Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10109

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (código de procedemento TR341Y).

A crise sanitaria e económica derivada do COVID-19 provocou un impacto nunca visto ata o de agora no emprego, ante o cal resulta preciso a formulación e aimplementación de políticas que limiten o dano económico.

Deste xeito, no marco que ofrecen os artigos 40 e 49 da Constitución española, o Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, os obxectivos de crecemento e o emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e o respectivo Plan anual de política de emprego (en diante, PAPE), cómpre adoptar políticas que favorezan no só a creación de emprego senón a consolidación do existente no contexto de crise actual, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades, como son as persoas con discapacidade, para deste xeito acadar o obxectivo preexistente á actual crise de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúe á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, que asume as facultades, as funcións e os servizos correspondentes a este ámbito.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Servicio Público de Emprego (SEPE) no ámbito do traballo, do emprego e da formación.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego e entidades de economía social.

Consonte o anterior, correspóndenlle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (en diante, CEEIS) e empresas de inserción laboral (en diante, EIL), reguladas mediante a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, e a normativa básica estatal da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social.

O artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, define os CEE como aqueles cuxo obxectivo principal é realizar unha actividade produtiva de bens ou de servizos, participando regularmente nas operacións do mercado, que teñen como finalidade asegurar un emprego remunerado para as persoas con discapacidade; e a prestación de servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores e as súas traballadoras con discapacidade, ao mesmo tempo que é un medio de integración do maior número de persoas traballadoras con discapacidade no réxime de traballo normal.

O parágrafo 4 deste artigo define os CEEIS como aqueles que son promovidos e participados en máis dun 50 por cento por unha o varias entidades, que non teñan ánimo de lucro ou que teñan recoñecido o seu carácter social nos seus estatutos, sexan asociacións, fundacións, corporacións de dereito público, cooperativas de iniciativa social ou outras entidades da economía social, así como aqueles cuxa titularidade corresponde a sociedades mercantís en que a maioría do seu capital social sexa propiedade dalgunha das entidades sinaladas anteriormente, e sempre que se obriguen ao reinvestimento íntegro dos seus beneficios para creación de oportunidades de emprego para persoas con discapacidade e a mellora continua da súa competitividade e da súa actividade de economía social.

Os CEE están declarados como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral (artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social). Son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial coa inserción laboral do maior número de persoas con discapacidade e, en todo caso, como mínimo o 70 % do total do cadro de persoal. Polo tanto, os CEE dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

O artigo 44 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece que «en atención ás especiais características que concorren nos centros especiais de emprego e para que estes poidan cumprir a función social requirida, as administracións públicas poderán, na forma que regulamentariamente se determine, establecer compensacións económicas, destinadas aos centros, para axudar á súa viabilidade, para o cal establecerán, ademais, os mecanismos de control que se consideren pertinentes».

Pola súa parte, as empresas de inserción, reguladas no ámbito estatal na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e a formación sociolaboral de persoas en risco ou situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. Estas entidades son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción laboral de persoas excluídas socialmente.

O artigo 16 da dita lei sinala que os poderes públicos, no eido das súas respectivas competencias e no marco dos compromisos asumidos na Unión Europea, actuarán en prol da promoción das empresas de inserción, mediante o apoio á súa creación e mantemento, co fin de que poidan cumprir a súa función social de facilitar a inserción das persoas en situación de exclusión no mercado de traballo ordinario.

Así mesmo, o Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das EIL, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, enuncia no seu capítulo V as medidas de fomento que a Xunta de Galicia poderá destinar ás EIL, recollendo as axudas destinadas ao sustentamento das EIL, coa finalidade de promover a inserción laboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Na mesma liña, a Estratexia de economía social de Galicia recolle como actuacións prioritarias a posta en marcha de medidas específicas dirixidas a apoiar as entidades de economía social xa existentes no seu proceso de desenvolvemento e consolidación, partindo da análise das súas necesidades, e o apoio ás entidades que traballan na inserción laboral das persoas con capacidades diferentes ou en situación ou risco de exclusión.

Neste marco configúranse as axudas deste texto normativo que ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas para o reequilibrio financeiro dos CEEIS e das EIL, co fin de garantir o emprego das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

As axudas, cuxo financiamento será efectuado a través de fondos propios da Comunidade Autónoma na modalidade «fondos COVID-19», concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o que principalmente se valorará, por unha banda, a estrutura do cadro de persoal da entidade solicitante e, por outra, as súas contas anuais en relación coa porcentaxe de perdas acreditadas. Desta maneira, para a concesión terase en conta tanto a viabilidade económica da empresa como a súa capacidade para xerar e manter emprego de calidade.

Estas bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, ao estar previsto a existencia de crédito suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Por todo o exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social (CEEIS) e das empresas de inserción laboral (EIL) especialmente afectados pola crise do COVID-19 (procedemento TR341Y).

2. Deste xeito, coa finalidade de consolidar os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, poderase conceder unha axuda de carácter excepcional e extraordinaria destinada a equilibrar e reestruturar financeiramente estas entidades que lles permita acadar niveis de produtividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Conceptos subvencionables e contía

1. Subvencionarase un máximo do 50 % das perdas acreditadas no exercicio 2020 por cada entidade beneficiaria.

2. A contía da axuda que poderá percibir unha entidade beneficiaria é a que resulte de aplicar os seguintes importes, acumulativos entre si:

– Polos primeiros 80.000 € de perdas acreditadas: 50 % destas perdas en concepto de axuda (máximo 40.000 €).

– Polo seguinte tramo de 20.000 € (entre 80.001 € e 100.000 €): 40 % destas perdas en concepto de axuda (máximo 8.000 €).

– Polo seguinte tramo de 20.000 € (entre 100.001 € e 120.000 €): 30 % destas perdas en concepto de axuda (máximo 6.000 €).

– Polo seguinte tramo de 20.000 € (entre 120.001 € e 140.000 €): 20 % destas perdas en concepto de axuda (máximo 4.000 €).

– Polo seguinte tramo de 20.000 € (entre 140.001 € e 160.000 €): 10 % destas perdas en concepto de axuda (máximo 2.000 €).

O importe máximo da axuda por cada beneficiaria é de 60.000 €.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas nesta orde están financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia na modalidade «fondos COVID-19».

2. O orzamento total destinado ás axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego de iniciativa social e das empresas de inserción laboral especialmente afectados pola crise do COVID-19 será de 1.000.000 de €.

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará limitada á existencia de crédito orzamentario e realizarase no programa de gasto 324C da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, código de proxecto 2020 00082. A distribución inicial dos créditos será a seguinte:

800.000 € na aplicación 11.04.324C.470.8.

200.000 € na aplicación 11.04.324C.481.8.

4. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento dunha aplicación orzamentaria, reasignaranse as contías sobrantes para atender as necesidades de crédito da outra aplicación. As reasignacións levaranse a cabo logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

5. Os créditos consignados na convocatoria poderán ser obxecto de modificación ou ampliación de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os CEEIS e as EIL que cumpran os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritos como tales nos rexistros correspondentes:

– No caso de CEEIS, deben estar inscritos no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e a súa organización e funcionamento, cunha antigüidade mínima de 42 meses na data de presentación da solicitude.

Na data da solicitude, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto. Ademais, os CEE deben ter recoñecido polo rexistro administrativo de CEE a súa condición de CEE sen ánimo de lucro ou de iniciativa social.

– No caso de EIL, deben estar inscritas no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, e ter o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima de 42 meses na data de presentación da solicitude.

b) Ter presentadas as contas anuais dos últimos tres anos (2017, 2018 e 2019) no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Fundacións ou no Rexistro de Asociacións, segundo corresponda.

No suposto de non estaren obrigadas a presentar as contas en ningún destes rexistros, deberán ter aprobados o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar perdas no ano 2020, nos centros de traballo de Galicia, que poñan en perigo o mantemento dos postos de traballo, como consecuencia do impacto producido pola crise do COVID-19. No caso de CEE sen personalidade xurídica propia, as perdas deberán referirse unicamente á actividade do CEE.

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias:

a) As empresas incursas en causa de disolución ou en crise, segundo o establecido nos artigos 363 da Lei de sociedades de capital e 2 do Regulamento UE nº 651/2014, respectivamente. En consonancia co sinalado no artigo 13 da Lei 3/2020, do 18 de setembro, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á COVID-19 no ámbito da Administración de xustiza, para determinar a concorrencia da causa de disolución prevista no artigo 363.1.e) da Lei de sociedades de capital non se tomarán en consideración as perdas do exercicio 2020.

b) Os CEE e EIL en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Os CEE e EIL excluídos do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

d) Os CEE que, carecendo de personalidade xurídica propia, non teñan unha xestión diferenciada da súa entidade titular. Para os efectos de ter unha xestión diferenciada, deberán levar unha contabilidade separada desa entidade e ter unha conta de cotización da Seguridade Social propia do CEE.

e) Os CEE que non cumpran coa porcentaxe mínima do 70 % de persoas con discapacidade contratadas respecto do total do cadro de persoal. Nesta porcentaxe non se inclúe o persoal sen discapacidade dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

f) As EIL que non cumpran coa porcentaxe mínima de persoas en situación ou risco de exclusión social contratadas respecto do total do cadro de persoal conforme o estipulado na Lei 44/2007, do 13 de decembro (30 % os 3 primeiros anos de actividade e 50 % a partir do cuarto ano).

g) Os CEE e EIL que non estean a aplicar o convenio colectivo que resulte de aplicación preceptiva.

h) Os CEE e EIL que non estean ao día nas súas obrigas rexistrais, segundo o establecido nos decretos 200/2005, do 7 de xullo, e 156/2007, do 19 de xullo.

3. A acreditación, por parte das entidades solicitantes, de que non concorren nelas as circunstancias sinaladas nas letras a), b), c), d), e), f) e g) do punto 2 deste artigo para poderen obter a condición de beneficiarias das axudas realizarase mediante a declaración responsable que se inclúe no anexo de solicitude (anexo I).

O órgano xestor poderá comprobar en calquera momento a veracidade desas declaracións.

O cumprimento da condición sinalada na letra h) do punto 2 será verificada de oficio polo órgano instrutor.

4. Os CEEIS ou EIL que perciban estas axudas non poderán volver obtelas ata transcorridos tres anos desde a data de concesión.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos da axuda prevista nesta orde, entenderase por:

1. Persoa traballadora: a persoa vinculada ao CEE ou EIL por un contrato laboral ou a persoa socia traballadora no caso de que o CEE ou EIL sexa unha cooperativa de traballo asociado.

2. Centros especiais de emprego de iniciativa social: os que, cumprindo as condicións recollidas no artigo 43.4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, estean recoñecidos con esa condición polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase que teñen esta condición todos os CEE que estean cualificados como sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

3. Entidade en causa de disolución: aquela que incorra nas causas de disolución previstas no artigo 363 do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, de 2 de xullo, en particular no que atinxe ao punto 1.e) do dito precepto: por perdas que deixen reducido o patrimonio neto a unha cantidade inferior á metade do capital social, a non ser que este se aumente ou se reduza na medida suficiente, e sempre que non sexa procedente solicitar a declaración de concurso.

4. Empresa en crise: aquela empresa en que concorra algunha das seguintes circunstancias previstas no artigo 2 do Regulamento da UE nº 651/2014:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas.

b) Se se trata dunha sociedade en que polo menos algunhas persoas socias teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade; refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo II da Directiva 2013/34/UE.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos no seu dereito nacional para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a pedimento dos seus acredores.

d) Cando a empresa recibise axuda de salvamento e aínda non reembolsase o préstamo ou puxese fin á garantía, ou recibise axuda de reestruturación e estea aínda suxeita a un plan de reestruturación.

e) Se se trata dunha empresa distinta dunha peme, cando durante os dous exercicios anteriores: 1) o cociente débeda/capital da empresa fose superior a 7,5 e 2) o cociente de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, se situase por debaixo de 1,0.

5. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 7. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 8. Normativa aplicable

As solicitudes, a tramitación e a concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación das solicitudes é dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación rexistral acreditativa de ter depositado as contas anuais dos tres últimos exercicios, segundo o establecido no artigo 5.1.b) desta orde. No suposto de non estar obrigadas a depositar as contas, deberán achegar certificación da aprobación do balance e conta de resultados pola asemblea xeral.

b) Contas anuais de 2019 debidamente rexistradas ou aprobadas conforme o requirido no artigo 5.1.b).

c) Anexo II relativo aos estados contables provisionais da solicitante respecto da anualidade 2020, mediante o cal deberá acreditar o cumprimento do requisito sinalado no artigo 5.1.c). No suposto de entidades que dispoñan de centros de traballo en máis dunha comunidade autónoma ou de CEE sen personalidade xurídica propia, este estado contable provisional debe referirse unicamente aos centros de traballo do CEE ou EIL de Galicia. Este anexo deberá presentarse debidamente asinado polo representante ou polo responsable económico-financeiro da entidade.

d) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación coa que actúa a persoa que asina a solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. O Informe sobre as aperturas de centro de traballo comunicadas á autoridade laboral obterao de oficio o órgano instrutor.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Procedemento

1. O procedemento de concesión da axuda prevista nesta orde ten a consideración de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O órgano instrutor é a Subdirección Xeral de Economía Social da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade.

3. O órgano instrutor dos expedientes realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

5. A instrución completarase incorporando ao expediente a información que conste na Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade sobre as autorizacións administrativas e inscricións no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia.

Artigo 16. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración estará composta:

– Pola persoa titular da Subdirección Xeral de Economía Social, que a presidirá.

– Por dúas persoas designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, unha das cales actuará como secretaria.

Se no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. A comisión de valoración redactará acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor, quen formulará proposta de resolución.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. Para a concesión das axudas realizarase unha comparación de todas as solicitudes presentadas e asignaráselles a puntuación que corresponda segundo os seguintes criterios:

a) Porcentaxe de perdas da entidade respecto ao volume de actividade (ata 10 puntos)

– Porcentaxe de perdas superior ao 50 %: 10 puntos.

– Porcentaxe de perdas inferior ou igual ao 50 %: atenderase á fórmula indicada a continuación:

b) Número de persoas traballadoras da entidade en centros de traballo de Galicia. Outorgaranse 0,4 puntos por cada persoa traballadora, ata un máximo de 20 puntos.

c) Estabilidade do cadro de persoal da entidade nos centros de traballo de Galicia, entendida como a ratio de persoas con contrato fixo ou indefinido respecto do total (ata 20 puntos), segundo a seguinte gradación:

– Ata o 60 % de persoal fixo ou indefinido: 0 puntos.

– Taxas superiores ao 60 % e inferiores ao 80 %: outorgarase 1 punto por cada punto porcentual que supere o 60 %.

– Taxa igual ou superior ao 80 % de persoal fixo ou indefinido: 20 puntos.

Para a determinación desta ratio, no caso das EIL non se terá en conta o persoal en inserción.

d) Ratio de homes/mulleres no cadro de persoal da entidade nos centros de traballo de Galicia (ata 20 puntos), segundo a seguinte gradación:

– Ata o 40 % de mulleres: 0 puntos.

– Taxas superiores ao 40 % e inferiores ao 50 % de mulleres: outorgaranse dous puntos por cada punto porcentual que supere o 40 %.

– Taxa igual ou superior ao 50 % de mulleres: 20 puntos.

e) Dispoñer de centros de traballo nun concello rural, ata 10 puntos.

2. De se produciren empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida no criterio establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

3. Non obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. A comisión de valoración emitirá un informe final en que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, con especificación da puntuación outorgada. Así mesmo, indicarase o importe da subvención que corresponda a cada unha delas en aplicación da gradación establecida no artigo 3, sen superar o crédito dispoñible.

Quedarán como suplentes aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente, sempre e cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

5. No suposto de renuncia ou non aceptación da subvención por parte dalgunha entidade beneficiaria e/ou de ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente poderá acordar, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ás entidades suplentes segundo a orde de puntuación.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que resolverá a concesión ou denegación da axuda, mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que remate o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición de tal recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Unha vez notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. O pagamento da axuda efectuarase no momento da resolución de concesión pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, de forma nominativa, a favor das entidades beneficiarias polo importe íntegro da subvención concedida.

2. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade solicitante non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, non procederá o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das obrigas rexistrais recollidas no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, no caso dos CEEIS, e no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, no caso das EIL.

O cumprimento destas obrigas será comprobado de oficio polo órgano xestor das subvencións.

Artigo 20. Incompatibilidades

As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas.

No caso de percibir outra axuda que teña como presuposto ou como criterio de cálculo para a concesión as perdas soportadas no exercicio 2020, a suma de ambas en ningún caso poderá ser superior ao 100 % das perdas acreditadas.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas xerais das entidades beneficiarias das subvencións as seguintes:

a) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e a realizar a proposta de pagamento da subvención.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

De acordo con esta obriga, as entidades beneficiarias deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Xunta de Galicia. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome do centro e o logotipo da Xunta de Galicia.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Someter a auditoría as contas anuais correspondentes ao exercicio en que recibisen subvencións ou axudas públicas por un importe total acumulado superior a 600.000 €, e naqueles exercicios en que se realicen operacións ou se executen investimentos correspondentes ás ditas subvencións ou axudas, conforme o establecido no texto refundido da Lei de auditoría de contas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2011, do 1 de xullo, e o regulamento que o desenvolve, aprobado polo Real decreto 1517/2011, do 31 de outubro.

j) Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

2. Ademais das recollidas con carácter xeral no punto anterior, as entidades beneficiarias das axudas terán as obrigas seguintes:

a) Manter a actividade económica e o emprego durante 6 meses posteriores á concesión da axuda.

Non se considerará incumprido este compromiso cando o contrato de traballo se extinga por algunha das causas seguintes:

– Por despedimento disciplinario declarado como procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora.

– Polo fin do chamamento das persoas con contrato fixo-descontinuo, cando este non supoña un despedimento senón unha interrupción do contrato.

– No caso de contratos temporais, cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto ou cando non se poida realizar de forma inmediata a actividade obxecto de contratación.

– No caso de extincións de contrato de persoas traballadoras con discapacidade (no caso de CEEIS) ou en inserción (no caso de EIL) que se incorporen a unha empresa ordinaria ou que inicien unha actividade por conta propia.

– No caso de EIL, os contratos de inserción que acaden os tres anos de duración.

b) Presentar, ante o órgano concedente da axuda, as contas do exercicio 2020 debidamente depositadas no rexistro correspondente ou, de ser o caso, aprobadas pola asemblea xeral, conforme o establecido no artigo 5.1.b) desta orde, antes do 30 de setembro. No caso de que por disposición legal ou regulamentaria a data límite para o seu depósito ou aprobación sexa maior, deberá presentalas no prazo de 10 días desde que se efectúe o dito depósito ou aprobación. No suposto de entidades que dispoñan de centros de traballo en máis dunha comunidade autónoma ou de CEE sen personalidade xurídica propia, deberán presentar o balance e a conta de perdas e ganancias definitivas do ano 2020, segundo o anexo II, revisada, verificada e asinada por un auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, relativa aos centros de traballo do CEE ou EIL de Galicia.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos indicados expresamente neste artigo.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da obriga de manter a actividade económica e o emprego durante os seis meses posteriores á concesión da axuda: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de presentación das contas, recollida no artigo 21.2.b): o 100 % da subvención concedida.

d) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 21.1.b) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras e), f) e j) do artigo 21.1, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados: reintegro do 100 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar a solicitude ou concesión doutras axudas compatibles: reintegro do 5 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 21.1.g): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor poderá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

3. Procederase, así mesmo, ao reintegro parcial no suposto de comprobarse unha minoración superior ao 5 % entre as perdas declaradas pola entidade beneficiaria no momento da solicitude e as que resulten das contas finalmente presentadas no rexistro correspondente e/ou aprobadas pola asemblea xeral, conforme o disposto no artigo 21.2.b). Neste suposto, procederase á revisión da contía concedida e ao correspondente reintegro proporcional, segundo os parámetros establecidos no artigo 3.2 desta orde.

4. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto das perdas soportadas, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

5. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

2. O órgano competente para resolver poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25. Adecuación á normativa de axudas de Estado

Os CEE e IEL decláranse entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral, de conformidade co artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social.

Tendo en conta o anterior, as axudas reguladas nesta orde son compatibles co mercado interior e non constitúen axuda de Estado, dado que cumpren os criterios establecidos na Decisión da Comisión, 2012/21/UE, do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, punto 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE L núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012).

O parámetro establecido para determinar a compensación económica pola prestación do servizo de interese económico xeral é o importe das perdas que sufra a entidade solicitante segundo o balance contable de 2020; a contía da axuda pode acadar como máximo o 50 % destas perdas. Esta contía vén sufragar unha parte dos gastos ocasionados aos CEE e EIL pola prestación dos servizos. Este importe, que en ningún caso poderá exceder o custo económico dos servizos prestados, establecerase conforme os parámetros indicados nos artigos 3.2 e 5 respecto dos criterios de valoración fixados no artigo 17 desta orde; así mesmo, realizarase a comprobación da concorrencia e das compatibilidades das subvencións.

Disposición adicional primeira. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional segunda. Remanentes de crédito

Se, unha vez adxudicadas as subvencións, resulta remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file