Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 9 de marzo de 2021 Páx. 13792

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de febreiro de 2021 de aprobación definitiva da corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Marín.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Marín conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 27.6.2012 (DOG do 9.7.2012 e BOP do 15.10.2012).

I.2. Con data do 28.12.2020 tivo entrada a documentación achegada polo Concello de Marín (certificado de acordo plenario, informe urbanístico, corrección B e corrección F: documentación escrita e documentación gráfica).

I.3. O concello Pleno de Marín, na sesión do 10.12.2020, acordou aprobar provisionalmente a corrección de erros gramaticais e materiais detectados conforme as estipulacións e documentación das epígrafes B e F do PXOM, nos termos do artigo 109.2 da LPAC.

I.4. As correccións propostas consisten en:

– A substitución das fichas «propostas» polas «vixentes» respecto á corrección da letra F, segundo a documentación anexada.

– A nova redacción dos artigos da normativa urbanística do PXOM segundo as correccións en vermello no tocante á letra B, segundo a documentación anexada.

Os artigos corrixidos son os 8, 17, 32, 53, 133, 135, 158, 163, 216, 234, 271, 313 e 325, introducindo novas definicións e algún cambio no artigo 8, e cambios nos artigos 23, 61 (por referencia ao 5), 67, 69, 73, 126, 146,159, 224, 316, 321, 323 e 327 [...].

II. Análise e consideracións.

II.1. A solicitude de corrección de erros fundaméntase na documentación redactada por Ignacio de Cabo Pascual en representación de AdC Arquitectos. Os servizos xurídicos municipais entenden que se refire a dous supostos de carácter xurídico diferentes:

«[...] 1) Algunhas teñen natureza xurídica de erros gramaticais que poden corrixirse nos termos do artigo 109.2 da LPAC.

2) Outras materialmente constitúen propostas de modificación puntual do planeamento motivadas por sentenzas xudiciais que deben ser tramitadas conforme as disposicións que rexen a tramitación e aprobación do planeamento (artigo 83 da LSG).

As correccións propostas para este acordo plenario correspóndense co primeiro dos supostos indicados.

– Punto “B” da documentación: erratas detectadas no PXOM polos servizos municipais e que afectan unha serie de artigos da normativa urbanística (NU) do PXOM, así como o informe emitido pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda no proceso de avaliación ambiental e cambios lexislativos.

Dentro deste punto, recóllense tamén as referencias que se fixeron en decembro de 2012 ao Concello nun documento de “fe de erratas” ao observarse erros tras a publicación da aprobación definitiva (AD) e non procederse á súa publicación ao abeiro do artigo 6 da NU.

– Punto “F” da documentación: erratas detectadas no PXOM por alegación do 11.9.2013 subscrita polos Sres. Reboreda e Arizaga. Así mesmo, con motivo da resolución pola que se formula o informe ambiental estratéxico (IAE) da MP do PXOM de Marín, onde figuran as observacións e suxestións da DX de Patrimonio Cultural e unha alegación do Sr. Arizaga, procedeuse a manter unha reunión cos servizos da DX co fin de aclarar o contido da documentación para achegar na correspondente MP.

Proponse a corrección de erros en canto á localización dunha serie de xacementos que se recollían no escrito de setembro de 2013, así como as fichas doutros onde se observaron algunhas incorreccións ou era precisa unha actualización. Dado que non se trata dunha revisión do catálogo, a cal procederá cando corresponda, do mesmo xeito que a incorporación de novos elementos que se detectaron con posterioridade ao comezo da elaboración do catálogo (2004) e non se achegaron ou comunicaron a través do organismo oficial competente. Non se teñen en conta o resto das consideracións, comentarios, opinións, erros de interpretación ou materiais, etc. recollidos no mencionado escrito ou na alegación presentada no seu día ao DAAAES por consideralos improcedentes (por non axustarse á realidade, tratarse de comentarios fóra do contexto e/ou legalidade, etc.) do mesmo xeito que foron consideradas no seu día as alegacións ao PXOM e contestadas polo equipo redactor no ano 2009».

II.2. O Concello de Marín achega xustificación á corrección de erros B, con base no citado informe xurídico e na certificación da Secretaría Xeral referida ao acordo plenario do 10.12.2020, diferenciada da MP «B» que se propón con base en erratas detectadas polos servizos técnicos municipais cunha serie de aclaracións (incorporacións e/ou supresións) no articulado das NU, así como a incorporación dalgunhas definicións ou conceptos, recolléndose a actualización da lexislación de aplicación.

Respecto da nova redacción dos artigos da normativa urbanística do PXOM segundo as correccións en vermello no tocante á letra B, segundo a documentación anexada, afectaría os artigos 5, 8, 23, 61, 67, 69, 73, 124, 126, 131, 146, 159, 224, 316, 321, 323 e 327, nos cales consta unha nova redacción en cor vermella, diferente á orixinal, así como actualización da lexislación de aplicación.

Respecto da proposta de corrección dos erros, versa sobre os argumentos seguintes:

• Artigo 8 Corrección de erro de superficies da parte de Autoservizo (páx. 10).

• Artigo 17 Corrección de erros cambiando 270 e 271 por 272 e 273.

• Artigo 32 Corrección de erro cambiando seis por sete.

• Artigo 53 Corrección de erros nas alíneas b) e c).

• Artigo 133 Corrección de erros na alínea c).

• Artigo 135 Corrección de erros no segundo parágrafo da letra A) con aclaración de redacción do texto.

• Artigo 158 Corrección de erro no E48 cambiando 48 por 16.

• Artigo 163 Corrección de erro pasando de 80 cm a 90 cm conforme a Orde VIV/561/2010.

• Artigo 216 Corrección de erro cambiando 203 por 204.

• Artigo 234 Corrección de erro cambiando «distanciarse» por «sobresaír» e completando un enderezo.

• Artigo 271 Corrección de erro cambiando 147 por 148.

• Artigo 313 Corrección de erro cambiando 328 por 327 (aínda que no índice do contido se indica que se procede tamén á actualización de lexislación e texto, a redacción da corrección proposta unicamente recolle a substitución de 328 por 327).

• Artigo 325 Corrección de erro poñendo un «e» entre 157 160.

II.3. Doutra banda, o Concello de Marín tamén achega xustificación á corrección de erros F con base no citado informe xurídico, así como con base na certificación da Secretaría Xeral referida ao acordo plenario do 10.12.2020.

A proposta de corrección dos erros detectados no PXOM para este caso, fundaméntase desde o punto de vista municipal, como segue:

«[...] con motivo de alegacións particulares, concretamente, o escrito con data do 11.9.2013 que lle foi facilitado e subscrito polos señores Reboreda e Arizaga, onde se apuntan algúns erros e/ou disparidade de criterios. Así mesmo, con motivo da emisión da resolución pola que se formula o informe ambiental estratéxico (I.A.E.) da M.P. ao PXOM de Marín, onde figuran as observacións e suxestións da D.X. de Patrimonio Cultural e unha alegación do Sr. Arizaga, procedeuse a manter unha reunión cos servizos da D.X. co fin de aclarar o contido da documentación para achegar na correspondente MP.

Proponse a corrección de erros en canto á localización dunha serie de xacementos que se recollían no escrito con data de setembro de 2013, así como as fichas doutros onde se observaron algunhas incorreccións ou era precisa unha actualización... [...]».

A proposta vén plasmada sobre a documentación gráfica referida á clasificación (planos C4-C6-C8-C10-C18-C19-C22-C23-C27) e á xestión dos usos (planos APXOU-10-11-15), así como a documentación escrita composta polas fichas propostas (Y5 a Y12-Y14-Y18-Y19-Y20, Y21 a Y27-Y29-Y32-Y33, Y38-Y39-Y40-Y42-Y46-Y47) e fichas vixentes (Y5 a Y12-Y14-Y18-Y19-Y20, Y21 a Y27-Y29-Y32-Y33, Y38-Y39-Y40-Y42-Y46-Y47).

II.4. Cómpre citar a normativa de aplicación ao caso e a doutrina asentada respecto do criterio xurisprudencial de aplicación, antes de analizar polo miúdo cada un dos supostos que en sede municipal consideran que incorre no suposto de erro material.

A corrección de erros está regulada no artigo 109 (revogación de actos e rectificación de erros) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), que refire no seu núm. 2: «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos».

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración exposta en sentenzas como a do Tribunal Supremo, Sala 3ª Sección 4ª do 18.6.2001, na cal «Para que sexa posible a rectificación de erros materiais ao abeiro do artigo 111 da LPA aplicable ao caso axuizado por razóns temporais, segundo constante é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos, e por exteriorizarse prima facie pola súa soa contemplación (fronte ao carácter de cualificación xurídica, seguida dunha declaración baseada nela, que manifesta o erro de dereito), polo que, para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que concorran, en esencia, as seguintes circunstancias:

«1) Que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos;

2) Que o erro se aprecie tendo que conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte;

3) Que o erro sexa patente e claro, sen necesidade de acudir a interpretacións de normas xurídicas aplicables;

4) Que non se proceda de oficio á revisión de actos administrativos firmes e consentidos;

5) Que non se produza unha alteración fundamental no sentido do acto (pois non existe erro material cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo ou exixa unha operación de cualificación xurídica);

6) Que non padeza a subsistencia do acto administrativo, é dicir, que non xere a súa anulación ou revogación en canto creador de dereitos subxectivos producindo un novo sobre bases diferentes e sen as debidas garantías para o afectado, pois o acto administrativo rectificador deberá mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio que o acto rectificado, sen que poida a Administración, so pretexto da súa potestade rectificadora de oficio, encubrir unha auténtica revisión; e

7) Que se aplique cun fondo criterio restritivo».

II.5. Consideracións respecto da proposta do punto «B» da documentación:

1. Respecto da nova redacción dos artigos da normativa urbanística do PXOM segundo as correccións en vermello no tocante á letra B, segundo a documentación anexada, non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a actualización de lexislación e cambios no texto do articulado, ao supoñeren un cambio substancial normativo.

2. Respecto das modificacións denominadas «corrección de erros», procede observar:

• Artigo 8 Corrección de erro de superficies da parte de Autoservizo (páxina 10).

Non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a proposta ao non xustificarse a existencia dun erro material de transcrición e ao supoñer un cambio substancial normativo en canto creador de dereitos subxectivos (2º de 400 a 2.000 m2 de superficie útil por 2º de 400 a 1.000 m2 de superficie útil; e seguintes tramos 3º de 2.000 a 5.000 m2 de superficie útil por 3º de 2.000 a 3.000 m2 de superficie útil e 4º de máis de 5.000 m2 de superficie útil por 2º de máis de 3.000 m2 de superficie útil).

• Artigo 17 Corrección de erros cambiando 270 e 271 por 272 e 273.

Resulta procedente a corrección de erros proposta derivada dun erro material (mecanográfico), que é coherente co contido regulado nos artigos 272 e 273, ao referirse aos prazos máximos, xa que o artigo 270 regula a altura máxima en sectores ou polígonos destinados a outros usos e o artigo 271 se refire ás determinacións específicas para sectores do solo urbanizable delimitado.

• Artigo 32 Corrección de erro cambiando seis por sete.

Resulta procedente a corrección de erros proposta derivada dun erro material (mecanográfico), que é coherente coa enumeración que se cita no texto do artigo, da cal resultan sete usos dominantes.

• Artigo 53 Corrección de erros nas alíneas b) e c).

Non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a proposta e ao supoñer un cambio substancial normativo en canto creador de dereitos subxectivos (solo urbanizable delimitado por solo urbanizable non delimitado).

• Artigo 133 Corrección de erros na alínea c).

Non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a proposta e ao supoñer un cambio substancial normativo en canto creador de dereitos subxectivos (artº. 90, usos 1d, 1e, 1f, 1 gr, e 1h por art. 90, usos 1c, 1d, 1e, 1f, 1g).

• Artigo 135 Corrección de erros no segundo parágrafo da parte A) con aclaración de redacción do texto.

Non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a introdución dunha aclaración na redacción do texto, ao supoñer un cambio substancial normativo en canto creador de dereitos subxectivos.

• Artigo 158 Corrección de erro no E48 cambiando 48 por 16.

Resulta procedente a corrección de erros proposta derivada dun erro material (mecanográfico), á vista dun documento propio do PXOM, cal é o Catálogo, no cal figura a ficha E48, na cal se aprecia, na literalidade e de xeito gráfico en planos e fotografías, indubitadamente, a localización correcta «lugar: Rúa Francisco Bastarreche nº 16», polo que procede corrixir o erro mecanográfico do artigo 158.

• Artigo 163 Corrección de erro pasando de 80 cm a 90 cm conforme a Orde viv/561/2010.

Non responde ao criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros a actualización do texto modificando unha medida en base na actualización da lexislación de referencia e ao supoñer un cambio substancial normativo.

• Artigo 216 Corrección de erro cambiando 203 por 204.

Resulta procedente a corrección de erros proposta derivada dun erro material (mecanográfico), que á coherente co contido regulado no artigo 204, ao referirse o artigo 204 ás alturas da edificación e o artigo 203 á parcela edificable.

• Artigo 234 Corrección de erro cambiando distanciarse por sobresaír.

Non responde a unha corrección de erros ao supoñer un cambio substancial normativo.

• Artigo 271 Corrección de erro cambiando 147 por 148.

Resulta procedente a corrección de erros derivada dun erro material (mecanográfico), que é coherente co artigo 148, referido á composición arquitectónica, no cal se trata dos criterios de integración e o artigo 147 ao ámbito de aplicación.

• Artigo 313 Corrección de erro cambiando 328 por 327.

Resulta procedente a corrección de erros derivada dun erro material (mecanográfico), respecto do cambio 328 por 327, que é coherente co contido do artigo 327, ao referirse ás afeccións, e o artigo 328 ás condicións mínimas de habitabilidade das vivendas.

• Artigo 325 Corrección de erro poñendo un «e» entre 157 160.

Resulta procedente a corrección de erros derivada dun erro material (mecanográfico).

II.6. Consideracións respecto da proposta do PUNTO «F» da documentación:

Respecto da proposta de corrección de erros con base na documentación achegada:

• Planos C4-C6-C8-C10-C18-C19-C22-C23-C27 e APXOU-10-11-15.

• Ficha arqueolóxica Y5 a Y12-Y14-Y18-Y19-Y20 (Ga_MPTR_X_4_15_Arqueoloxía).

• Ficha arqueolóxica Y21 a Y27-Y29-Y32-Y33 (Ga_MPTR_X_4_16_Arqueoloxía).

• Ficha arqueolóxica Y38-Y39-Y40-Y42-Y46-Y47 (Ga_MPTR_X_4_17_Arqueoloxía).

As correccións que se realizan pódense diferenciar entre as que:

A. Modifican a localización e/ou reportaxe fotográfica do elemento arqueolóxico que resultan identificadoras do ben. Esta corrección non está xustificada con base en erros de localización ou identificación gráfica acreditados para cada ben, por informes emanados do órgano sectorial competente para a súa tutela.

B. Modifican a ficha do ben con afección ao seu contorno de protección. Este caso non concorda en ningún dos supostos co criterio legal e xurisprudencial do que debe entenderse por corrección de erros, ao propoñer un cambio substancial normativo creador de dereitos subxectivos por modificar o ámbito circunscrito ao ben arqueolóxico.

II.7. A xustificación da existencia de cada un dos erros materiais, en cada un dos supostos en que así se recoñece na análise anterior, resulta clara e evidente, tratándose, por tanto, dun erro material de transcrición ou mecanográfica.

Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material (mecanográfico) de transcrición é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación do articulado que conforma as norma urbanísticas aprobadas no seu día e publicadas no BOP do 15.10.2012, o que fai que sexa procedente a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

II.8. Consonte a xustificación achegada polo Concello de Marín con data do 28.12.2020, cúmprense os requisitos para considerar como erros materiais, pois son constatables, que non precisan de interpretación nin valoración xurídica, nos seguintes supostos:

• Artigo 17 Corrección de erros cambiando 270 e 271 por 272 e 273.

• Artigo 32 Corrección de erro cambiando seis por sete.

• Artigo 158 Corrección de erro no E48 cambiando 48 por 16.

• Artigo 216 Corrección de erro cambiando 203 por 204.

• Artigo 271 Corrección de erro cambiando 147 por 148.

• Artigo 313 Corrección de erro cambiando 328 por 327.

• Artigo 325 Corrección de erro poñendo un «e» entre 157 160.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».

A competencia para resolver corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da LSG; e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

III. Resolución.

En consecuencia, e á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. En relación coa proposta do punto «B» da documentación:

A. Aprobar definitivamente como corrección de erros do texto refundido do Plan xeral de ordenación municipal de Marín as correccións nos artigos 17, 32, 158, 216, 271, 313 e 325 propostas na documentación remitida polo concello como «corrección de erros» e sinalados no punto II.8 desta orde.

B. Non aprobar como corrección de erros o resto dos artigos propostos como modificacións denominadas «corrección de erros» e os incluídos na nova redacción dos artigos da normativa urbanística do PXOM segundo as correccións en vermello.

2. En relación coa proposta do punto «F» da documentación, non aprobar como corrección de erros as modificacións previstas nel. En todo caso, as correccións que se realizan para modificar a localización e/ou reportaxe fotográfica do elemento arqueolóxico por estarev erroneamente identificados, sen delimitaren un novo contorno de protección, poderían ter a consideración de erros sempre que conste o informe favorable emitido polo órgano sectorial competente.

3. Deberá achegarse un texto refundido que recolla unicamente as correccións de erros aprobadas definitivamente, debidamente dilixenciado conforme o disposto nas normas técnicas de planeamento.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda