Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14717

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 43/2021, do 4 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/19/135.06.1, no concello de Ourense.

Antecedentes:

Primeiro. O día 4 de abril de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 65) o Anuncio do 21 de marzo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: Itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados o 16 de febreiro de 2021 apróbase o expediente de información pública: Itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780, de clave OU/16/270.06. Neste proxecto se consideran dúas sendas, unha delas na marxe da estrada OU-402 e outra na marxe dereita do río Miño.

Terceiro. Coa finalidade de facilitar a execución das actuacións proxectadas, o proxecto inicial «Itinerario peonil e ciclista na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090- 3+780», de clave OU/16/270.06, segregouse en dous proxectos construtivos, cada un dos cales recolle cada unha das sendas consideradas. Estes proxectos son:

• «Fomento da mobilidade sustentable. Nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780», de clave OU/19/135.06.1, que recolle o itinerario peonil da estrada OU-402.

• «Fomento da mobilidade sustentable. Senda na beira do Miño (Termas de Outariz)», de clave OU/19/135.06.2, que recolle a senda na marxe dereita do río Miño.

Cuarto. O día 16 de febreiro de 2021 apróbase o proxecto construtivo «Fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780», de clave OU/19/135.06.1.

Este proxecto construtivo aprobado ten por obxecto a creación dun itinerario peonil na estrada OU-402, xa que na actualidade o tráfico peonil circula polas beiravías da calzada debido á carencia de beirarrúas, polo que a realización da senda dotará de maior seguridade aos viandantes e fomentará a mobilidade sostible. Executaranse tamén diferentes espazos de aparcadoiro e paradas de bus, tanto na marxe dereita coma esquerda da estrada OU-402.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de marzo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: «Fomento da mobilidade sustentable, nova senda na OU-402, treito Reza, puntos quilométricos 1+090-3+780», de clave OU/19/135.06.1.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade