Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 15121

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Regulación de usos.

O Pleno da Corporación, na sesión extraordinaria que tivo lugar o día 12 de marzo de 2021, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente a modificación puntual do título III do Plan xeral de ordenación municipal (regulación de usos), segundo o documento formulado polos servizos técnicos municipais de planeamento en marzo de 2021.

b) En aplicación do procedemento regulado nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e 144.6 do seu regulamento de desenvolvemento (RLSG), a modificación inicialmente aprobada someterase á información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

Suspensión de licenzas e actos suxeitos a comunicación previa

O acordo de aprobación inicial determina automaticamente, por aplicación do que dispoñen os artigos 47.2 da LSG e 86 do RLSG, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba que resulten incompatibles ou contrarias ás novas determinacións da modificación inicialmente aprobada.

A suspensión inclúe tamén os actos suxeitos a comunicación previa cando supoñan a implantación de usos ou actividades non autorizados polo novo planeamento (artigo 86.3.d) do RLSG).

Actos non afectados pola suspensión

Dado o contido e alcance da reforma, a suspensión non afectará:

– As licenzas de parcelación e derruba.

– As obras de nova edificación, reforma e rehabilitación, agás que comporten a implantación de usos ou actividades non autorizados polo novo plan.

– As licenzas de primeira ocupación.

– Os proxectos que cumpran simultaneamente o planeamento vixente e o resultante da modificación inicialmente aprobada.

– Os actos suxeitos a comunicación previa, agás que supoñan a implantación de usos ou actividades non autorizados polo novo plan.

O ámbito territorial da suspensión abrangue todo o termo municipal, coa única excepción do solo rústico, que se rexe pola lexislación do solo de Galicia.

A suspensión terá a duración máxima de dous anos, contados a partir do día seguinte ao do acordo de aprobación inicial, e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva do planeamento.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. Nas alegacións que se presenten deberá constar a referencia PLA/38/2019.

A documentación sometida á exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, en horario das 9 ás 14.00 horas, logo de cita que se deberá solicitar no número de teléfono 981 54 24 26, e na páxina web do concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-puntual-do-titulo-III-do-PXOM.-Regulacion-de-usos/gl

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2021

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica