Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1711

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de decembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o Acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Paradela e de Gradín, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra), ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do Acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 23 de novembro de 2020, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Paradela e de Gradín, no concello de Ponte Caldelas, ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente PO-DESC-02/2020).

Feitos:

Primeiro. O 10 de agosto de 2020, Jesús Manuel Martínez Pazos, presidente da Xunta Reitora da CMVMC de Paradela, no concello de Pontecaldelas, presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia co número de entrada 2020/1553567, solicitude de deslindamento entre a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Paradela e a CMVMC de Gradín, ambas as dúas no concello de Ponte Caldelas.

Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento entre a CMVMC de Paradela e a CMVMC de Gradín, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:

– Plano de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Ponte Caldelas.

– Certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais das comunidades.

– Informe de validación gráfica do deslindamento entre Paradela e Gradín, co CSV: CHYJSM53VJ9R5EWS.

Segundo. A Sección de Topografía realiza o plano do deslindamento:

– Sobre a cartografía catastral, de acordo co informe de validación gráfica achegado.

– Sobre os esbozos das comunidades.

Terceiro. A descrición da liña vén dada:

– Polo informe de validación gráfica co CSV: CHYJSM53VJ9R5EWS.

– Polos dous puntos tomados no campo segundo o plano de deslindamento número 1000 achegado pola Comunidade de Paradela, con coordenadas UTM, sistema ETRS89:

Vértice

Coord. X

Coord. Y

1

540088,03

4695138,59

2

540150,66

4695045,91

A liña de deslindamento divide en dúas a parcela catastral 36043A012009620000JG, a nome da comunidade de Gradín.

Cuarto. Segundo a resolución de clasificación e esbozo do estudo previo, as comunidades de Paradela e Gradín son estremeiras aínda que no tramo que deslindan neste expediente a liña de deslindamento está fora dos esbozos das dúas comunidades.

Tendo en conta todo o anterior, o Servizo de Montes o 13 de novembro de 2020 emite informe de maneira favorable sobre este deslindamento, segundo a liña presentada con CSV: CHYJSM53VJ9R5EWS, e as coordenadas dos dous puntos tomados no campo, referidas no punto terceiro deste acordo, xunto coa modificación dos respectivos esbozos segundo este deslindamento.

Xúntanse con este informe os planos referidos no punto segundo.

Finalmente, o informe do Servizo de Montes pon de manifesto que sería conveniente que as comunidades de Paradela e de Gradín realizasen unha revisión do esbozo de acordo coa disposición décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou un deslindamento (artigos 53 e 54 da Lei 7/2012) de todo o seu monte, xa que a liña deslindada neste expediente queda fóra dos esbozos das dúas comunidades.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada, os informes técnicos e en atención ao disposto nos artigos 52 a 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CMVMC de Paradela e de Gradín, no concello de Ponte Caldelas, respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito terceiro e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificarlles este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 18 de decembro de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra