Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2021 Páx. 1139

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da reformulación do proxecto de itinerario peonil e ciclista na AC-214 Sigrás, punto quilométrico 8+500-9+260 (clave AC/18/186.06).

A Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), unha vez vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 14 de decembro de 2020 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da reformulación do proxecto de itinerario peonil e ciclista na AC-214 Sigrás, punto quilométrico 8+500-9+260, de clave: AC/18/186.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados, que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. A actuación obxecto do proxecto consiste na execución dunha senda peonil e ciclista cunha lonxitude de 720 metros, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 (p.q. 8+500) e a N-550 (p.q. 9+260), dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

As actuacións proxectadas son as seguintes:

• Desde o p.q. 8+560 ao 8+860 levarase a cabo unha renovación superficial da calzada existente, mediante a fresadura e a posterior reposición dunha capa de mestura bituminosa.

• Desde o p.q. 8+860 ao 9+280 executarase unha ampliación da sección tipo da calzada e a prolongación da senda existente ata a intersección da AC-214 coa N-550, mediante a construción dunha nova senda para o tránsito peonil e ciclista que dea continuidade á existente.

• Outras actuacións complementarias: execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

Terceiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 174, do 28 de agosto de 2020, publicouse o anuncio do 11 de agosto de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da reformulación do proxecto do itinerario peonil e ciclista na AC-214 Sigrás, p.q. 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e, no trámite de información pública, as persoas interesadas formularon alegacións. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que foi notificado ás administracións ás cales se deu trámite de informe e aos particulares que presentaron as alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e ao informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e ao informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Cambre deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse á información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública de reformulación do proxecto de itinerario peonil e ciclista na AC-214 Sigrás, p.q. 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de reformulación do proxecto do itinerario peonil e ciclista na AC-214 Sigrás, p.q. 8+500-9+260, de clave AC/18/186.06, e manter o trazado aprobado inicialmente como definitivo.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Cambre deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos