Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 1 de decembro de 2020 Páx. 47359

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2020 pola que se declara a área de rehabilitación integral das parroquias do Buriz e Os Vilares (Guitiriz).

Denominación: área de rehabilitación integral das parroquias do Buriz e Os Vilares (Guitiriz).

Ámbito: parroquias do Buriz e Os Vilares (concello de Guitiriz).

Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.

Antecedentes de feito.

1. O 10 de febreiro de 2020 o Concello de Guitiriz solicitou a declaración de área de rehabilitación integral (en diante ARI) para o ámbito das parroquias do Buriz e Os Vilares. Á solicitude xúntaselle certificado do acordo da Xunta de Goberno Local, referido á sesión do Pleno do 30 de xaneiro de 2020, pola que se adoptan entre outros, os seguintes acordos:

«Segundo. Solicitar á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo a declaración dunha área de rehabilitación integral xeral (ARI) na parroquias do Buriz e Os Vilares, de Guitiriz, de acordo coa memoria-proxecto redactado pola empresa Grupo TAU Coruña, S.L., para poder acollerse ás axudas establecidas no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, e nas resolucións anuais da Xunta de Galicia que regulan o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

2. O ámbito abrangue seis núcleos singulares das parroquias do Buriz e Os Vilares: As Reixas, Drada, Vilariño e Casanova de Vilariño na parroquia dos Vilares, e Bustelo e o asentamento polinuclear (Carelo-As Penas-Portelo-Forxa-O Buriz-A Graña) situado arredor da parroquial de San Pedro, na parroquia do Buriz.

3. O Concello de Guitiriz conta con Normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas no ano 1985. No Pleno do Concello do 30 de decembro 2016, Guitiriz aproba provisionalmente o seu plan xeral de ordenación municipal.

4. O 8 de xullo de 2020 o Servizo de Planificación e Ordenación do Solo do Instituto Galego da Vivenda e Solo emitiu informe favorable desde o punto de vista técnico e urbanístico á declaración de ARI solicitada.

Consideracións xurídicas.

1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula nos seus artigos 49 a 51 as ARI. Concretamente, o seu artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos como aquelas cuxo ámbito ámbito non pertenza a ningunha das categorías de ARI de conxuntos históricos nin rurais.

2. O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, prevé o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

3. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro (DOG núm. 38, do 25 de febreiro) polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, nos artigos 8 e 9, o procedemento de declaración e as clases de ARI respectivamente.

No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

4. De conformidade co artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e co artigo 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse por unha resolución da Presidencia do IGVS, por solicitude dos concellos interesados.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 52 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar a área de rehabilitación integral de ámbito urbano ao abeiro do artigo 52 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e do artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, ao ámbito comprendido polas parroquias do Buriz e Os Vilares (Guitiriz), delimitada polos planos que se xuntan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

missing image file
missing image file