Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 2021 Páx. 10203

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU403A).

BDNS (Identif.): 548444.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de Datos Nacional de Subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as seguintes entidades:

a) As universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.

b) As sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia, agás as entidades locais.

c) As empresas ou sociedades privadas que organicen especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades promotoras de congresos, seminarios, convencións ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual e que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, só serán subvencionables aqueles eventos en que os participantes pernoiten, polo menos, unha noite na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento TU403A).

Cuarto. Importe

As subvencións relativas ao obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 200.000 € para a anualidade 2021 e de 450.000 € para a anualidade 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.

Estas axudas poderán ser cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

Establécense os seguintes prazos de xustificación das axudas concedidas:

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de abril e 2021 e o 31 de outubro de 2021, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2021.

– Se o proxecto ou actuación subvencionada se executa entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia