Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 1 de marzo de 2021 Páx. 12511

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 30 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de tratamento de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e residuos voluminosos de Compañía Española de Servicios Públicos y Auxiliares, S.A. (CESPA), no concello de Cerceda, provincia da Coruña (expediente 2019-IPPC-M-201).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

• «Asunto: solicitude de documentación dentro do procedemento de revisión da autorización ambiental integrada. Agosto 2020».

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2019-IPPC-M-201.

Peticionario: Compañía Española de Servicios Públicos y Auxiliares, S.A. (CESPA).

CIF: A82741067.

Enderezo social: avenida Catedral, 6-8, 08002 Barcelona.

Localización da instalación: parcela A, polígono industrial O Acevedo, 15185 Cerceda, A Coruña.

Actividade: xestión de almacenamento de residuos perigosos e non perigosos e xestión de valorización de residuos perigosos e non perigosos.

Descrición: na instalación realízase a xestión de almacenamento de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) tanto perigosos como non perigosos, previamente ao seu envío ao xestor autorizado. Realízase tamén a xestión de valorización de residuos RAEE perigosos e non perigosos, que se leva a cabo a través de diferentes liñas de tratamento en función das características dos residuos que se van xestionar, obtendo distintas fraccións, substancias, materiais e compoñentes que se enviarán a xestores autorizados. Realízase tamén a xestión de valorización de residuos voluminosos, separando os seus compoñentes previamente ao seu envío ao xestor autorizado.

As augas residuais fecais van, sen tratamento previo, á rede municipal de saneamento. As augas residuais pluviais contaminadas das distintas zonas da instalación vértense, tras seren tratadas, en diferentes puntos ao río Lengüelle. As augas residuais de derramamentos da zona do aparcamento trátanse nun depósito estanco antes de seren recollidas por un xestor autorizado.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) nº 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, conforme a Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.