Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 1 de marzo de 2021 Páx. 12416

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2021 pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión pola que se encargan ao medio propio Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) as obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, nunha porcentaxe máxima do 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 06, prioridade de investimento 06.04, obxectivo específico 06.04.01.

1. Encomenda de xestión.

– Actividade. Execución das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia. Os traballos encomendados consisten en actuacións de clasificación dos residuos para a súa reciclaxe ou valorización, na perfilación e acondicionamento dos residuos inertes e na revexetación mediante a estendedura de terra vexetal e a sementeira con especies pratenses. Inclúese o levantamento GPS do punto da vertedura incontrolada, reportaxe fotográfica anterior e posterior á execución e a elaboración e redacción de informes.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ten natureza intersubxectiva, ao ter a Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) a consideración de medio propio instrumental da Administración segundo o establecido na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e de conformidade co disposto nos artigos 45 e 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia. Os traballos encargados comezarán o día seguinte a que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a través da persoa designada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático como coordinadora do encargo, dea orde de inicio dos traballos e deben finalizar, como data límite, o 31 de decembro de 2021.

– Importe e modalidade de financiamento. O importe da encomenda ascende á cantidade dun millón cento vinte e cinco mil euros (1.125.000,00 €), con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, aplicación orzamentaria 08.02.541D.601.1.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda