Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2021 Páx. 6599

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se dispón a publicación do Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.

Con data do 28 de decembro de 2020, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e a directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda subscribiron o Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.

Por iso, e en aplicación do disposto nos artigos 15 e 16 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procede agora dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación no Diario Oficial de Galicia do Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda para a fabricación e entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade

Convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para a fabricación e entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores

Reunidos:

Dunha parte, Ethel Mª Vázquez Mourelle, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, segundo Decreto 112/2020, do 6 de setembro, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, en uso das atribucións que lle corresponden de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Doutra parte, Lidia Sánchez Milán, como directora xeral, cargo para o cal foi nomeada polo Real decreto 270/2020, do 4 de febreiro (BOE núm. 31, do 5 de febreiro de 2020), en nome e representación da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda Entidade Pública Empresarial Medio Propio (en diante FNMT-RCM), segundo resulta do artigo 19 do seu estatuto, tendo esta entidade o seu domicilio institucional en Madrid, rúa Jorge Juan número 106 e código de identificación Q28/26004-J.

As partes recoñécense a capacidade xurídica necesaria para subscribiren a presente encomenda de xestión e na súa virtude

EXPOÑEN:

I. Que mediante a Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de facultades do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable, transferíronse competencias en materia de transportes por estrada.

II. Que en virtude da citada lei orgánica, as comunidades autónomas exercen por delegación do Estado competencias en materia de xestión de autorizacións, inspección e control de transportes por estrada de ámbito nacional. Isto implica que é o Estado a través do Ministerio de Fomento o que establece a normativa, regulamentación e directrices de coordinación que son de obrigado cumprimento para todas as comunidades autónomas, de tal forma que quede asegurada a coordinación de todos os transportes de ámbito nacional.

III. Que, en relación coas tarxetas de tacógrafo, o Ministerio de Fomento puxo á disposición de todas as comunidades autónomas e deputacións forais unha aplicación informática interconectada coa rede da Unión Europea Tachonet que centraliza todas as peticións de obtención de tarxetas de tacógrafo en España, impide que un mesmo condutor teña máis dunha tarxeta de tacógrafo en toda a Unión Europea e encarga on-line a fabricación personalizada de tarxetas de tacógrafo á FNMT-RCM, que é a única entidade en España que está autorizada para a fabricación de tales tarxetas, e que deben cumprir cos requisitos técnicos e estándares que establece o Regulamento (UE) 165/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 4 de febreiro de 2014.

IV. Que entre os fins da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda está «a expedición, fabricación e subministración dos títulos ou certificados de usuario ou soportes en tarxeta necesarios para tal fin» (artigo 2.1.g) do Real decreto 1114/1999, do 25 de xuño, polo que se adapta a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre á Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, se aproba o seu Estatuto e se acorda a súa denominación como Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda; modificado polo Real decreto 199/2009, do 23 de febreiro), polo Real decreto 390/2011, do 18 de marzo, e polo Real decreto 336/2014, do 9 de maio).

Así, considerando que a concesión de autorizacións, inspección e control de transportes por estrada corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, o presente convenio ten por finalidade establecer as condicións de colaboración entre as partes en canto á fabricación e entrega a favor dos seus destinatarios finais de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores por parte da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, única entidade pública española que, neste momento, conta cun sistema de certificación mediante sinatura dixital para a xestión do tacógrafo dixital, e que ofrece, ademais, todas as garantías de fiabilidade, seguridade e operatividade exixidas pola Comisión Europea, así como establecer as condicións e compromisos que asumen as partes. Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia facilitará á Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda a máis completa información e efectuará as actuacións necesarias para a realización de todas as actividades descritas no anexo técnico e, en particular, subministrará en termos de licitude e exactitude os datos que ten que conter a memoria das tarxetas obxecto de fabricación respecto das empresas, talleres, controladores e condutores afectados.

V. Que, en virtude das razóns agora expostas, a colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda se instrumenta mediante a subscrición dunha encomenda de xestión que corresponde ao tipo regulado no artigo 11.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e que se refire á «realización de actividades de carácter material ou técnico da competencia dos órganos administrativos ou entidades de dereito público da mesma ou de distinta Administración, sempre que entre as súas competencias estean esas actividades, por razóns de eficacia ou cando non se posúan os medios técnicos idóneos para o seu desempeño».

A Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme as atribucións que lle confire o Real decreto 1114/1999, do 25 de xuño, modificado polo Real decreto 199/2009, do 23 de febreiro, é unha entidade pública empresarial. O artigo 103 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establece que «As entidades públicas empresariais son entidades de dereito público».

Así pois, de conformidade co anteriormente exposto, as partes acordan subscribir o presente convenio de colaboración, o cal se rexerá polas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto da encomenda

A presente encomenda ten por obxecto establecer o réxime de colaboración entre as partes asinantes para a fabricación e entrega de tarxetas de tacógrafo dixital e tarxetas de cualificación de condutores (CAP).

As características técnicas das tarxetas de tacógrafo dixital e as dos seus compoñentes deberán cumprir as especificacións do proxecto «Sistema dixital de control no sector dos transportes por estrada», coas adaptacións que, se for o caso, estableza a Comunidade Autónoma de Galicia.

As tarxetas de tacógrafo dixital subministraranse pola FNMT-RCM conforme ao procedemento establecido no anexo técnico relativo ás tarxetas de tacógrafo dixital.

As tarxetas de cualificación do condutor serán subministradas pola FNMT-RCM conforme ao procedemento establecido no anexo técnico relativo ás tarxetas de cualificación do condutor.

Segunda. Obrigas e compromisos económicos asumidos polas partes

O custo das actividades prestadas pola FNMT-RCM para o período de duración da encomenda será o que resulte dos custos unitarios que para cada tipo de tarxeta se determinan no anexo económico do presente documento, e establécese con carácter estimativo un importe anual aproximado de 284.843,00 €, IVE incluído, con cargo á partida orzamentaria 09.02.512A.221.23 dos orzamentos xerais de Comunidade Autónoma de Galicia, distribuído nas seguintes anualidades:

• Exercicio 2021: 284.843,00 € (IVE incluído).

• Exercicio 2022: 284.843,00 € (IVE incluído).

• Exercicio 2023: 284.843,00 € (IVE incluído).

• Exercicio 2024: 284.843,00 € (IVE incluído).

O importe final soportado con base na presente encomenda será o resultante de aplicar ao número de solicitudes de expedición de tarxetas os custos unitarios indicados no anexo III.

O aboamento efectuarao a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, logo da presentación pola FNMT-RCM das correspondentes facturas.

Para estes efectos, a Comunidade Autónoma de Galicia realizará os encargos correspondentes á FNMT-RCM que, unha vez efectuada a subministración, presentará a correspondente factura electrónica, a nome da Xunta de Galicia (CIF S1511001H). Na devandita factura figurarán os códigos DIR3 aplicables en cada momento, que lle serán indicados pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Terceira. Consecuencias por incumprimentos das obrigas e compromisos asumidas polas partes

O incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes do presente convenio será causa de extinción, e procederase á liquidación económica e administrativa das obrigas contraídas ata ese momento.

Cuarta. Mecanismos de seguimento, vixilancia e control de execución

1. Comisión Técnica de Seguimento.

A Comisión Técnica de Seguimento será a canle para a resolución dos problemas de interpretación, seguimento, cumprimento dos compromisos asumidos e control da execución da presente encomenda.

No caso de que se considero necesario, calquera das partes asinantes poderá solicitar que se constitúa a Comisión Técnica de Seguimento, que estará integrada por dous representantes de cada unha das partes comparecentes. Neste sentido, a composición da Comisión será a seguinte.

• Por parte da Xunta de Galicia integrarán a dita comisión as persoas titulares da dirección xeral competente en materia de transportes, que a presidirá, e da Subdirección Xeral de Ordenación de Transportes ou persoas en quen respectivamente deleguen.

• Por parte de a FNMT-RCM, integrarán a dita comisión o director do Departamento de Documentos de Identificación e Tarxetas e outra persoa que designe.

A secretaría da comisión será designada polo seu presidente de entre persoal da correspondente dirección xeral.

A Comisión establecerá as súas normas internas de funcionamento dentro do marco disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Quinta. Réxime de modificación da encomenda

Os termos da presente encomenda poderán modificarse de mutuo acordo entre as partes subscritoras.

Sexta. Prazo de vixencia

A presente encomenda entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2021 e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2024, e as partes poderán por unanimidade acordar a súa prórroga por outros catro (4) anos adicionais. Non obstante o anterior, a opción de prórroga quedará condicionada ao mantemento da imposibilidade de promover concorrencia na prestación do servizo obxecto da encomenda.

De conformidade co establecido pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, o presente convenio tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Sétima. Extinción de encomenda

A presente encomenda extinguirase polo cumprimento das actuacións que constitúen o seu obxecto ou por incorrer en causa de resolución.

Serán causas de resolución:

• O acordo unánime de todos os asinantes.

• Decisión unilateral de calquera das partes.

• Por causas excepcionais xustificadas que obstaculicen ou impidan o cumprimento dos compromisos asumidos, logo de denuncia en forma fidedigna formulada cun prazo de antelación dun mes.

• O incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes.

• Por decisión xudicial declaratoria de nulidade.

• Por calquera outra causa prevista nas leis.

Oitava. Efectos da resolución de encomenda.

Cumprida e/ou resolta a encomenda, levará a cabo a súa liquidación co obxecto de determinar o cumprimento das obrigas e compromisos de cada unha das partes.

Se cando concorra calquera das causas de resolución da presente encomenda existiren actuacións en curso de execución, as partes, por proposta da comisión técnica de seguimento da encomenda, poderán acordar a continuación e finalización das actuacións en curso que consideren oportunas, establecendo un prazo improrrogable para a súa finalización transcorrido o cal deberase realizar a liquidación daquelas nos termos establecidos na presente encomenda.

Novena. Obriga de colaboración das partes

As partes comprométense a colaborar nas funcións de control que para o efecto poida levar a cabo a Comunidade Autónoma de Galicia, ben a través dos órganos do departamento competente en materia de transportes, ben do órgano de control do departamento de competente en materia orzamentaria.

Décima. Garantía de seguridade e confidencialidade

A FNMT-RCM, no marco da presente encomenda, garante cantas medidas sexan necesarias para asegurar:

• A máis absoluta confidencialidade en canto aos datos e información que lle sexan proporcionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Un exhaustivo control sobre as tarxetas personalizadas, así como sobre a destrución daquelas tarxetas identificativas que resulten defectuosas, tanto no proceso de fabricación como no de personalización.

• A custodia das tarxetas identificativas terminadas en lugar seguro, ata que se proceda á súa entrega.

• A destrución ou devolución dos datos de carácter persoal á Comunidade Autónoma de Galicia responsable do tratamento, unha vez cumprida a prestación obxecto da encomenda e, se for o caso, da súa prórroga, pola FNMT-RCM.

Undécima. Protección de datos de carácter persoal

O tratamento automatizado de datos de carácter persoal necesario para a personalización e entrega das tarxetas rexerase polo establecido no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello (Regulamento xeral de protección de datos-RXPD) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPD), e demais normativa de aplicación e desenvolvemento.

De conformidade co artigo 33 da citada LOPD, non terá a consideración de comunicación de datos o acceso da FNMT-RCM á información para a prestación do servizo ao responsable na realización das obrigas derivadas desta encomenda. Queda expresamente establecido que a FNMT-RCM, como encargada do tratamento, unicamente tratará os datos conforme as instrucións que reciba da Xunta de Galicia, quedando prohibida a súa aplicación ou utilización cun fin distinto ao que figura neste documento de formalización da encomenda, así como a comunicación, nin sequera para a súa conservación, a outras persoas. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade determinará as medidas e nivel de seguridade correspondentes. A FNMT-RCM, unha vez cumpridas as obrigas desta encomenda, procederá á destrución dos datos, do mesmo xeito que de calquera soporte ou documentos en que conste algún dato de carácter persoal obxecto do tratamento.

Conforme o artigo 25 do RXPD, o responsable do tratamento aplicará, tanto no momento de determinar os medios de tratamento como no momento do propio tratamento, medidas técnicas e organizativas apropiadas, así como as medidas técnicas e organizativas apropiadas con miras a garantir que, por defecto, só sexan obxecto de tratamento os datos persoais que sexan necesarios para cada un dos fins específicos do tratamento.

No caso de que o encargado do tratamento destine os datos a outra finalidade, os comunique ou os utilice incumprindo as estipulacións do presente documento de formalización da encomenda, será considerado tamén responsable do tratamento e responderá das infraccións en que incorrese persoalmente.

Para a posta no correo daqueles documentos cuxa entrega ten que facerse aos destinatarios finais, a FNMT-RCM poderá contar con empresas colaboradoras desta entidade. Neste caso, a FNMT-RCM trasladará todas as obrigas sobre protección de datos de carácter persoal, por escrito, á empresa colaboradora designada para a súa realización. Oportunamente, a FNMT-RCM comunicará á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade os datos identificativos desta entidade colaboradora.

Duodécima. Seguridade e confidencialidade

Coa finalidade de dotar da debida protección as características técnicas e medidas de seguridade que poidan incorporar os produtos obxecto da encomenda, os documentos e anexos que reflictan as características técnicas descritivas destas medidas cuxa publicación poida poñer en risco a seguridade destes produtos con motivo de falsificacións ou producións fraudulentas manteranse nun ámbito de difusión restrinxido, impedindo, na medida do posible, a súa difusión pública.

A FNMT-RCM comprométese a adoptar cantas medidas de seguridade e vixilancia sexan necesarias para manter o segredo das características técnicas de seguridade que deben reunir os produtos obxecto da presente encomenda, establecendo os procesos oportunos a tal fin, restrinxindo a información e a publicidade dos diferentes elementos de seguridade incorporados aos seus produtos e, en xeral, realizando o obxecto da encomenda con medidas especiais de seguridade.

Así mesmo, para a protección adecuada da información confidencial relativa a características técnicas e medidas de seguridade, ademais da regulación especial de aplicación aos produtos obxecto da encomenda, serán de aplicación as leis protectoras dos segredos oficiais e empresariais, no caso dos produtos e servizos da FNMT-RCM.

Décimo terceira. Réxime xurídico

A presente encomenda ten natureza administrativa e rexerase, ademais de polo disposto neste documento, polas normas de dereito administrativo que de forma directa ou por analoxía resultar de aplicación e, en particular, conforme o disposto no artigo 11 e concordantes da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

As cuestións litixiosas que xurdan entre as partes durante o desenvolvemento e execución de encomenda e que non poidan ser resoltas na Comisión Técnica de Seguimento prevista na cláusula 4 someteranse á xurisdición contencioso-administrativa, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En proba de conformidade, formalízase e asínase a presente encomenda, na data da sinatura (asinado electronicamente).

Ethel Mª Vázquez Mourelle

Lidia Sánchez Milán

Conselleira de Infraestruturas

e Mobilidade

Directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda

I. Anexo técnico relativo ás tarxetas de tacógrafo dixital.

I.1. Descrición xeral do sistema.

O sistema do tacógrafo dixital está dirixido ao control dos transportes por estrada de persoas e mercadorías no ámbito da Unión Europea e baséase na toma dos datos da persoa condutora e do vehículo e no seu almacenamento posterior de forma segura mediante sinaturas dixitais.

Estas sinaturas dixitais xéranse e transmitense de forma xerárquica desde a Dirección Xeral de Transportes e Enerxía da Comisión Europea, Unidade E1 á autoridade correspondente de cada Estado membro.

Esta autoridade nacional é responsable ante a Comisión Europea da custodia das claves privadas de cada país, da seguridade do sistema de introdución das claves nos equipamentos de fabricación nacional e da infraestrutura que o sustenta.

Á dificultade que supón a implantación do sistema de seguridade mencionado hai que lle engadir a da personalización das tarxetas e dos seus módulos e os grandes investimentos necesarios para acometer o proxecto. Por todo iso, e co fin de facer homoxéneo o sistema para todas as comunidades autónomas e de minimizar os custos de produción de todas as tarxetas, a Dirección Xeral de Transportes Terrestres do Ministerio de Fomento decidiu asumir os investimentos comúns a todas as comunidades e os custos anuais da súa operación, dando así a oportunidade aos transportistas españois de dispoñeren dunha das tarxetas máis económicas da Unión Europea.

Estas circunstancias conduciron a deseñar o sistema de control do tacógrafo dixital en tres vertentes: por unha banda, e de forma descentralizada, o referido á solicitude de emisión de tarxetas, é dicir, a súa tramitación a través da Oficina de Rexistro da Xunta de Galicia; doutra banda, de forma centralizada, o relativo á base de datos de emisión de tarxetas, cuxa xestión asume a Dirección Xeral de Transportes Terrestres do Ministerio de Fomento; finalmente, e no que se refire á fabricación das correspondentes tarxetas dixitais, é asumida pola FNMT- RCM.

I.2. Procedemento de emisión e custodia de tarxetas.

O órgano competente en materia de transportes será o receptor dos datos necesarios para a emisión das tarxetas, denominado no parágrafo anterior Oficina de Rexistro; esta é pola súa vez, responsable da custodia das tarxetas.

A aplicación da solicitude de emisión de tarxetas residirá nunha instalación da Dirección Xeral de Transportes Terrestres, no Ministerio de Fomento.

No órgano competente en materia de transportes, o/a funcionario/a correspondente interconectarase á aplicación de solicitude a través da internet accedendo ao sistema por medio dunha tarxeta personalizada e asegurada, con certificado e sinatura dixital.

As solicitudes de emisión das tarxetas aludidas neste anexo técnico realizaranse enviando a solicitude pola internet utilizando a súa sinatura dixital.

Iniciado o expediente polo funcionario/a, automaticamente xerarase un número de solicitude e comezarán unha serie de consultas automáticas dirixidas a diversos organismos nacionais e internacionais. Se se obtiveren respostas positivas para todas as consultas realizadas, quedará autorizada a fabricación da tarxeta e nese momento iniciarase na FNMT-RCM todo o proceso de elaboración.

Se faltaren datos na solicitude ou algunha das respostas for negativa, a aplicación xerará un impreso de corrección ou desistencia, que será completado e entregado, ou enviado, á persoa solicitante para o seu coñecemento e no seu caso novo enchemento.

A aplicación do sistema dispoñerá, ademais, de formularios específicos para o troco, substitución e renovación de tarxetas expedidas anteriormente.

Os formularios irán acompañados de instrucións para o seu correcto enchemento, en castelán, así como un extracto da lexislación aplicable.

As tarxetas, unha vez fabricadas, entregaranse ben no domicilio especificado na solicitude ben no órgano competente en materia de transportes da Comunidade Autónoma de Galicia.

I.3. Condicións de entrega das tarxetas de tacógrafo dixital.

– Considerarase solicitude de fabricación dunha tarxeta cada petición enviada polos operadores da oficina provincial de Rexistro á Dirección Xeral de Mobilidade Terrestre do Ministerio de Fomento, unha vez confirmada a solicitude pola rede europea Tachonet.

– Todos os/as condutores/as solicitantes que acrediten previamente a súa identidade, así como empresas e centros de ensaio que así o desexen, recibirán a súa tarxeta por correo certificado con aviso de recepción no domicilio que indiquen.

– O resto das tarxetas entregaranse no órgano competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

– En todos os casos as tarxetas enviaranse en sobre prefranqueado cunha carta de envío personalizada pola Comunidade Autónoma de Galicia, con texto e imaxes en branco e negro.

– O prazo de entrega da tarxeta, contado a partir do momento de recepción da solicitude na FNMT-RCM, será inferior a cinco (5) días para casos urxentes (roubo, perda e deterioración) ou quince (15) días para o resto dos casos. Estes prazos reduciranse se por cambios da normativa se establecen períodos máis curtos para as entregas de tarxetas de tacógrafo dixital.

– Cada entrega de produto na oficina provincial de Rexistro levará adxunta un albará.

– Enviarase ao órgano competente en materia de transportes da Xunta de Galicia unha única factura mensual, coas cantidades totais solicitadas e fabricadas por tipo de tarxeta. A esta factura achegaráselle un albará co detalle nominal de todas as tarxetas entregadas.

– A forma de pagamento será mensual, única a mes vencido, contra presentación de factura, mediante transferencia bancaria, libre de gastos, á conta corrente que oportunamente se indicará.

II. Anexo técnico relativo ás tarxetas de cualificación do condutor.

II.1. Descrición xeral do produto.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, modificada pola Directiva (UE) 2018/645 do Parlamento e do Consello, do 18 de abril de 2018), relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifica o Regulamento (CEE) nº 3820/85 do Consello e da Directiva 91/439/CEE do Consello, aprobou unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

Por outra banda, establécese unha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución, ademais dunha formación continua destinada a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. Unha vez concluída esta formación, a Administración competente, segundo dita a mencionada Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo, debe expedir a cada un dos aspirantes que aprobasen o exame de cualificación inicial a correspondente tarxeta de cualificación, ou unha vez superada a súa formación continua.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo, indica no seu anexo II...…«os diferentes elementos constitutivos de seguridade da tarxeta de condutor teñen por obxecto descartar toda posibilidade de falsificación ou manipulación fraudulenta e detectar toda tentativa deste tipo. O Estado membro procurará que o grao de seguridade da tarxeta sexa polo menos comparable ao do permiso de condución».

É importante sinalar que o permiso de conducir, co formato dunha tarxeta de crédito e que inclúe as máximas medidas de seguridade, está a ser fabricado desde novembro de 2004 pola FNMT-RCM.

Así mesmo, no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, dispón no anexo VI, número 2 (Características de seguridade) os diferentes elementos constitutivos da tarxeta de condutor que teñen por obxecto descartar toda posibilidade de falsificación ou manipulación fraudulenta e detectar toda tentativa deste tipo, tal e como establece a normativa da Unión Europea.

Convén sinalar en canto á tarxeta que certifica a aptitude profesional (CAP) que será utilizada polos mesmos condutores que xa dispoñen da tarxeta do tacógrafo dixital, polo que os investimentos xa realizados no sistema de rexistro e o de fabricación poden ser comúns. Así mesmo, a sinerxía que representa a fabricación do novo permiso de conducir na FNMT representa unha gran vantaxe de custos para a DXTC.

É necesario sinalar que as técnicas e medios que se van empregar non son susceptibles de aplicarse, sen máis, ao sistema dixital de control, e é necesario realizar a configuración destas técnicas no marco de converxencia e interoperatividade dos diferentes proxectos públicos relacionados co impulso da Administración electrónica, polo que é notoria a imposibilidade de acudir a instrumentos xurídicos de base estritamente contractual, cuxo obxecto é sempre a adquisición de bens ou a prestación de servizos concretos.

Este tipo de actuacións técnicas e administrativas deben ser encomendadas a unha entidade pública que reúna as características adecuadas para a consecución do obxectivo desexado por contar, entre os seus fins institucionais, con este tipo de actuacións.

A FNMT-RCM dispón da infraestrutura necesaria para a emisión de tarxetas CAP relativas á cualificación inicial e formación continua dos condutores profesionais. Neste sentido desde o 10 de outubro 2007, o ministerio competente en materia de transportes encomendou tamén a fabricación de tarxetas CAP, co fin de responder ás mesmas exixencias de protección contra a falsificación do permiso de condución, tendo en conta da importancia dos dereitos que confire para a seguranza viaria e a igualdade de condicións de competencia. Tras a posta en marcha do sistema, acordouse co ministerio que fose a FNMT-RCM o provedor das tarxetas CAP ás comunidades autónomas e cidades autónomas, aplicando o mesmo prezo a todas elas independentemente do volume subministrado.

II.2. Condicións de entrega das tarxetas de cualificación do condutor.

• A forma de pagamento será mensual, única a mes vencido, contra presentación de factura, mediante transferencia bancaria, libre de gastos, á conta corrente que oportunamente se indicará.

• Prazo de entrega: 15 días contados desde a recepción da solicitude na FNMT.

• Lugar de entrega: as oficinas dos catro servizos de Mobilidade das xefaturas territoriais da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, sitos na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e/ou as oficinas centrais da Dirección Xeral de Mobilidade en Santiago de Compostela, segundo indicación no correspondente pedido.

III. Anexo económico

O presente documento describe os importes de compensación entre a Xunta de Galicia e a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, para as tarxetas de cualificación do condutor e as tarxetas de tacógrafo dixital (tarxeta de condutor (TC), tarxeta de empresa (CHE), tarxeta de control (TCL) e tarxeta de taller (TT).

Tarxetas

Prezo unitario (IVE excluído)

Cualificación condutor CAP

1,67 €

Tarxeta tacógrafo de condutor

18,13 €

Tarxeta tacógrafo de empresa

18.13 €

Tarxeta tacógrafo de control

20,70 €

Tarxeta tacógrafo de centro de ensaio

24,63 €