Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 254 Venres, 18 de decembro de 2020 Páx. 49771

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 14 de decembro de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 16 de outubro de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e da planta ornamental (código de procedemento MR436D).

Mediante a Orde do 16 de outubro de 2020 (DOG núm. 213, do 22 de outubro) convocáronse para o ano 2020 as axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e planta ornamental.

As persoas produtoras de flor cortada e planta ornamental viron imposibilitada a comercialización da súa produción, no período comprendido entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas.

O citado real decreto non declarou as flores e plantas ornamentais bens de primeira necesidade, polo que a súa comercialización reduciuse practicamente na súa totalidade. O 70 % da produción total anual comercialízase nestes meses, debido á demanda de festas e eventos como Semana Santa, o día da Nai ou o día do Libro, festas todas elas canceladas polo mesmo motivo.

Ao mesmo tempo, tanto a flor cortada como a planta ornamental teñen unha vida útil moi curta, que fai imposible o seu almacenamento para posterior venda, polo que a maioría dos produtores se viron obrigados a destruír a súa produción.

O financiamento das axudas recollidas na presente orde, financiadas ao 100 % pola Administración xeral do Estado, efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, 14.04.713C 470.0 (CP 2020 00098), cun importe para o ano 2020 de corenta mil euros (40.000 €).

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación financiará as subvencións previstas nesta orde con cargo á aplicación orzamentaria 21.05.412 C.451, en función das dispoñibilidades orzamentarias, cunha contía máxima de 10.400.000 euros.

A distribución territorial dos créditos consignados para o efecto nos orzamentos xerais do Estado, a cargo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, realizarase de acordo co previsto no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria. A Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural fixará a distribución territorial das subvencións de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o día 5 de novembro, e analizadas todas as solicitudes presentadas, a Consellería do Medio Rural enviou a proposta de previsión de fondos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O Ministerio, con base nas peticións recibidas por parte de todas as comunidades autónomas e segundo os criterios de repartición establecidos no Real decreto 883/2020, do 6 de outubro, na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada o día 12 de novembro procedeu á territorialización dos fondos ás comunidades autónomas.

Nesta territorialización de fondos, á Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle a cantidade de seiscentos corenta mil douscentos corenta e seis euros con noventa e un céntimos (640.246,91).

Posteriormente, na reunión do Consello de Ministros do día 24 de novembro de 2020 apróbase o Acordo polo que se aproba a distribución territorial definitiva dos créditos orzamentarios correspondentes aos criterios obxectivos e acordos fixados na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada o día 12 de novembro de 2020.

A Orde establece no artigo 16.2 a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria con fondos adicionais. Dado que para poder publicar a dita orde foi necesario dotala cun crédito inicial de 40.000 €, agora procede incrementar a dotación orzamentaria desta convocatoria pola diferencia entre o importe xa asignado inicialmente e o importe territorializado posteriormente.

Polo tanto, procede a ampliar o crédito desta convocatoria, por un importe de seiscentos mil douscentos corenta e seis euros con noventa e un céntimos (600.246,91).

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas da Orde do 16 de outubro de 2020 (DOG núm. 213, do 22 de outubro), increméntase no importe de seiscentos mil douscentos corenta e seis euros con noventa e un céntimos (600.246,91) na aplicación orzamentaria 14.04.713C 470.0 (CP 2020 00098).

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A ampliación do orzamento previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 16 de outubro de 2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural