Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 257 Mércores, 23 de decembro de 2020 Páx. 50403

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2020 pola que se convoca un posto de persoal directivo.

De conformidade co Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), aprobado polo Decreto 78/2001, do 6 de abril (DOG nº 77, do 20 de abril), e en virtude do Acordo do presidente de Agader, do 27 de novembro de 2020, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria, os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Esta convocatoria e as distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección serán publicadas na páxina web http://www.agader.xunta.gal.

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal de selección poderán ser impugnados polos/polas interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2020

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Código: AGDR 03 00 00.

Denominación do posto: subdirector/a de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural.

Dependencia: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro; Decreto 119/2012, do 3 de maio).

Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección.

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de subdirector/a de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

1. Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de subdirector/a de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

2. Funcións do posto convocado.

De conformidade co Acordo do Consello de Dirección, do 20 de novembro de 2012, ao posto convocado correspóndenlle o seguimento e control das accións desenvolvidas a través dos grupos de desenvolvemento rural, así como o apoio e asesoramento de todo tipo que estes necesiten para o seu funcionamento. Así mesmo, encargarase das relacións con outros departamentos e institucións no que afecte o financiamento, o seguimento e o control das ditas accións.

A través das súas áreas correspóndelle:

– Dinamizar os grupos de desenvolvemento rural e outras instancias que desenvolvan programas de desenvolvemento rural.

– Elaborar as directrices dirixidas aos grupos de desenvolvemento rural que faciliten o seguimento e o control do cumprimento dos requisitos legais, financeiros e económicos das accións incluídas nos programas de desenvolvemento rural executados por estes.

– Fomentar calquera iniciativa de cooperación entre os grupos de desenvolvemento rural e os departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións ou institucións en materias que afecten o desenvolvemento rural.

– Propoñer a redacción dos convenios, acordos ou protocolos de colaboración que sexa necesario subscribir con outros departamentos da Xunta de Galicia para garantir o seguimento e control das accións desenvolvidas polos grupos de desenvolvemento rural.

– Elaborar os informes técnicos de subvencionabilidade.

– Realizar o seguimento para asegurar o cumprimento por parte dos/das promotores/as dos requisitos legais necesarios.

– Recibir todas as consultas de tipo xurídico, técnico, económico, de funcionamento que formulen os grupos de desenvolvemento rural e deseñar un protocolo de formulación e resolución das consultas.

– Deseñar as accións formativas para mellorar a eficacia, a xestión e os coñecementos do persoal e integrantes dos grupos de desenvolvemento rural.

– Deseñar, planificar e desenvolver o programa de visitas aos grupos de desenvolvemento rural, tanto relacionadas co seguimento e control como co apoio aos grupos.

– Recibir e canalizar as suxestións e achegas dos grupos de desenvolvemento rural para formular os distintos plans, estratexias e accións que pode formular a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ou calquera outro organismo da Xunta de Galicia en materia de desenvolvemento rural, así como fomentar as ditas suxestións e achegas.

– Canalizar as relacións coa Asociación Galega de Grupos de Desenvolvemento Rural a todos os niveis.

– Xestionar financeira, económica e administrativamente os programas de desenvolvemento rural desenvolvidos a través dos grupos de desenvolvemento rural.

– Deseñar as aplicacións informáticas de seguimento das accións incluídas nos programas de desenvolvemento rural, desenvolvidas polos grupos de desenvolvemento rural, referentes aos datos, indicadores e información económica e administrativa.

– Elaborar os expedientes de gasto para propoñer á Dirección os pagamentos que correspondan para o financiamento das accións desenvolvidas a través dos grupos de desenvolvemento rural.

– Recompilar todo tipo de información para elaborar informes de xestión e impacto dos programas de desenvolvemento rural que se realicen a través dos grupos de desenvolvemento rural.

– Elaborar os informes e a documentación de seguimento, control e financiamento das accións executadas a través dos grupos de desenvolvemento rural, que sexan requiridos dentro do marco de colaboración con outras institucións ou por instancia da Dirección da Axencia.

3. Requisitos dos/das aspirantes.

Para seren admitidas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e manter os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feito os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvía, en caso de persoal laboral, en que fose separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial de grao. Tamén poderán acceder a este corpo as persoas que estean en posesión das titulacións de Enxeñaría Técnica, diplomatura universitaria, Arquitectura Técnica ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes como no de toma de posesión ou formalización do contrato.

4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (A Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos. Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizado os estudos para obter o título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terán que achegarse o curriculum vitae do solicitante e o plan de actuación (recollido no punto 7 destas bases) en soporte papel e en formato electrónico.

A formación acreditarase mediante a presentación de orixinais ou fotocopia cotexada dos títulos ou certificados que se aleguen.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de pagamento de cotas ao réxime de autónomos se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, ou certificado de servizos prestados, de ser o caso, e documento acreditativo do período de tempo no desempeño dos contratos ou postos referenciados para os efectos do cómputo da experiencia profesional.

Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións, e serán responsabilidade do/a aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará resolución na cal se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural http://agader.xunta.gal/ e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución na cal se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: http://agader.xunta.gal/.

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria se farán, ademais, no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

6. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e constituirase unha vez publicada na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

7. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/polas aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a continuación, cuxa puntuación máxima é de 50 puntos.

O procedemento selectivo constará de dúas fases:

7.1. Primeira fase: baremación de méritos alegados (ata un máximo de 30 puntos):

A puntuación máxima é, nesta primeira fase, de 30 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 20 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

7.1.1. Formación (puntuación máxima de 10 puntos).

– Por titulacións académicas diferentes ás exixidas nesta convocatoria: 2 puntos por cada titulación académica, ata un máximo de 4 puntos.

– Por asistencia a cursos cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas: 0,003 puntos por cada hora, ata un máximo de 6 puntos.

7.1.2. Experiencia (puntuación máxima de 20 puntos).

– Por experiencia laboral no ámbito da coordinación ou dirección de equipos de traballo, docencia, xestión económica ou xustificación de fondos públicos: 2 puntos por cada ano acreditado. As fraccións iguais ou superiores a 6 meses computaranse como un ano completo, ata un máximo de 15 puntos.

– Por outra experiencia laboral: 1 punto por cada ano acreditado. As fraccións iguais ou superiores a 6 meses computaranse como un ano completo, ata un máximo de 5 puntos.

7.1.3. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/polas aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola cal se aproba a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

7.1.4. Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase, para a defensa do plan de actuación.

7.2. Segunda fase: plan de actuación e exposición deste.

A puntuación máxima nesta segunda fase é de 20 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 10 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

– Plan de actuación (ata un máximo de 15 puntos).

As persoas aspirantes deberán elaborar, presentar e defender un plan de actuación, que se desenvolverá a medio prazo na Subdirección de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural no ámbito das competencias da Axencia.

O plan non poderá superar os 30 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11, incluídos gráficos.

– Exposición do plan de actuación: (ata un máximo de 5 puntos).

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de respostas compute para os efectos da duración prevista neste punto.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuación serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural cunha antelación mínima de corenta e oito horas á sinalada para o seu inicio. Por petición do candidato, poderán facilitarse os medios técnicos ou informáticos habituais para a proxección ou exposición da presentación.

7.2.1 O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

• Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como o grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como a relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser mantidos no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos, directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

7.2.4. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/polas aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a cal se aproba a lista coas puntuacións definitivas da segunda fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

8. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación na fase segunda do procedemento selectivo. De persistir o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural as puntuacións obtidas polos/polas aspirantes, con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación.

De non se presentaren solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de se considerar que ningún/ningunha dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9. O vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a aspirante seleccionado/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

10. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

missing image file