Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2021 Páx. 6594

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de San Roque, parroquia de Morgadáns, do concello de Gondomar.

O Concello de Gondomar remite a delimitación de solo de núcleo rural (DSNR) de San Roque para resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e o artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Logo de analizar a DSNR de San Roque, redactada pola arquitecta Delia Prado Figueroa en xullo de 2020; e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Gondomar non conta actualmente con planeamento xeral. O PXOM foi anulado por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 15.9.2001, firme en casación, pola sentenza do Tribunal Supremo do 22.2.2005.

2. O ordenamento xurídico vixente derívase da providencia da Alcaldía do 8.3.2012, na que se remite á dilixencia da secretaria municipal que remite: aos informes xurídicos da técnica da Administración xeral do 15.9.2011 e 20.2.2012 e aos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 6.9.2012 e 5.7.2013.

3. Mediante a Resolución do 5 de outubro de 2016, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, formulouse o informe ambiental estratéxico desta delimitación e resolveuse non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (expediente 2016AAE1923 e Diario Oficial de Galicia do día 25.10.2016), constando a achega de informes desta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.9.2016, do Instituto de Estudos do Territorio do 15.9.2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 11.8.2016 e da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 22.8.2016.

4. A delimitación do núcleo rural de San Roque someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia do 17.11.2016 e nos xornais Faro de Vigo e Atlántico Diario do 18.11.2016, notificándoselle individualmente aos titulares catastrais afectados. Foron presentadas 3 alegacións.

5. O Concello solicitou informe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (consta informe do 2.1.2018), á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes do 17.10.2018, do 11.6.2019 e do 19.5.2020), á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe en materia de residuos do 20.10.2017), ao Instituto de Estudos do Territorio (informe do 4.10.2017), á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 27.9.2017), á Dirección Xeral de Aviación Civil (informe do 29.11.2017), á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informe do 14.11.2017) e á Delegación do Goberno (desde a Subdelegación do Goberno remítese o informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 20.12.2017).

Foi solicitado informe a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e Deputación Provincial de Pontevedra, que non deron resposta no prazo establecido.

6. Constan informes técnicos municipais favorables do 10.5.2017, do 22.5.2017 e do 15.7.2020; e informes xurídicos favorables do 23.5.2017, do 6.3.2018 e do 24.8.2020.

7. A delimitación de solo de núcleo rural de San Roque foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello en sesión do 3.9.2020.

8. O Concello remitiu o expediente e o documento aprobado provisionalmente ao órgano competente en materia de urbanismo para resolver sobre a súa aprobación definitiva, e deu resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto da delimitación de solo de núcleo rural.

O documento ten por obxecto o recoñecemento e delimitación do solo de núcleo rural de San Roque, Xende e Hervillás, na parroquia de Morgadáns. O núcleo rural de San Roque abrangue unha superficie de 61.277 m2. Nel identifícanse tres bolsas de solo de núcleo rural tradicional de 34.880 m2, coincidentes cos asentamentos primitivos do núcleo; e outra parte, como núcleo rural común de 26.397 m2, vinculados á estrutura primitiva.

III. Análise e consideracións.

A documentación achegada axústase ao establecido na lexislación urbanística e incorpora os condicionantes derivados dos informes sectoriais emitidos na súa tramitación.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural de San Roque, parroquia de Morgadáns, no concello de Gondomar.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2020

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo