Expediente 2441/2020. Corrección do erro na localización do petróglifo das Cortiñas no lugar do Cope (Carracedo) no Plan xeral de ordenación municipal.

Antecedentes:

Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo e Obras, en sesión ordinaria celebrada o 23 de novembro de 2020, que se transcribe de seguido:

Dáse conta aos membros da Comisión da proposta da Alcaldía do 18.11.2020 que se transcribe deseguido:

«Proposta de Alcaldía sobre á corrección do erro material existente no PXOM de Caldas de Reis.

Expediente 2441/2020.

Antecedentes:

O Concello de Caldas de Reis conta con Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente mediante Orde do 22.12.2016 e 11.10.2018 (DOG do 1.2.2017 e do 2.11.2018).

Con data do 12.3.2020 emítese informe do Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) en que se indica que, no transcurso dun procedemento de autorización, se comprobou un erro na localización nos planos do PXOM de Caldas de Reis, do ben codificado co GA36005019, denominado petróglifo das Cortiñas, no lugar do Cope da parroquia de Carracedo, indicando que a localización correcta non é a que figura reflectida nos planos do PXOM senón a que figura nas bases de datos da DXPC, así como no visor do Plan básico autonómico, nas coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155. Indícase, así mesmo, no informe que na localización en que o PXOM identifica o petróglifo, se ben existen afloramentos rochosos, non se constatou a existencia de mostras de arte rupestre, e por tanto, non corresponde nin co petróglifo devandito nin con outro elemento do patrimonio cultural clasificado ou coñecido neste momento.

Con data 3.11.2020, rexistro de entrada nº 1063, o arquitecto Antonio Iglesias Álvaro-Gracia presenta a documentación pola cal, unha vez revisada a documentación do PXOM, se procede a corrixir a documentación gráfica afectada polo erro, eliminando a localización e as afeccións asociadas á área de protección integral e a área de respecto do xacemento da localización errada, e substituíndoas pola localización exacta e área de respecto ou contorno de protección indicado no Plan básico autonómico, de conformidade co informe da DXPC.

Resultado da corrección do erro material, os documentos modificados do PXOM son os seguintes:

Ficha X_019 do Catálogo do PXOM.

Plano O1: estrutura xeral e orgánica do territorio (E 1/20.000).

Plano O2: clasificación e categorización do solo do termo municipal (E 1/5.000).

Plano O3, folla 05J: ordenación pormenorizada do solo urbano, núcleo e solo urbanizable (E 2.000).

Informe do aparellador municipal do 18 de novembro de 2020.

Informe da secretaria xeral do 18 de novembro de 2020.

Proposta.

Con base nos antecedentes expostos, proponse ao Pleno da Corporación, logo de ditame da Comisión informativa de Urbanismo, o seguinte acordo:

Acordo do Pleno do Concello, logo de ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, polo que se aprobe:

1º. Proceder á corrección do erro material existente do PXOM deste concello na localización nos planos do PXOM de Caldas de Reis do ben codificado co GA36005019, denominado “petróglifo das Cortiñas”, no lugar do Cope da parroquia de Carracedo, indicando que a localización correcta non é a que figura reflectida nos planos do PXOM senón a que figura nas bases de datos da DXPC, así como no visor do Plan básico autonómico, nas coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155.

Resultado da corrección do erro material, os documentos modificados do PXOM son os seguintes:

Ficha X_019 do Catálogo do PXOM.

Plano O1: estrutura xeral e orgánica do territorio (E 1/20.000).

Plano O2: clasificación e categorización do solo do termo municipal (E 1/5.000).

Plano O3, folla 05J: ordenación pormenorizada do solo urbano, núcleo e solo urbanizable (E 2.000).

2º. Remitir este acordo á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, por ser o órgano competente para resolver de conformidade co disposto nos artigos 60, 61, e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro do solo de Galicia e posteriormente, se procede, publicar a dita corrección de erros no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra [...].

[...] A Comisión Informativa, por maioría dos membros presentes, dictamina favorablemente o asunto e propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:

1º. Proceder á corrección do erro material existente do PXOM deste concello na localización nos planos do PXOM de Caldas de Reis, do ben codificado co GA36005019, denominado petróglifo das Cortiñas, no lugar do Cope da parroquia de Carracedo, indicando que a localización correcta non é a que figura reflectida nos planos do PXOM senón a que figura nas bases de datos da DXPC, así como no visor do Plan básico autonómico, nas coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155.

Resultado da corrección do erro material, os documentos modificados do PXOM son os seguintes:

Ficha X_019 do Catálogo do PXOM.

Plano O1: estrutura xeral e orgánica do territorio (E 1/20.000).

Plano O2: clasificación e categorización do solo do termo municipal (E 1/5.000).

Plano O3, folla 05J: ordenación pormenorizada do solo urbano, núcleo e solo urbanizable (E 2.000).

2º. Remitir este acordo á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, por ser o órgano competente para resolver de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e posteriormente, se procede, publicar a dita corrección de erros no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra.

De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Caldas de Reis no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4º. Facultar o alcalde presidente para subscribir e asinar toda clase de documentos relacionados con este asunto [...]».

I.5. Serviu de fundamento previo a ese acordo plenario o informe do Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 12.3.2020, en que se indica:

«[…] No transcurso dun procedemento de autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no termo municipal de Caldas de Reis e despois do informe do arqueólogo do departamento territorial, comprobouse un erro na localización recollido no PXOM do 22.12.2016 vixente en Caldas de Reis na ficha X_019 e planos de ordenación do ben codificado co GA36005019, denominado petróglifo das Cortiñas, no lugar do Cope da parroquia de Carracedo.

Nas bases de datos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como no visor do Plan básico autonómico, a localización do elemento arqueolóxico é a correcta.

Segundo o informe técnico devandito, na localización que identifica o PXOM, ben que existen afloramentos rochosos, non se constatou a existencia de mostras de arte rupestre e, por tanto, non corresponde nin co petróglifo devandito nin con outro elemento do patrimonio cultural clasificado ou coñecido neste momento.

O informe identifica a localización correcta do petróglifo das Cortiñas GA36005019 nas seguintes coordenadas UTM: ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155.

Do cal se informa para os efectos do seu coñecemento e consideración e, de ser o caso, trámites oportunos para a corrección do erro no documento urbanístico e os trámites que afecten as localizacións referidas se axusten á realidade material, tanto no ámbito da correcta localización como no referido no PXOM de forma errada [...]».

II. Análise e consideracións.

II.1. No Informe do Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 12.3.2020, ponse de manifesto o erro material respecto das coordenadas de localización e, ademais de informar «para os efectos do seu coñecemento e consideración e, de ser o caso, trámites oportunos para a corrección do erro no documento urbanístico e os trámites que afecten as localizacións referidas se axusten á realidade material, tanto no ámbito da correcta localización como no referido no PXOM de forma errada» coa finalidade de que se axuste á realidade material.

II.2. O Concello de Caldas de Reis achega xustificación da corrección de erros que propón con base na análise dos documentos que forman parte do PXOM e que se ven afectados por este erro material, referidos aos seguintes documentos:

• Ficha X_019 do Catálogo do patrimonio cultural do PXOM.

• Plano O1: estrutura xeral e orgánica do territorio (E 1/20.000).

• Plano O2: clasificación e categorización do solo do termo municipal (E 1/5.000).

• Plano O3, folla 05J: ordenación pormenorizada do solo urbano, núcleo e solo urbanizable (E 2.000).

A proposta de corrección dos erros detectados no PXOM para este caso fundaméntase desde o punto de vista municipal tendo en conta que, nos citados documentos que forman parte do PXOM de Caldas de Reis, figura unha localización errada do petróglifo das Cortiñas GA36005019, cando deberían figurar as seguintes coordenadas correctas UTM: ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155.

II.3. Cómpre citar a normativa de aplicación ao caso e a doutrina asentada respecto do criterio xurisprudencial de aplicación, antes de analizar polo miúdo o caso que en sede municipal se considera para que concorra o suposto de erro material.

A corrección de erros está regulada no artigo 109 (revogación de actos e rectificación de erros) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), que se refire así no seu número 2: «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración exposta en sentenzas como a do Tribunal Supremo, Sala 3ª, Sección 4ª, do 18 de xuño de 2001, na cal «Para que sexa posible a rectificación de erros materiais ao abeiro do artigo 111 da LPA aplicable ao caso axuizado por razóns temporais, segundo constante é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito), polo que, para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que concorran, en esencia, as seguintes circunstancias:

1) Que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos.

2) Que o erro se aprecie tendo que conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.

3) Que o erro sexa patente e claro, sen necesidade de acudir a interpretacións de normas xurídicas aplicables.

4) Que non se proceda de oficio á revisión de actos administrativos firmes e consentidos.

5) Que non se produza unha alteración fundamental no sentido do acto (pois non existe erro material cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo ou exixa unha operación de cualificación xurídica).

6) Que non padeza a subsistencia do acto administrativo, é dicir, que non xere a súa anulación ou revogación en canto creador de dereitos subxectivos producindo un novo sobre bases diferentes e sen as debidas garantías para o afectado, pois o acto administrativo rectificador deberá mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio que o acto rectificado, sen que poida a Administración, so pretexto da súa potestade rectificadora de oficio, encubrir unha auténtica revisión; e

7) Que se aplique cun fondo criterio restritivo».

II.4. A xustificación da existencia dun erro material (localización correcta do petróglifo das Cortiñas GA36005019 nas coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155) podería tratarse dun erro de mera transcrición de documentos en que constaran correctamente as coordenadas. Así se recoñece na análise anterior, resultando clara e evidente, tratándose, por tanto, dun erro material de transcrición de documentos ou ben dun erro mecanográfico. A súa apreciación non implica un xuízo valorativo e non exixe unha operación de cualificación xurídica. Foi promovida a proposta de rectificación polo órgano sectorial que tutela o ben obxecto de protección.

II.5. Consonte o establecido na xurisprudencia, sentenzas do Tribunal Supremo do 18.6.2001 (RX 2001, 9512) (casación 2947/1993) –con cita de sentenzas do 18.5.1967, do 15.10.1984 (RX 1984, 5099), do 31.10.1984, do 16.11.1984, do 30.5.1985 (RX 1985, 2325), do 18.9.1985, do 31.1.1989, do 13.3.1989, do 29.3.1989, do 9.10.1989 (RX 1989, 7033), do 26.10.1989, do 20.12.1989, do 27.2.1990 (RX 1990, 1521), do 23.12.1991, do 16.11.1999 (RX 1998, 8127)– para que sexa posible a rectificación de erros: «…é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito)».

II.6. Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material (mecanográfico), de transcrición, é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación do articulado que conforma as normas urbanísticas aprobadas no seu día e publicadas no BOP do 15.10.2012, o que fai que sexa procedente a súa emenda; en consecuencia, procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

II.7. Consonte a xustificación achegada polo Concello de Caldas de Reis, cúmprense os requisitos para consideralo como erro material, pois trátase dun erro material constatable, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica, respecto da localización do petróglifo das Cortiñas GA36005019, situado no núcleo do Cope, parroquia de Carracedo.

Por tanto, resulta procedente a corrección de erros proposta derivada dun erro material (mecanográfico ou de transcrición de documentos), que é coherente co contido do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 12.3.2020 citado.

II.8. En consecuencia, cómpre proceder á corrección do erro material nos documentos:

• Ficha X_019 do Catálogo do PXOM.

• Plano O1: estrutura xeral e orgánica do territorio (E 1/20.000).

• Plano O2: clasificación e categorización do solo do termo municipal (E 1/5.000).

• Plano O3, folla 05J: ordenación pormenorizada do solo urbano, núcleo e solo urbanizable (E 2.000).

III. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».

A competencia para resolver correspondelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da LSG; e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Aprobar a corrección de erros na localización do petróglifo das Cortiñas, GA36005019, no lugar do Cope (Carracedo), concello de Caldas de Reis (Pontevedra), nas coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 X: 528.260, Y: 4.722.155, aprobadas polo Concello Pleno en sesión ordinaria celebrada o 26.11.2020 con base no contido do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do día 12.3.2020.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda