Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 259 Luns, 28 de decembro de 2020 Páx. 50571

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se fai pública a ampliación do crédito previsto na Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega (código de procedemento SA463I).

Con data do 29 de outubro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega.

O financiamento da convocatoria atópase distribuído nas correspondentes aplicacións orzamentarias de acordo co seguinte detalle:

Liñas de actuación:

Importe

Aplicación orzamentaria

Liña I. Proxectos de investimento en melloras nos centros cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais, psicosociais ou preventivos en materia de trastornos adictivos e trastornos mentais

155.940,66 €

50.01.413A.781.30

Liña II. Programas sociosanitarios de detección e intervención comunitaria de persoas en risco de presentar un trastorno mental , incluídos os trastornos adictivos

165.805,54 €

50.01.413A.481.30

Liña III. Programas para favorecer a empregabilidade e a incorporación sociolaboral de persoas con trastorno mental severo e adiccións

100.000,00 €

50.01.413A.481.30

No artigo 3.2 da citada orde recóllese que, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

O 7 de novembro de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Orde DSA/1045/2020, do 29 de outubro, pola que se publica Acordo do Consello de Ministros, do 13 de outubro de 2020, polo que se autorizan os criterios de distribución, e a distribución resultante, aprobados polo Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, destinados a subvencionar, por parte das comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía, actividades de interese xeral con cargo á asignación do 0,7 por 100 do imposto sobre a renda das persoas físicas, para o ano 2020, na cal se asignan a esta comunidade autónoma 17.127.112,58 euros para a anualidade 2020, correspondendo á Consellería de Sanidade a porcentaxe para o desenvolvemento de programas dentro do seu ámbito competencial superior ao orzamento orixinalmente previsto.

Por este motivo, e co obxecto de repartir a totalidade dos fondos recadados para este fin entre as entidades de iniciativa social que concorran á convocatoria de axudas, cómpre dar publicidade á ampliación do crédito dispoñible para as liñas previstas na Orde do 19 de outubro por unha contía igual ao incremento de crédito realizado.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación dos créditos

Amplíase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega en noventa e cinco mil trescentos catorce euros con catro céntimos (95.314,04 €), consignado nas aplicacións orzamentarias 50.01.413A.481.30 e 50.01.413A.781.30, con código de proxecto 201800005, en función das seguintes liñas de actuación subvencionables e os seus importes:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe

incremento

Importe tras
incremento

Liña I. Proxectos de investimento en melloras nos centros cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais, psicosociais ou preventivos en materia de trastornos adictivos e trastornos mentais

50.01.413A.781.30

155.940,66 €

47.657,02

203.597,68 €

Liña II. Programas sociosanitarios de detección e intervención comunitaria de persoas en risco de presentar un trastorno mental, incluídos os trastornos adictivos

50.01.413A.481.30

165.805,54 €

23.828,51

189.634,05 €

Liña III. Programas para favorecer a empregabilidade e a incorporación sociolaboral de persoas con trastorno mental severo e adiccións

50.01.413A.481.30

100.000,00 €

23.828,51

123.828,51 €

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 2. Período de execución e xustificación de gastos

O incremento do crédito require necesariamente a ampliación dos prazos previstos no primeiro parágrafo do artigo 24 da Orde do 19 de outubro de 2020, de xeito que o prazo de xustificación de gastos finalizará o 30 de xuño de 2021 (inclusive), sendo os gastos subvencionables os realizados e efectivamente pagados desde o 1 de marzo de 2020 ata o 31 de maio de 2021.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade