Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2021 Páx. 6597

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 15/2021, do 14 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Silleda da estrada provincial EP-6518 Silleda-Ponte.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 19 de xuño de 2018, o Concello de Silleda e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto denominado «Mellora da mobilidade peonil na EP-6518 Silleda-Ponte (treito I) do punto quilométrico 0+435 ao punto quilométrico 0+876 (Silleda)». A cláusula 5ª deste convenio recolle como obriga do concello, aceptar a transferencia da vía, no tramo I do punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+870 e no tramo II do punto quilométrico 0+870 ao punto quilométrico 1+573 no momento de recepción das obras, xa que polas súas características funcionais e de utilidade é asimilable ao viario municipal de tipo urbano (servindo o primeiro treito como acceso ás instalacións da Feira Internacional de Galicia, contando con beirarrúas en ambas as marxes e aparcadoiro e sendo o segundo treito de acceso a un reducido número de vivendas), polo que non reúne as características propias dunha estrada provincial.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xaneiro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Silleda de:

Clave

Denominación

p.q.i

p.q.f

EP-6518

Silleda-Ponte

0+000 - 0+870

0+870 - 1+573

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Silleda deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Silleda, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xaneiro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade