Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 1 de marzo de 2021 Páx. 12418

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo da Comisión Paritaria do VI Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres.

Visto o acordo da Comisión Paritaria do VI Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres (código 82000565012002), subscrito na reunión que tivo lugar o 17 de decembro de 2020 entre a representación empresarial Agesef e Fegaserfu e as organizacións sindicais UGT e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no el Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta dirección xeral de relacións laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acta da Comisión Paritaria do VI Convenio colectivo autonómico
para o sector de pompas fúnebres de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 12.00 horas do día 17 de decembro de 2020, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo sinaladas e que forman a Comisión Paritaria do VI Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

– Representación empresarial:

Por parte de Agesef.

José Luis Varela Tabarés.

Por parte de Fegaserfu.

José Becerra Vázquez.

– Representación sindical:

Por parte de UGT.

Miguel Ángel Soto García.

Óscar Souto Collazo (representado por Miguel Ángel Soto García).

Serafín Álvarez Seoane (representado por Miguel Ángel Soto García).

Montserrat Lamas Castro (representado por Miguel Ángel Soto García).

Por parte de CC.OO.

Ricardo Óscar Santos Reiriz.

O motivo da xuntanza é proceder á valoración e análise da consulta dirixida a esta comisión paritaria por Ricardo Óscar Santos Reiriz, actuando en nome e representación de CC.OO., como secretario de negociación colectiva da Federación de Construción e Servizos de Galicia, en interpretación do disposto no artigo 27 do VI Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

A consulta que se formula é do seguinte teor literal, «...interpretación e resolución do último parágrafo do artigo 27 “se a baixa por enfermidade común é superior a catro días se percibirá o 100 % do salario base máis complemento persoal desde o primeiro día de baixa”, no sentido de que o complemento por IT EC aboarase a partir do cuarto día de baixa, aínda que non exista hospitalización ou intervención cirúrxica».

Logo do oportuno debate e exposición de posturas e pareceres por todas e cada unha das representacións presentes, procede reflectir en acta o seguinte.

Primeiro. En resposta á consulta de referencia obxecto desta xuntanza, esta comisión paritaria interpreta que as persoas traballadoras terán dereito a percibir o 100 % do salario base máis o complemento persoal desde o primeiro día «para toda continxencia común con duración superior a catro días», aínda que non exista hospitalización ou intervención cirúrxica.

Segundo. Esta comisión acorda delegar en Ignacio Bouzada Gil, funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais, a realización dos trámites pertinentes para o depósito, rexistro e publicación do contido da presente acta ante a autoridade laboral.

E non tendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión, ás 13.30 horas do día sinalado no encabezamento, estendéndose para o efecto a presente acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.