Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2021 Páx. 1579

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

BDNS (Identif.): 543557.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, apliquen a gratuidade da atención educativa e da matrícula nas escolas infantís 0-3 para segundos e sucesivos fillos e fillas, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

2. Quedan excluídas do previsto no número anterior as entidades privadas que xestionan escolas infantís 0-3 de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e de titularidade municipal.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2021/22 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo establécese o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas que non tivesen acceso a unha axuda económica da Administración autonómica por este concepto e acrediten a gratuidade da matrícula do curso 2020/21 e a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

Así mesmo, entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s, ou a persoa proxenitora e o/a cónxuxe ou persoa con análoga relación de afectividade, e mais:

1º. As fillas e os fillos, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos ou en situación de acollemento familiar por tempo superior a un ano.

4. Para teren dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 10.636.364 euros, coa seguinte desagregación:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2021

Ano 2022

Total

2021.13.02.312B.470.2

2020-00052

6.000.000 €

3.818.182 €

9.818.182 €

2021.13.02.312B.481.3

2015-00477

500.000 €

318.182 €

818.182 €

Total

6.500.000 €

4.136.364 €

10.636.364 €

2. O crédito consignado na aplicación 2021.13.02.312B.470.2 poderá ser obxecto de ampliación, tal e como se establece no artigo 7.un.s) do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de novembro de 2020.

3. O crédito consignado na aplicación 2021.13.02.312B.481.3, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e mais no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderase ampliar cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento dos créditos sinalados nos números anteriores queda condicionado á declaración da súa dispoñibilidade logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Contía da axuda

1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondese aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.

2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

3. As axudas calcularanse en función das tarifas e do prezo da matrícula da escola infantil no curso 2020/21, sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.

4. Para os efectos do previsto nos números anteriores durante todo o período subvencionable a entidade emitirá os xustificantes mensuais de pagamento para entregar aos suxeitos obrigados, en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lle correspondería aboar coa lenda Prezo bonificado 100 %. Esta lenda constará igualmente nos xustificantes de matriculación. Nos supostos en que as axudas non acaden o 100 % do custo por atención educativa e matrícula, será a cargo das entidades beneficiarias a contía da bonificación no que exceda a contía da subvención outorgada pola Administración autonómica.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso e finalizará en todo caso o 30 de novembro de 2021.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación ou, de ser o caso, do día da notificación do permiso de inicio de actividades. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social