Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 9 de marzo de 2021 Páx. 13807

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Ribas de Sil para a delimitación do núcleo rural da Veiga.

O 23.11.2020 o Concello de Ribas de Sil remitiu proxecto de modificación puntual (MP) datado en setembro de 2020, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Ribas de Sil réxese polo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 17.3.2009. O núcleo da Veiga non figura delimitado.

1.2. De acordo coa documentación remitida polo Concello, a tramitación incluíu:

• Emisión de informes municipais, xurídico (20.3.2014) e técnico (8.4.2014).

• Aprobación inicial do expediente (acordo plenario do 8.4.2014).

• Exposición pública con anuncios en El Progreso (14.5.2014), DOG (16.5.2014) e La Voz de Galicia (17.5.2014) por prazo dun mes. Non se presentaron alegacións.

• Primeira aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 1.9.2014).

• Solicitude de informes sectoriais, a Augas de Galicia (19.11.2014), Servizo de Patrimonio Cultural (19.11.2014), DX de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (9.12.2014) e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (9.12.2014).

• Emisión de informes sectoriais:

• Axencia Galega de Infraestruturas (16.12.2014). Indica inafección ás súas estradas.

• DX Telecomunicacións do Ministerio de Industria (5.2.2015), favorable.

• Confederación Hidrográfica do Miño-Sil –CHMS– (13.3.2015), desfavorable.

• DX Patrimonio Cultural (16.4.2015). Indica inafección ao patrimonio cultural.

• Elaboración de nova versión da modificación (maio 2015), en atención ao informe da CHMS, e de informe dos cambios realizados respecto da versión anterior.

• Novo informe sectorial da CHMS (21.9.2015), favorable.

• Informe/ditame técnico municipal (2.3.2016).

• Segunda aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 7.3.2016).

• Emisión de informes municipais, xurídico (1.3.2019) e técnico (1.3.2019).

• Terceira aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 6.3.2019).

• Emisión de informes municipais, xurídico (28.09.2020) e técnico (19.10.2020).

• Cuarta aprobación provisional da modificación (acordo plenario do 22.10.2020).

II. Aspectos xerais. Alcance da modificación.

Proponse a delimitación, como núcleo rural común, dun ámbito dunhas 5,40 ha, adxacente polo leste á vila de San Clodio (cabeceira do concello).

No PXOM, o ámbito clasifícase como solo rústico, na categoría de especial protección agropecuaria. Limita ao norte cunha bolsa de solo urbanizable non delimitado industrial, ao oeste co solo urbano de San Clodio e bolsa de solo urbanizable delimitado residencial, e ao sur e leste con solo rústico.

O proxecto define o trazado da rede viaria existente –definindo novas aliñacións– e as zonas edificables, regulando as condicións edificatorias. Non se reservan zonas para dotacións públicas, nin áreas para realización de actuacións de carácter integral, nin se identifican elementos de valor cultural.

III. Observacións.

En canto ao requirimento da DXOTU do 4.6.2019 foron solucionadas as deficiencias sinaladas nel. Nomeadamente,

En relación coa tramitación do expediente, consta emisión de informes municipais previos ás aprobacións provisionais do 6.3.2019 e do 22.10.2020.

En canto ao proxecto, considéranse edificables as parcelas P14, P43, P44, P46, e a P50 non forma parte da delimitación, xa que o núcleo foi recortado polo leste, cumpríndose o grao de consolidación. Modifícase a redacción do número 3.1.2.3 da normativa.

Outras consideracións: achégase plano do PXOM que reflicte os cambios derivados da MP, sinálanse no plano 8 de zonificación-organización espacial as cotas de todas as vías e achégase ficha do núcleo rural delimitado segundo o artigo 138 do RLSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Ribas de Sil para a delimitación do núcleo rural da Veiga.

Para a inscrición do Rexistro de Planeamento deberanse achegar os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo