Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 9 de decembro de 2020 Páx. 48259

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 208/2020, do 26 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de alargamento e mellora da LU-114 na contorna do punto quilométrico 1+100, de clave LU/19/160.10, no concello de Lugo.

Antecedentes:

Primeiro. O día 13 de abril de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 70) o Anuncio do 30 de marzo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de alargamento e mellora da LU-114 na contorna do punto quilométrico 1+100, de clave LU/19/160.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 5 de novembro de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de alargamento e mellora da LU-114 na contorna do punto quilométrico 1+100, de clave LU/19/160.10.

Este proxecto ten por obxecto levar a cabo as obras de alargamento e mellora da estrada LU-114, na contorna do punto quilométrico 1+100. Neste punto existe a necesidade de homoxeneizar o largo da vía corrixindo un estreitamento. Para solucionar isto, procederase á expropiación de parte deste predio e das instalacións existentes nel (actualmente en desuso), para levar a cabo a ampliación da plataforma e albergar un carril de circulación, unha beirarrúa de 1,75 metros de largo na marxe dereita que dea continuidade ao itinerario peonil e unha banda de aparcadoiro de 2,5 metros de largo.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de alargamento e mellora da LU-114 na contorna do punto quilométrico 1+100, de clave LU/19/160.10.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade