Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 25 de novembro de 2020 Páx. 46434

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria.

O Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, establece no seu artigo 2 que as administracións educativas poderán nomear, con carácter excepcional, como funcionarios interinos para determinadas prazas persoal que non cumpra co requisito de estar en posesión do título oficial de formación pedagóxica e didáctica de posgrao, ou equivalente, a que se refiren o artigo 100.2 e a disposición adicional novena da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cando se esgotasen as listas de persoas aspirantes ao desempeño de postos en réxime de interinidade e, se é o caso, as de demandantes de emprego, que si estean en posesión da dita formación pedagóxica e didáctica.

En desenvolvemento deste artigo e tamén coa finalidade de establecer transitoriamente un sistema máis áxil de elaboración das listas de persoas aspirantes a realizar interinidades e substitucións como persoal docente, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE, FeSP-UGT e CSIF asinaron un acordo o 8 de outubro de 2020 para que, ata a finalización do curso académico en que as autoridades correspondentes determinan que deixaron de concorrer as circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19, se poidan abrir prazos de solicitudes para elaborar as listas de interinidades e substitucións de persoal docente coas seguintes particularidades:

a) Aplicarase como único punto do baremo a nota media do expediente académico.

b) Poderán incorporarse ás ditas listas persoas que non reúnan o requisito de formación pedagóxica e didáctica dando, en todo caso, prioridade ás que estean en posesión de dita formación.

c) As persoas que sexan chamadas para prestar servizos sen estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica deberán realizar a formación que sobre este particular deseñe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O citado Real decreto lei 31/2020, autoriza as administracións educativas a modificar os criterios de avaliación e promoción para todos os cursos da educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, así como os criterios para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, o título de bacharel e as titulacións correspondentes á formación profesional.

Neste senso, cómpre subliñar que as Instrucións do 30 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación coas medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/21, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales se imparten as ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, estableceu que as programacións didácticas incorporarían as aprendizaxes imprescindibles non adquiridas no curso anterior, así como unha transición posible ao ensino non presencial, se esta for necesaria. Estas programacións didácticas elaboráronse tendo en conta os posibles escenarios en función da situación sanitaria: actividade lectiva presencial, semipresencial e/ou non presencial.

A Resolución do 4 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dita instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2020/21, en que se establece que os centros deberán integrar nas programacións dos módulos profesionais os resultados de aprendizaxe esenciais que non puideron desenvolverse no curso 2019/20, debido ás circunstancias excepcionais derivadas da COVID-19, prevendo xa nelas escenarios de semipresencialidade.

Así mesmo, para as ensinanzas de réxime especial ditáronse as Instrucións do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento da avaliación inicial, das programacións didácticas e da modalidade presencial, que recollen tamén aspectos específicos das ensinanzas nos conservatorios e nas ensinanzas de idiomas.

Por outra parte, ao abeiro do establecido no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21 (https://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus) os centros elaboraron un plan de continxencia en que se estableceron as medidas que se adoptarán no caso de suspensión da actividade lectiva para facer efectivo o ensino non presencial e os supostos de reactivación da actividade lectiva presencial, de conformidade coas instrucións da autoridade sanitaria.

Completando a regulación, mediante a Resolución conxunta do 2 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional apróbase o Plan de continxencia ante peches de aulas ou centros educativos no contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2020/21, e pola Resolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional dítanse instrucións para a elaboración de horarios nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2020/21 para o desenvolvemento de ensino a distancia en períodos de peche de aulas ou centros como consecuencia da pandemia da COVID-19. De conformidade con esta resolución, os centros sostidos con fondos públicos teñen que elaborar un horario para o alumnado de terceiro de educación primaria en diante, co fin de continuar, no caso de peche das aulas ou do centro por decisión das autoridades sanitarias, o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe a distancia.

Podemos afirmar, polo tanto, que, de producirse un confinamento domiciliario como aconteceu no pasado mes de marzo, as circunstancias para impartir o ensino a distancia non son equiparables ás daquel momento e que nos atopamos moito máis preparados para impartir unha docencia non presencial de calidade, que garantirá a progresión nos contidos dos currículos.

Esta conclusión, así como a necesidade de incentivar a cultura do esforzo no alumnado, desaconsellan facer uso da habilitación outorgada a esta consellería polo Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, e cómpre reafirmarse na aplicación dos criterios de avaliación e promoción e titulación actualmente vixentes e cuxas normas se relacionan no anexo á presente resolución.

En consecuencia, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

RESOLVE:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta norma aplicarase aos centros docentes na Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas comprendidas no artigo 3.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, excepto a universitaria, para o curso académico 2020/21.

Artigo 2. Medidas en materia de persoal docente non universitario

1. Ata a finalización do curso académico en que as autoridades correspondentes determinen que deixaron de concorrer as circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia da COVID-19, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá realizar convocatorias para incorporar ás listas de aspirantes a realizar interinidades e substitucións nas distintas especialidades dos corpos docentes aspirantes que, reunindo todos os demais requisitos establecidos para o acceso á docencia, non posúan a formación pedagóxica e didáctica de posgrao ou equivalente exixida.

2. Terán prioridade, en todo caso, as persoas aspirantes ao desempeño de postos en réxime de interinidade e substitución que estean en posesión do título oficial de posgrao que acredite a súa formación pedagóxica e didáctica, ou formación equivalente.

3. En ningún caso consolidará a prioridade na lista prevista no Acordo do 20 de xuño de 1995 o persoal que acceda inicialmente á lista correspondente sen estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica exixible con carácter xeral.

4. O persoal que, se é o caso, sexa chamado para prestar servizos sen estar en posesión do título oficial de posgrao que acredite a formación pedagóxica e didáctica, deberá realizar a formación que sobre este particular deseñe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Artigo 3. Criterios de avaliación e promoción na educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

Os criterios de avaliación e promoción en todos os cursos das ensinanzas de educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, así como os correspondentes ás ensinanzas de réxime especial, serán os actualmente vixentes e cuxas normas se relacionan no anexo da presente resolución, sen prexuízo da súa adaptación, se for o caso, á programación didáctica correspondente e aos axustes necesarios no módulo profesional de formación en centros de traballo, a formación práctica en empresas, estudios e talleres nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou as prácticas externas nas ensinanzas artísticas superiores ou o módulo de formación práctica nas ensinanzas deportivas.

Artigo 4. Criterios para a titulación na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato, na formación profesional e nas ensinanzas de réxime especial

Os equipos docentes adoptarán as decisións relativas á obtención do título de acordo co regulado na normativa vixente, e que tamén se relaciona no anexo da presente resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO

• Educación infantil.

1. Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orde do 25 de xuño de 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Instrucións do 30 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación ás medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/21, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

• Educación primaria.

1. Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. (Corrección de erros. Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia).

3. Instrucións do 30 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación coas medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/21, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

• Educación secundaria obrigatoria.

1. Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia (no que non se opoña ao Decreto 86/2015).

3. Instrucións do 30 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación coas medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/21, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

• Bacharelato.

1. Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Instrucións do 30 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en relación coas medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/21, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas da educación infantil, da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

• Formación profesional.

1. Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

2. Orde do 12 de xullo de 2011 pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial.

3. Orde do 13 de xullo de 2015 pola que se regulan as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión nestas ensinanzas.

4. Resolución do 4 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2020/21.

• Ensinanzas de réxime especial.

– Ensinanzas de Música e Artes Escénicas.

1. Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música (DOG do 25 de outubro).

2. Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música (DOG do 31 de outubro).

3. Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG do 26 de febreiro).

4. Decreto 196/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de danza (DOG do 23 de outubro).

5. Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza (DOG do 2 de novembro).

6. Orde do 11 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de danza que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG do 25 de febreiro).

7. Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de arte dramática na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 7 de decembro).

8. Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de arte dramática en desenvolvemento do Decreto 179/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de arte dramática na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 1 de decembro de 2016). Corrección de erros (DOG do 6 de novembro de 2017).

9. Decreto 163/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música, nas especialidades de composición, interpretación, musicoloxía e pedagoxía, na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 16 de novembro de 2015), e Decreto 171/2016, do 24 de novembro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música, nas especialidades de dirección e produción e xestión, e se amplían os anexos do plan de estudos correspondente á especialidade de interpretación, establecidos no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, mediante a incorporación de novos itinerarios (DOG do 12 de decembro de 2016).

10. Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de música en desenvolvemento do Decreto 163/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de música, nas especialidades de composición, interpretación, musicoloxía e pedagoxía na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 1 de decembro de 2016).

11. Instrucións do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento das ensinanzas de réxime especial para o curso 2020/21.

– Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño e ensinanzas de Conservación e Restauración de Bens Culturais.

1. Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se regula a organización, a avaliación e a acreditación académica das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 9 de decembro).

2. Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de novembro de 2015). Corrección de erros (DOG do 20 de xaneiro de 2016).

3. Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 1 de decembro de 2016).

4. Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de conservación e restauración de bens culturais, nas especialidades de bens arqueolóxicos, escultura e pintura, na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 30 de novembro).

5. Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de conservación e restauración de bens culturais en desenvolvemento do Decreto 174/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 1 de decembro de 2016).

6. Instrucións do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento das ensinanzas de réxime especial para o curso 2020/21.

– Ensinanzas oficiais de idiomas.

1. Decreto 81/2018, do 19 de xullo, polo que se establece o currículo dos niveis básico A1, básico A2, intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de agosto).

2. Orde do 8 de setembro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas especializadas de idiomas de réxime especial que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG do 26 de setembro de 2008). Corrección de erros (DOG do 23 de outubro de 2008). Modificada pola Orde do 19 de abril de 2012 (DOG do 30 de abril de 2012).

3. Instrucións do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento das ensinanzas de réxime especial para o curso 2020/21.

– Ensinanzas deportivas.

1. Orde do 30 de maio de 2008 pola que se regula a avaliación das ensinanzas conducentes á obtención dos títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 19 de xuño).

2. Instrucións do 31 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, para o desenvolvemento das ensinanzas de réxime especial para o curso 2020/21.