Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 2 de marzo de 2021 Páx. 12561

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 36/2021, do 18 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán (conexión OU-212), no concello de Beariz (Ourense) (clave OU/19/024.06).

Antecedentes.

Primeiro. O día 7 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 26) o anuncio do 21 de xaneiro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán (conexión OU-212), de clave OU/19/024.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 30 de novembro de 2020 apróbase o expediente de información pública do proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán (conexión OU-212), de clave OU/19/024.06.

Terceiro. O 8 de febreiro de 2021 emítese a resolución pola que se aproba definitivamente o proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán (conexión OU-212), de clave OU/19/024.06.

Este proxecto ten por obxecto executar a conexión da estrada interior de acceso ao parque empresarial de Lebozán (concello de Beariz) coa estrada OU-212, entre os puntos quilométricos 1+542 e 1+771, na súa marxe esquerda, coa finalidade de dar operatividade ao parque.

Esta conexión reflicte a proposta recollida no Plan especial de creación de solo industrial no concello de Beariz, provincia de Ourense, e desenvolve a solución prevista no informe de sustentabilidade ambiental do citado plan especial.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de febreiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán (conexión OU-212), de clave OU/19/024.06.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade