Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10103

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 6 das normas subsidiarias de planeamento municipal de Vimianzo, para a delimitación dos núcleos rurais do Campo, Bamiro, O Ceán, Tines, Romarís, Treos, O Refoxo e Quintáns.

O Concello de Vimianzo remite o expediente de referencia, en solicitude da súa aprobación definitiva ao abeiro do previsto no artigo 78.2, en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Unha vez analizada a documentación recibida o 16.12.2020, que inclúe expediente administrativo autenticado, proxecto con dilixencia da aprobación inicial do 31.1.2020 e proxecto con dilixencia da aprobación provisional do 9.10.2020; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Vimianzo conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 1.7.1994 (texto refundido do 26.9.1994).

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 78.4 da LSG, con data do 23.4.2018.

3. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental acordou non someter este proxecto ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, mediante a Resolución do 31 de maio de 2018.

4. A técnica municipal emitiu informe previo á aprobación inicial con data do 4.3.2019.

5. A secretaria municipal emitiu informe previo á aprobación inicial con data do 11.3.2019.

6. Tras a aprobación inicial mediante a Resolución da Alcaldía do 11 de marzo de 2019, o expediente foi sometido á información pública durante o prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 15 de abril, El Correo Gallego do 16 de abril e La Voz de Galicia do 17 de abril de 2019) e notificóuselles individualmente aos titulares catastrais afectados. De acordo coa certificación da Secretaría Municipal, presentáronse 23 alegacións.

7. O arquitecto municipal emitiu informe con data do 6.6.2019.

8. O Concello solicitou informes a Augas de Galicia, á Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, ao Instituto de Estudos do Territorio, á Deputación Provincial da Coruña, á Delegación do Goberno e ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

9. Constan informes favorables do Ministerio de Defensa (Subdirección Xeral de Patrimonio), do 23.8.2019; Axencia Galega de Infraestruturas, do 30.8.2019; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 28.8.2019; Ministerio de Fomento, do 2.9.2019; Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña, do 17.9.2019; Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica), do 23.9.2019; Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa), do 29.8.2019; Instituto de Estudos do Territorio, do 18.10.2019; Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento), do 8.10.2019; Deputación Provincial da Coruña, do 22.11.2019.

10. Augas de Galicia emitiu informe o 27.11.2019, no cal se requiría documentación. Unha vez solicitado un novo informe o 23.6.2020, transcorreu o prazo de tres meses sen a recepción deste, de acordo co informe do secretario municipal do 30.9.2020.

11. O secretario municipal emitiu informe con data do 30.12.2019.

12. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe o 28.1.2020.

13. O Pleno do Concello do 31.1.2020 aprobou inicialmente a modificación, por considerarse nula a aprobación inicial mediante resolución da Alcaldía, e conserváronse os actos administrativos e o trámite da información pública anterior. Este acordo foi publicado en El Correo Gallego do 7.2.2020, La Voz de Galicia do 11.2.2020 e no DOG do 3.4.2020, e notificóuselles individualmente aos titulares catastrais afectados.

14. Constan informes da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) sobre solos potencialmente contaminados, do 21.2.2020; Dirección Xeral de Patrimonio Natural, do 17.2.2020, e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 24.9.2020.

15. O arquitecto municipal emitiu informe con data do 29.9.2020 e o secretario municipal con data do 30.9.2020.

16. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente o proxecto con data do 9.10.2020.

II. Obxecto e descrición do proxecto:

1. A redelimitación de oito núcleos rurais ten por obxecto actualizar o planeamento existente, clarificar as situacións conflitivas, incorporar as novas vivendas e parcelas vacantes que se sitúan no contorno do núcleo formando parte actualmente da súa estrutura e racionalizar a delimitación con base na traza real do parcelario e as pegadas físicas do territorio.

2. A cartografía das normas subsidiarias non se adecúa á realidade física actual, de xeito que non recolle a realidade dos camiños municipais, ten frecuentes erros na concreción do espazo público e non recolle a realidade construída, logo de 26 anos desde a aprobación definitiva destas normas.

3. Os núcleos forman un conxunto de tres parroquias, nun val agrario que constitúe unha unidade territorial e paisaxística, e procede adoptar unha ordenación homoxénea.

4. A modificación incorpora ás normas subsidiarias un conxunto de dotacións de zonas verdes e equipamentos existentes: dous ámbitos como sistema local de espazos libres e seis ámbitos como sistema local de equipamentos (tres igrexas parroquiais cos seus cemiterios e tres centros cívicos). Asemade, prevense tres novos espazos do sistema local de espazos libres (as áreas de tres lavadoiros existentes). Incorpora tamén un aparcadoiro, como sistema local viario, e unha estación de tratamento de auga potable, como sistema local de infraestruturas urbanas.

5. A modificación contén un catálogo de bens patrimoniais, de carácter arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico.

6. Establécense para estes núcleos unhas ordenanzas específicas: unha ordenanza de solo de núcleo rural tradicional con dous graos diferentes; e unha ordenanza de solo de núcleo rural común tamén con dous graos diferentes. Fíxanse aliñacións nas vías.

III. Análise e consideracións:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): a adaptación da delimitación de núcleos rurais á LSG, coa determinación das aliñacións da súa rede viaria, e o axuste destes á realidade existente poden conceptuarse como razóns de interese público para fundamentar a modificación do planeamento.

2. A ficha non recolle os ámbitos de núcleo rural común en Tines, o que deberá emendarse. Nesta delimitación de núcleo rural común non se incorpora a totalidade dunha edificación, de maneira que parte desta aparece en solo rústico.

3. En planos de ordenación mantense a fusión impropia entre os núcleos de Treos e O Refoxo, que se detectara no informe correspondente ao trámite de consultas previsto no artigo 78.4.b) da LSG. En cambio, elimínase esta fusión na ficha correspondente onde se analiza a consolidación. Debe modificarse o plano de ordenación.

IV. Resolución:

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 6 das normas subsidiarias de planeamento de Vimianzo para a redelimitación dos núcleos rurais do Campo, Bamiro, O Ceán, Tines, Romarís, Treos, O Refoxo e Quintáns, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas nas epígrafes III.2 e III.3 desta resolución.

2. Deberá elaborarse un documento refundido nos termos establecidos nos artigos 62 da LSG e 147 do seu regulamento.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

6. Contra esta resolución cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo