Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 12 de marzo de 2021 Páx. 14476

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 1 de marzo de 2021 pola que se habilitan determinados colectivos da consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73.4 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo naquelas actuacións que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización, regulamentariamente poderá habilitarse para determinados colectivos de persoal empregado público do sector público autonómico o uso de certificados electrónicos con pseudónimo, debendo referirse, en todo caso, ao número de identificación profesional de empregada ou empregado público, o cal permitirá a súa identificación nos casos en que sexa preciso.

A Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo da habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

No ámbito competencial da Consellería do Medio Rural son varias as normas con rango de lei que consideran determinado persoal empregado público axente da autoridade cando desenvolve a súa actividade ao abeiro do establecido nelas.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, prevé no seu artigo 78 que o persoal funcionario ao servizo das administracións públicas, no exercicio das funcións inspectoras recollidas na devandita lei, terá o carácter de axente da autoridade.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e a Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, establecen respectivamente nos seus artigos 54 e 7 a consideración de axentes da autoridade do persoal da Administración pública que realiza as funcións inspectoras derivadas de ambas as dúas normas.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, dispón no seu artigo 50 que o persoal ao servizo das administracións públicas que exerza as funcións de inspección previstas nesa lei terá o carácter de autoridade.

Finalmente, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece no seu artigo 139 que os axentes forestais e os axentes facultativos medioambientais, no exercicio das súas funcións, son axentes da autoridade.

De acordo co exposto, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de persoal empregado público da Consellería do Medio Rural para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Colectivos de persoal empregado público da Consellería do Medio Rural que se habilitan para o uso do certificado dixital con pseudónimo

A Consellería do Medio Rural habilita os seguintes colectivos de persoal empregado público para o uso do certificado dixital con pseudónimo exclusivamente para o desenvolvemento das funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de axentes de autoridade. En concreto:

1. O persoal funcionario do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios/as, que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, na Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, e na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

2. O persoal funcionario do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros e enxeñeiras, especialidade de enxeñaría agronómica, e do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros e enxeñeiras técnicas, especialidade de enxeñaría técnica agrícola, que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, na Lei 28/2015, do 30 de xullo, para a defensa da calidade alimentaria, e na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

3. O persoal funcionario da escala de axentes técnicos e técnicas en xestión medioambiental, que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución do 13 de abril de 2020, conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, actas ou documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal funcionario por concorrer circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural