Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 25 de febreiro de 2021 Páx. 11777

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se modifica a Resolución do 5 de outubro de 2020 pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B).

Na data do 5 de outubro, a Secretaría Xeral para o Deporte aproba o Plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024, a través da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (DOG núm. 208, do 15 de outubro).

Consonte o artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, na súa redacción dada polo artigo 28.tres da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, entre as facultades da Administración deportiva autonómica en relación coas federacións deportivas galegas está a competencia para realizar ou solicitar auditorías de xestión ou operativas.

Neste senso, cómpre modificar a Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (DOG núm. 208, do 15 de outubro), co obxecto de incorporar no dito plan auditorías de xestión ou operativas.

En atención ao exposto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais

A Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais, queda modificada como segue:

«Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación dos informes de auditoría.

As federacións deportivas galegas son entidades privadas sen ánimo de lucro que, xunto ás funcións propias do seu ámbito de actuación privada, exercen por delegación da Administración pública autonómica funcións públicas de carácter administrativo. Esta actuación delegada confire ás federacións deportivas a condición de axentes colaboradores da Administración e nestes casos actúan baixo á súa tutela e coordinación como expresamente establece o artigo 51 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Perceptoras de fondos públicos e partindo tamén da súa consideración legal como axentes colaboradores da Administración pública en canto exercen funcións públicas por delegación, con esta nova previsión legal ás tradicionais auditorías das contas anuais das federacións deportivas súmanse agora aquelas que teñen por obxecto a análise da eficiencia federativa na administración dos recursos, o que suporá unha importante ferramenta para as propias entidades á hora de optimizar os seus recursos e actuacións.

O deporte desempeña un notable papel na sociedade que non está limitado a unha simple cuestión de aptitudes atléticas ou de resultados competitivos. A maiores, o feito deportivo pivota tamén a súa preeminencia nas sociedades modernas na contribución do seus valores educativos e sociais ao seu contorno. É responsabilidade das administracións competentes e das organizacións deportivas protexer e incrementar a salvagarda destes valores e funcionalidades o que, indubidablemente, pasa tamén por garantir os máximos estándares de transparencia, gobernanza e integridade na xestión deportiva.

As principais organizacións deportivas avanzan así nos necesarios procesos de control e escrutinio requiridos para garantir os maiores niveis de transparencia e bo goberno, o que sen dúbida favorecerá o crecemento e fortalecemento social do conxunto do deporte, e da súa achega á sociedade.

Derivado destas previsións, a Lei do deporte da Comunidade Autónoma recolle un compendio de facultades que a Administración pública autonómica reserva para si sobre as federacións deportivas galegas, entre as que se atopan a competencia para realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas, inspeccionar os libros e documentos oficiais que compoñen a contabilidade e organización da federación... (artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril), así como a posibilidade de someter a xestión, a contabilidade e o estado económico-financeiro das federacións deportivas a unha auditoría ou verificación contable... (artigo 61.6 da lei). En desenvolvemento destas previsións legais, o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, dispuxo a presentación no referido rexistro dos informes de auditorías das contas federativas, en cuxa aplicación a Administración autonómica aproba anualmente as correspondentes resolucións de determinación dos plans de auditorías das federacións deportivas galegas (artigo 37).

Para este último período, a Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, estableceu os plans dos anos 2017 a 2020, referidos estes ás contas anuais dos exercicios anteriores ás respectivas resolucións anuais (artigo 3), polo que, rematado o período temporal abranguido pola antedita resolución, cómpre aprobar o Plan de auditoría para o período 2021-2024.

Desta forma, para o mellor desenvolvemento do sistema deportivo de Galicia e coa base da experiencia acumulada nos sucesivos plans anuais aprobados ata a presente data, considérase imprescindible avanzar nos distintos aspectos que configuran a tutela e coordinación da Administración pública neste ámbito, en prol, en definitiva, da maior transparencia, rendición de contas, avaliación e garantía da boa gobernanza e operatividade das federacións deportivas de Galicia.

En atención ao exposto, en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación.

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto aprobar o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia para o período 2021-2024 e establecer o procedemento para a presentación dos informes de auditoría (código de procedemento PR947B).

Artigo 2. Obrigatoriedade do plan

O plan de auditorías das federacións deportivas galegas será de aplicación obrigatoria para todas as federacións deportivas galegas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, nos termos e co detalle que se establecen nesta resolución.

Artigo 3. Auditorías

1. Serán obxecto de auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior ao da presentación.

2. Poderá acordarse tamén a realización de auditorías operativas ou de xestión, dirixidas a analizar a actividade federativa no relativo á eficacia e eficiencia na administración dos seus recursos. Nestas auditorías serán analizados a racionalidade dos procedementos empregados, os sistemas de control interno, a transparencia e os restantes ámbitos da xestión da federación deportiva, co fin de detectar campos de mellora e propoñer as recomendacións que se consideren necesarias para a óptima utilización dos recursos e o mellor desempeño das funcións federativas.

Artigo 4. Das federacións obrigadas

1. Están obrigadas á presentación do informe de auditoría das contas anuais en todos os exercicios comprendidos no período 2021-2024 as federacións deportivas en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Federacións deportivas que obtivesen axudas públicas ou subvencións da Administración autonómica por contía igual ou superior aos 100.000 euros no exercicio que se vai auditar, ou nas cales a subvención, axudas ou outro tipo de ingresos da Administración autonómica represente o 60 % ou máis do total de ingresos do exercicio que se vai auditar.

b) Federacións deportivas que teñan en vigor un plan de viabilidade aprobado polo departamento autonómico con competencias no ámbito deportivo.

c) Federacións deportivas que obtivesen, no informe de auditoría inmediatamente anterior, unha opinión con salvidades, desfavorable ou denegada.

2. De conformidade co artigo 37.2 do Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, aprobado mediante o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, durante a vixencia do presente plan todas as federacións deportivas galegas deberán auditar, polo menos unha vez, as súas contas. Para estes efectos, o departamento autonómico con competencias en materia de deporte incorporará anualmente ao Plan de auditorías aquelas federacións deportivas que, a pesar de non estaren comprendidas nas circunstancias definidas no número un, resulten obrigadas a presentar un informe de auditoria das contas anuais do exercicio correspondente.

3. A resolución anual pola que se acorde a incorporación de novas federacións deportivas ao presente Plan de auditorías, así como as federacións que deban de someterse a auditorías operativas ou de xestión, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Normativa de aplicación

1. Xunto ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e as normas que a desenvolven sobre a materia, as auditorías de contas realizadas axustaranse ao establecido na Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, e normativa que a desenvolva ou substitúa.

2. Nas auditorías operativas ou de xestión tomarase coma referencia a Norma ISO 19011/2018, directrices para a auditoría dos sistemas de xestión.

Artigo 6. Forma de presentación

As comunicacións dos informes de auditoría presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación do informe de auditoría das contas anuais nos termos establecidos nesta resolución virá determinado pola data de aprobación das contas anuais, segundo o disposto no artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, e terá como data límite para a presentación do informe de auditoría das contas anuais o 30 de xullo de cada ano.

2. O prazo de presentación do informe de auditoría operativa ou de xestión será dun mes a partir da data en que conclúan os traballos de auditoría. Non obstante, o prazo máximo de presentación do informe de auditoría será de seis meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se determinen as federacións que deberán de someterse á auditoría.

Artigo 8. Documentación.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

a) Informe de auditoría das contas anuais do exercicio corresponde, se é o caso.

b) Informe de auditoría operativa ou de xestión, se é o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da comunicación

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte