Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2021 Páx. 7067

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 21 de xaneiro de 2021 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Universidade de Vigo.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Universidade de Vigo, con domicilio no Campus Universitario de Vigo, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. A Fundación Universidade de Vigo constituíuna a Universidade de Vigo en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 23 de marzo de 1997, ante o notario Gerardo García-Boente Sánchez, co número de protocolo 2.520, e inscribiuse, mediante a Resolución do 30 de setembro de 1977, no Rexistro Estatal de Fundacións, correspondéndolle o número 355.

2. O 4 de xaneiro de 2021, o Rexistro Estatal de Fundacións, dependente do Ministerio de Xustiza, remitiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a Resolución do 17 de decembro de 2020, pola que se acorda «notificar ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia a modificación dos estatutos da Fundación Universidade de Vigo, con cambio de ámbito territorial á Comunidade Autónoma de Galicia, e dar traslado do expediente ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia para a súa inscrición e posterior baixa rexistral no Rexistro Estatal de Fundacións».

A escritura pública de modificación de estatutos do 23 de setembro de 2019, outorgada en Vigo ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número 2427 do seu protocolo, contén os estatutos da Fundación Universidade de Vigo, aprobados polo Acordo do padroado do 9 de abril de 2019.

3. Segundo consta no artigo 7 dos seus estatutos, a Fundación ten como fin principal cooperar ao cumprimento dos fins propios da Universidade de Vigo, entre outros:

a) Prestar servizos necesarios para que a Universidade de Vigo realice as súas funcións básicas, e non supoñan exercicio de función de autoridade.

b) Promover e desenvolver actividades que favorezan a cooperación internacional da Universidade de Vigo.

c) Impulsar e realizar actividades de formación non regrada co fin de lograr as máximas cotas de calidade de docencia e investigación.

d) Fomentar a actividade emprendedora e fomento do emprego do estudantado universitario.

e) Promover a cooperación entre a universidade e o sector empresarial, entidades e institucións.

f) Fomentar a realización de actividades que favorezan a integración da Universidade de Vigo na súa contorna económica, cultural e social.

g) Promover e comunicar a formación, a investigación e as actividades da Universidade de Vigo.

4. O padroado actual da Fundación está formado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger, como presidente; o secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel Álvarez, como secretario; a xerente da Universidade de Vigo, Raquel María Souto García, como xerente; e os membros do equipo de goberno da Universidade de Vigo, José María Martín Moreno, José Luís Míguez Tabarés, Mónica Valderrama Santomé e Natalia Caparrini Marín, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Universidade de Vigo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura pública de modificación dos estatutos da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 18 de xaneiro de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Universidade de Vigo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo, poderase recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo