Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1552

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e de conformidade co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, articulada a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixos principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial, ao tempo que se traballa sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica e se deseñan as solucións precisas para favorecer que a poboación poida ter o número de fillos/as que desexe, paliando o custo que comporta a crianza e coidado dos fillos e fillas.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á universalización do primeiro ciclo de educación infantil, mellorando a accesibilidade deste recurso e constituíndo unha rede galega de centros de educación infantil 0-3 articulada e de calidade, como recurso educativo, dado que a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

Na procura deste obxectivo enmárcase a modificación operada a través da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que engadiu no seu artigo 23.seis unha disposición adicional novena á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, en que se recollen as actuacións previstas para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos, establecendo no seu número 5 que a consellería competente en materia de servizos sociais adoptará medidas tendentes a promover e fomentar que as entidades privadas que sexan titulares de escolas infantís de 0-3 anos, apliquen para o segundo fillo ou filla da unidade familiar e sucesivos/as unha bonificación do 100 % da contraprestación pecuniaria que teñan establecida pola atención educativa. Entre tales medidas poderá atoparse o establecemento de subvencións, sendo nestes casos a cargo das entidades a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

Con esta base, no ano 2020 púxose en marcha unha nova liña de fomento, atendendo a razóns de impulso demográfico e de conciliación, así como de apoio ás familias galegas, para favorecer o acceso á atención educativa 0-3 en condicións de equidade, promovendo que todas elas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar. Esta nova liña dirixiuse ás entidades privadas titulares de centros de educación infantil 0-3 para que bonificasen ao 100 % o custo da atención educativa e tamén o custo da matrícula do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar, contribuíndo a Administración cunha compensación a través dunha subvención para que a medida poida levarse a cabo.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese ás entidades privadas para darlle estabilidade e continuidade ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos/as fillos/as e sucesivos nas escolas infantís 0-3.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin a que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2021/22 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo establécese o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas que non tivesen acceso a unha axuda económica da Administración autonómica por este concepto e acrediten a gratuidade da matrícula do curso 2020/21 e a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia en Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 10.636.364 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2021

Ano 2022

Total

2021.13.02.312B.470.2

2020-00052

6.000.000 €

3.818.182 €

9.818.182 €

2021.13.02.312B.481.3

2015-00477

500.000 €

318.182 €

818.182 €

Total

6.500.000 €

4.136.364 €

10.636.364 €

2. O crédito consignado na aplicación 2021.13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.un.s) do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020.

3. O crédito consignado na aplicación 2021.13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, apliquen a gratuidade da atención educativa e da matrícula nas escolas infantís 0-3 para segundos e sucesivos fillos e fillas, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Artigo 4. Contía da axuda

1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondese aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.

2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

3. As axudas calcularanse en función das tarifas e do prezo da matrícula da escola infantil no curso 2020/21, sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.

4. Para os efectos do previsto nos números anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade emitirá os xustificantes mensuais de pagamento para entregar aos suxeitos obrigados en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lle correspondería aboar coa lenda Prezo bonificado 100 %. Esta lenda constará igualmente nos xustificantes de matriculación. Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula, será a cargo das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción das axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará en todo caso o 30 de novembro de 2021.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

b) Certificado do número de prazas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as na data de presentación da solicitude e da contía do prezo que lles corresponde aboar mensualmente ás persoas obrigadas ao seu pagamento, asinado pola persoa representante legal da entidade solicitante (anexo II).

c) Relación nominal dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da escola na data de presentación da solicitude (anexo III). Para a elaboración deste documento o órgano concedente facilitaralles ás entidades beneficiarias o modelo de ficheiro en formato adecuado para xuntar coa certificación anterior.

As entidades beneficiarias da axuda, ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C,) só terán que presentar a documentación complementaria prevista neste número no suposto de terse producido variacións respecto da presentada en decembro de 2020 para xustificar a dita axuda.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que a escola infantil indicada dispón de proxecto educativo e proposta pedagóxica, de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, e que se encontra á disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para calquera comprobación que sexa precisa.

c) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.

d) Que a escola infantil está aplicando as tarifas de prezos que constan no RUEPSS e que aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

e) Que asume a contía da bonificación no que exceda da contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos en que esta non acade o 100 % do custo por atención educativa e matrícula.

f) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

g) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) Que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

j) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, e as administracións públicas deberanos obter electronicamente a través das súas redes corporativas ou dunha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/ NIE da persoa representante.

d) Inhabilitación para obter subvencións ou axudas.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

g) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) ou, de ser o caso, no anexo IV, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación, que realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da notificación do dito requirimento, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á subdirección con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Consellería de Política Social para os efectos de comprobación de que os centros susceptibles de subvención non teñan pendente de cumprimento unha sanción imposta mediante resolución firme por falta grave ou moi grave en materia de servizos sociais que impida o desenvolvemento da actividade obxecto de subvención.

6. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano concedente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, tendo en conta as limitacións previstas, de ser o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

7. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle ao director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de prazas ocupadas por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía total calculada pola certificación anual de ocupación resultase inferior á concedida ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

3. As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda por bonificación da atención educativa se calcula mensualmente, excluído o mes de vacacións. A axuda pola gratuidade da matrícula non é divisible e unicamente se xera para as prazas efectivamente ocupadas na data da certificación de ocupación para a xustificación anual da axuda.

4. As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente e á solicitude da entidade de modificación da resolución de concesión coa cal achegará o certificado final de matrícula.

Artigo 15. Xustificación das axudas

1. As entidades beneficiarias deberán presentar en cada anualidade unha xustificación independente. Deste xeito, con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, deberán achegar coa data límite do 5 de decembro de 2021 e do 10 de setembro de 2022, respectivamente, a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo IV), e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 13.2.a).

b) Certificado de prazas ocupadas por segundos e sucesivos fillos/as do período subvencionado actualizado á data de presentación da xustificación (anexo II).

c) Relación nominal dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da escola no período subvencionado (anexo III) actualizado á data de presentación da xustificación.

2. A Consellería de Política Social poderá comprobar os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, podendo requirir á entidade beneficiaria a documentación acreditativa da entrega dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación ás familias.

3. No suposto de que a contía da subvención xustificada correspondente á primeira anualidade sexa superior ou inferior á concedida, con carácter previo ao pagamento do anticipo da segunda anualidade ditarase a resolución complementaria ou revogatoria que corresponda con respecto á resolución inicial e, de haber diferenza, esta compensarase con cargo aos créditos da segunda anualidade.

Artigo 16. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán un pagamento anticipado do 100 % da cantidade correspondente á anualidade 2021, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión.

2. Na anualidade 2022 librarase un pagamento anticipado de ata o 90 % da subvención que corresponda á dita anualidade.

3. O importe restante librarase unha vez xustificado o número de prazas ocupadas por segundos/as e sucesivos/as fillos ou fillas para os que concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde, tendo en conta as modificacións que procedan de acordo co previsto no artigo anterior.

4. A percepción destes pagamentos en concepto de anticipo queda exonerada da constitución de garantías.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais, especificamente, a:

a) Manter actualizados no RUEPSS todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, nomeadamente, os seguintes: tarifas de prezos, relación nominal de traballadores/as, rexistro de persoas usuarias e prazas vacantes.

b) Remitir os informes e demais documentación que, no marco da actividade subvencionada, reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Ter á disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

e) Conservar á disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa e do prezo da matrícula 2020/ 21 e mais da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación, emitidos nos termos establecidos nesta orde.

f) Aplicar a bonificación do 100 % do custo por atención educativa e matrícula a todos os segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar residentes en Galicia matriculados na escola infantil 0-3 e asumir a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % deste custo. Nos supostos en que se vexa afectada a actividade presencial por indicación da autoridade sanitaria observarase o disposto no artigo 18.

g) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 18. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista no artigo 15.

d) Cando se incumpra a obriga de cofinanciamento nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula.

e) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación onde conste a bonificación do 100 % do prezo da matrícula e/ou da atención educativa.

f) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa de que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

g) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

Nos supostos en que a actividade presencial se vexa afectada por indicación da autoridade sanitaria por tempo superior a un mes procederá o reintegro do 10 % da contía da axuda percibida en proporción ao período de tempo que corresponda.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 17, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 17, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 20. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins e respectando, en todo caso, a realización das actuacións subvencionables dentro do exercicio económico correspondente, de conformidade co establecido no artigo 1.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file