Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 11 de decembro de 2020 Páx. 48586

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de outubro de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal das Pontes de García Rodríguez no ámbito do Canal IV, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello das Pontes de García Rodríguez solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do previsto no artigo 60.16, en relación co artigo 83.5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello das Pontes de García Rodríguez dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 9.12.1985 (BOP do 22.1.1986), que foron obxecto de 9 modificacións.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 22.2.2017 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico o día 25.4.2017 resolvendo someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Para tal efecto, formulou o documento de alcance mediante Resolución do 26.4.2017.

4. Emitiron informes previos á aprobación inicial a secretaria municipal o 29.6.2018, o arquitecto municipal o 5.7.2018 e o interventor municipal o 10.7.2018.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 26.7.2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 2.8.2018 e Diario Oficial de Galicia do 8.8.2018), presentáronse 40 alegacións, e deuse audiencia a dúas entidades, en virtude do documento de alcance, as cales non presentaron alegacións.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa) do 2.10.2018, de carácter favorable.

– Deputación da Coruña, en referencia a estradas e a patrimonio das administracións públicas, do 19.10.2018, de carácter favorable.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 13.9.2018.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 17.12.2018, favorable condicionado.

– Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas (Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) sobre sustentabilidade ambiental do 19.10.2018.

– Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) sobre solos contaminados do 22.10.2018.

– Instituto de Estudos do Territorio do 30.11.2018.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 27.1.2020 e do 17.3.2020, ambos favorables condicionados, após un informe desfavorable do 14.11.2018.

– Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de dereitos mineiros, do 28.9.2018.

– Dirección Xeral de Mobilidade do 27.11.2018.

– Augas de Galicia do 25.9.2019, de carácter favorable condicionado, após un informe desfavorable do 30.11.2018.

8. Rematado o prazo previsto para a emisión do informe solicitado á Dirección Xeral de Ordenación Forestal, enténdese emitido en sentido favorable (art. 60.7 LSG).

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Capela, As Somozas, Mañón, Monfero, Muras, Ortigueira, San Sadurniño e Xermade, sen recibirse respostas.

10. Efectuáronse as consultas ambientais indicadas no documento de alcance, sen se obter respostas destas.

11. O arquitecto municipal emitiu informe en data 1.6.2020.

12. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolveu formular a declaración ambiental estratéxica favorable o 18.6.2020 (DOG do 2 de xullo).

13. Constan informes municipais previos á aprobación provisional de arquitecto de 23.7.2020, 28.7.2020 e 31.7.2020, Secretaría do 3.8.2020, e Intervención do 7.8.2020.

14. O Concello Pleno do 12.8.2020 aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación ten por obxecto reclasificar un ámbito de 143.353 m2 de solo rústico como solo urbanizable residencial e ordenalo detalladamente, así como clasificar como solo urbano consolidado a franxa de terreo existente entre o novo solo urbanizable e a delimitación do solo urbano actual (2.790 m2).

2. A ordenación pormenorizada prevé un total de 118 vivendas unifamiliares (107 vivendas destinadas a unha cooperativa e 11 vivendas sometidas a algún réxime de protección pública). Resérvanse 470 m2 de edificabilidade para uso comercial.

3. A modificación reserva 6.099 m2 de sistema xeral de zonas verdes e 1.815 m2 de sistema xeral de equipamentos, e destina 8.961 m2 a sistema xeral viario.

III. Análise e consideracións.

1. En referencia ao informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22.2.2017, déuselle cumprimento, nomeadamente:

• A modificación xustifica este desenvolvemento residencial ao abeiro do disposto no artigo 68.4 do Regulamento da LSG.

• Xustifícase axeitadamente a exclusión dos terreos en zona de policía do río de Brixeo, da clasificación de solo rústico de protección de augas (art. 34.5 da LSG).

• Destínase a sistema xeral viario a franxa de solo urbanizable incluída dentro da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-101 (art. 23.4 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia).

• Os planos de ordenación detallados definen claramente os accesos viarios ao sector e non inclúen determinacións en terreos exteriores ao ámbito considerado.

• O proxecto cumpre as determinacións para o solo urbanizable que establece o artigo 56 da LSG e os artigos 126, 127, 128 e 129 do seu regulamento.

• A modificación inclúe unha memoria de sustentabilidade económica que avalía o impacto da actuación na facenda pública municipal.

2. No que se refire ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (adaptación ao título III das normas, segundo a disposición transitoria primeira da Orde desta consellería do 10.10.2019), para inscribir esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia deberá presentarse:

• Con dilixencia municipal en todas as follas de cada documento e situada na banda esquerda de cada folla (art. 22 das normas técnicas).

• Cos datos de carácter persoal contidos nos documentos tratados de maneira que non aparezan datos persoais ou información que poidan asociarse a unha persoa identificada ou identificable (art. 23 das normas técnicas en cumprimento da Lei orgánica 3/2018, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desa consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello das Pontes de García Rodríguez no ámbito do Canal IV.

2. O documento que se presente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento deberá vir axustado ao establecido nas normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, resolvendo as eivas que se sinalan no punto III.2 anterior.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese esta orde ao Concello.

6. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda