Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 14 de decembro de 2020 Páx. 48795

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de novembro de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo (Pontevedra).

O Concello de Sanxenxo remite a documentación relativa á modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e nos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Unha vez analizada a documentación redactada polo arquitecto municipal Rafael Vázquez Abal e os técnicos de administración xeral José Manuel Rey Rial e María Asunción Lorenzo Outón, e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Sanxenxo conta co Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) con data de aprobación definitiva do Pleno do concello do 27.2.2003, publicado no BOP de Pontevedra do 20.3.2003 e no DOG do 19.3.2003.

I.2. Mediante a Resolución do 17.10.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (actual Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) decide non someter esta modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 14 de novembro, expte. 2016AAE1932, cód. web: 1843/2016).

I.3. Constan informes municipais: técnico do 15.3.2017; xurídico do 16.3.2017 e de Intervención do 17.3.2017.

I.4. A modificación puntual apróbaa inicialmente o Concello Pleno do 27.3.2017 e sométea á información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 11 de abril e no xornal Faro de Vigo do 7 de abril.

I.5. Foron solicitados informes ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (consta informe favorable do 5.5.2017); ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, en materia de costas (informes do 28.6.2017, 6.6.2018, 14.2.2019, 25.9.2019, 13.4.2020 e 15.10.2020 -favorable-); e á Administración hidráulica Augas de Galicia (informe favorable do 3 e 4.5.2018). Foron solicitados informes, e non contestaron no prazo legalmente establecido, á Subdelegación do Goberno e á Deputación Provincial de Pontevedra.

I.6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (constan informes favorables do 23.5.2017, 12.2.2018 e 5.3.2019), ao Instituto de Estudos do Territorio (informe favorable do 19.7.2017), á Axencia Galega de Infraestruturas (informe favorable do 11.8.2017), á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria (informe do 6.6.2017). Consta a remisión á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e tamén informes favorables da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 20.10.2017 e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 16.1.2019.

Non contestaron á solicitude do informe a Deputación Provincial, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e Augas de Galicia.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Meaño, O Grove e Poio, e recibiuse a contestación favorable dos concellos do Grove e Poio.

I.7. Constan informes municipais: técnico e xurídico do 20.11.2017 e do secretario municipal do 20.11.2017.

I.8. O Concello Pleno aproba provisionalmente a modificación puntual do 27.11.2017.

I.9. O Concello de Sanxenxo achega o día 20.12.2017 o documento de aprobación provisional da MP número 6 do PXOM, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG.

I.10. O 11.1.2018 requíreselle unha emenda documental e achégase o 28.9.2018 o informe favorable da Confederación Hidrográfica Galicia-Costa, do 3 e 4.5.2018; o informe favorable da DXOTU do 12.2.2018; o informe da Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar do 6.6.2018, favorable condicionado; e a documentación da modificación puntual.

I.11. Mediante oficio do 17.12.2018 requíreselle ao Concello a emenda da documentación.

I.12. Constan o informe técnico e xurídico municipal favorable do 18.1.2019 e o informe do secretario do 18.1.2019. Tamén o informe xurídico favorable do 27.8.2020.

I.13. Esta modificación puntual foi obxecto dunha segunda aprobación provisional por parte do Pleno da Corporación municipal o día 28.1.2019.

I.14. O Concello remite a documentación obxecto da segunda aprobación provisional, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG, coas correccións obrigadas polos informes da actual Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dos días 14.2.2019, 25.9.2019 e 13.4.2020.

II. Obxecto da modificación puntual.

Segundo o establecido na memoria da MP, os obxectivos propostos son:

a) Corrixir a contradición existente entre os planos de ordenación e a delimitación da Rede Natura 2000, xa que o PXOM outorga unha dobre clasificación a determinados terreos situados na Rede Natura 2000: solo urbano consolidado ou solo de núcleo rural e solo rústico de protección de espazos naturais. Propón manter a clasificación como solo urbano consolidado ou solo de núcleo rural e introducir un texto que remita ao informe do órgano competente en materia de conservación da natureza;

b) Adecuar a cartografía do planeamento aos cambios de trazado de diferentes estradas provinciais e comarcais, sen que supoña cambios na clasificación do solo;

c) Eliminar do solo urbano consolidado determinados trazados viarios previstos polo PXOM sobre accesos particulares e adaptar o trazado dalgunhas vías para a mellor articulación do sistema de comunicación;

d) Modificar a cualificación de parcelas nas cales existen maioritariamente instalacións hoteleiras;

e) Redelimitar o núcleo rural de Aios;

f) Modificar a normativa do PXOM para establecer unha regulación máis detallada das condicións de uso e de edificación.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do PXOM xustifícanse na necesidade de mellorar a ordenación prevista e dar resposta a diversas deficiencias e inadecuacións detectadas no planeamento vixente.

III.2. O documento da MP dá cumprimento ao indicado no informe da DXOTU do 7.10.2016, no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

III.3. Con respecto á adaptación da modificación ao Plan de ordenación do litoral, e dado que carece de contido desde o punto de vista da ordenación territorial xa que non implica novas actuacións que poidan resultar desconformes cos criterios, normas e principios do POL, ou afectan terreos que resultan fóra do seu ámbito de aplicación, non se formulan observacións.

III.4. Aínda que no informe técnico e xurídico municipal do 18.1.2019 se indica a realización de correccións nos planos 5.7 e 7.7, estas non constan materializadas; como tampouco consta a representación das vías que se prolonga no plano 7.34.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación municipal de Sanxenxo, condicionada á realización das correccións sinaladas no punto III.4 anterior sobre os planos 5.7, 7.7 e 7.34.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda