Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 24 de novembro de 2020 Páx. 46290

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do período de formación en empresas nas ensinanzas de formación profesional, ensinanzas artísticas e ensinanzas deportivas, na situación excepcional actual de pandemia derivada da COVID-19.

O Real decreto lei 31/2020, do 29 de setembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria para as ensinanzas comprendidas no artigo 3.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, excepto a universitaria, establece unha serie de medidas extraordinarias de posible aplicación por parte das administracións educativas no ámbito das súas competencias.

A formación en empresas constitúe un elemento fundamental de cara á adquisición das competencias profesionais por parte do alumnado e á súa inserción profesional.

Non obstante, a situación actual de pandemia provocada pola COVID-19 pode dificultar ou mesmo facer inviable a participación de empresas de determinados sectores profesionais ou ámbitos territoriais concretos no desenvolvemento do período de formación en empresas do alumnado das distintas ensinanzas.

Considérase necesario, xa que logo, establecer criterios e liñas de actuación que permitan facer fronte, con flexibilidade, aos distintos escenarios que poidan xurdir con anterioridade ou durante a realización do período de formación en empresas, todo isto co obxectivo de garantir a adquisición da competencia profesional asociada a cada título profesional específico.

Así mesmo, establécense criterios para a realización da formación práctica en empresas, estudos e talleres, así como das prácticas externas, no referente ás ensinanzas artísticas, e do bloque de formación práctica relativo ás deportivas.

En virtude do anterior, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto establecer medidas de carácter excepcional, cando as circunstancias así o requiran, para o desenvolvemento da formación práctica en empresas nos ciclos formativos de formación profesional, e de artes plásticas e deseño, nas ensinanzas deportivas e nas ensinanzas artísticas superiores, durante este curso 2020/21, como consecuencia da situación actual de pandemia derivada da COVID-19.

Será de aplicación a todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas obxecto desta resolución.

Artigo 2. Medidas hixiénico-sanitarias

Durante o período de formación en empresas deberanse respectar os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias, así como as medidas específicas establecidas polas propias empresas.

Artigo 3. Desenvolvemento ordinario

Sempre que sexa posible, o período de formación práctica en empresas desenvolverase nas condicións e coa duración fixadas na normativa de aplicación para cada ensinanza.

Artigo 4. Medidas extraordinarias para a realización da formación en centros de traballo nas ensinanzas de formación profesional

Nos casos en que non sexa posible a realización do módulo de Formación en centros de traballo nas condicións fixadas na normativa de aplicación para cada ensinanza, como consecuencia das circunstancias excepcionais derivadas da pandemia orixinada pola COVID-19, poderase establecer algunha das medidas seguintes:

4.1. Desenvolver o módulo de FCT parcialmente de xeito telemático, desde o domicilio ou desde o propio centro educativo, sempre que as instalacións e o equipamento o permitan, a empresa o considere viable e sexa posible desenvolver as competencias asociadas ao título.

4.2. Reducir a duración do período de formación en centros de traballo ata o mínimo de horas establecido nos reais decretos polos que se establecen os currículos básicos das distintas ensinanzas de formación profesional: 220 horas no caso de ciclos de grao medio e de grao superior, 130 horas nos ciclos de grao profesional básico e, nos cursos de especialización, a duración indicada en cada real decreto. Así mesmo, no caso dos programas formativos establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, a FCT poderase reducir a 65 horas.

Ademais, cando iniciado o módulo de FCT non sexa posible rematalo polas circunstancias excepcionais, este considerarase completado sempre que o tempo de realización das prácticas sexa igual ou superior ao mínimo indicado no parágrafo anterior.

4.3. De non ser posible completar o mínimo de horas indicado no punto anterior ou cumprir na súa totalidade o programa formativo establecido para a realización do módulo de FCT, poderase:

– Realizar no propio centro educativo, se é posible, o desenvolvemento de actividades prácticas que complementen a totalidade do programa formativo.

– Desenvolver actividades asociadas ao ámbito laboral que complementen o programa formativo.

4.4. Cando non sexa posible o desenvolvemento do módulo de FCT nun centro de traballo, nos centros educativos realizaranse actividades asociadas ao ámbito laboral que se aproximen o máximo posible á realidade profesional, de acordo coas especificacións seguintes:

a) Nos ciclos formativos de grao superior establecerase un módulo integrado que inclúa o módulo de Proxecto e o módulo de Formación en centros de traballo, cunha duración total de 245 horas.

A súa cualificación realizarase de xeito numérico respecto da parte do módulo de proxecto e como apto ou non apto na parte correspondente á FCT.

b) Na formación profesional básica e nos ciclos formativos de grao medio substituirase a Formación en centros de traballo por unha proposta de actividades asociadas ao ámbito laboral, segundo o modelo do anexo I. A súa cualificación será de apto ou non apto.

c) Nos cursos de especialización de formación profesional substituirase a Formación en centros de traballo por unhas actividades asociadas ao ámbito laboral propostas polo equipo docente.

d) Nos programas formativos substituirase a Formación en centros de traballo por unha proposta de actividades asociadas ao ámbito laboral, segundo o modelo do anexo I. O equipo docente adecuará de forma individual, en función das posibilidades do/da alumno/a, o programa formativo do anexo I.

4.5. Flexibilizar o desenvolvemento do módulo de FCT, de maneira que se poida adaptar ás circunstancias sanitarias e á dispoñibilidade de postos de formación das empresas, a través de:

a) Anticipar a realización do módulo de FCT, de xeito total ou parcial, sen precisar a autorización recollida no artigo décimo cuarto da Orde do 28 de febreiro de 2007 pola que se regula o módulo de FCT en Galicia, en días non lectivos e/ou ampliando ao máximo as horas diarias de estadía na empresa, na medida en que as características de cada sector produtivo ou de servizos o permitan.

b) Ampliar o período de desenvolvemento da FCT ata o 31 de agosto de 2021.

En todo caso, a avaliación do módulo de FCT realizarase na avaliación final de xuño para o alumnado que a realizase con anterioridade ou, de ser o caso, na primeira semana de setembro para o alumnado que opte polo recollido na alínea b) con efectos do curso actual.

A adopción das medidas recollidas neste artigo será comunicada con antelación á Inspección educativa.

Artigo 5. Proceso de selección do alumnado e renuncia para a realización da FCT nas ensinanzas de formación profesional

5.1. No caso de que o número de prazas dispoñibles nos centros de traballo non sexa suficiente para a totalidade do alumnado dun grupo proposto para FCT, realizarase unha selección tendo en conta a nota media dos módulos avaliados antes da formación en centros de traballo. O alumnado que non acceda por esta vía realizará a FCT por algún dos procedementos establecidos no artigo 4.

5.2. O alumnado que non poida realizar a Formación en centros de traballo na empresa, para os efectos de non consumir a convocatoria asociada á matrícula, poderá solicitar a renuncia, segundo o modelo do anexo II, e quedará aprazada a FCT ata que sexa posible retomar a actividade ordinaria nas empresas colaboradoras.

Artigo 6. Exención total ou parcial do módulo de FCT nas ensinanzas de formación profesional

O alumnado poderá solicitar a exención total ou parcial do módulo profesional de Formación en centros de traballo se acredita unha experiencia laboral mínima de seis meses, a tempo completo, relacionada cos correspondentes estudos profesionais.

Artigo 7. Alumnado de especial risco nas ensinanzas de formación profesional

O alumnado que acredite a pertenza a colectivos de especial risco pola COVID-19 poderá solicitar a realización da FCT mediante as medidas extraordinarias previstas no artigo 4.5 desta resolución.

Artigo 8. Seguimento telemático da FCT

Desde os centros educativos estableceranse as medidas necesarias para que o seguimento da aprendizaxe do alumnado se poida realizar por medios telemáticos.

Porén, na medida do posible, a xornada de presentación do alumnado na empresa será presencial.

Artigo 9. Formación profesional dual

9.1. Sempre que sexa posible, o alumnado realizará as actividades formativas nos centros de traballo segundo o establecido nos convenios e acordos de colaboración coas empresas, que poden ser adaptados ás circunstancias excepcionais que se poidan producir, incluíndo a posibilidade recollida no artigo 4.1.

9.2. De non ser posible realizar as actividades formativas no centro de traballo, total ou parcialmente, o centro educativo asumirá a formación do alumnado e establecerá unha reprogramación específica para cada un deles, planificando actividades de reforzo dos aspectos que non fosen abordados. Ademais:

a) O alumnado de segundo curso do réxime ordinario poderá realizar o módulo de FCT e, de ser o caso, o módulo de Proxecto, segundo o establecido nesta resolución.

b) O alumnado que estea a cursar o derradeiro curso do ciclo de grupo completo, en función do tempo que estivese na empresa e dos resultados de aprendizaxe adquiridos, poderá ser valorado polo equipo docente sobre a necesidade de realizar o módulo de FCT e, de ser o caso, o de Proxecto, segundo o establecido nesta resolución.

9.3. Se as circunstancias o permiten, o alumnado poderase reincorporar para realizar as actividades formativas nos centros de traballo.

Artigo 10. Ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

10.1. O alumnado que curse ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño ás cales se refire o Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, poderase acoller ás medidas previstas nesta resolución para as ensinanzas de formación profesional, en función da especialidade que se estea a cursar.

10.2. Nos ciclos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, e o módulo de Proxecto integrado poderanse realizar de xeito integrado, adaptando o establecido nos artigos 8 e 9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio. A súa duración total será a suma da carga lectiva prevista para a fase de formación práctica e o Proxecto integrado nos reais decretos de establecemento de cada título.

10.3. Así mesmo, nos ciclos de grao medio de Artes Plásticas e Deseño, a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, e o módulo de Obra final poderanse realizar de xeito integrado, e a súa duración total será a suma da carga lectiva prevista para ambos os casos nos reais decretos de establecemento de cada título.

10.4. A avaliación das ensinanzas a que se refire este artigo quedará recollida, en calquera caso, coa cualificación do módulo de Proxecto integrado ou de Obra final de maneira numérica, entre cero e dez, sen decimais, e a cualificación do módulo profesional de Formación en centros de traballo, como apto/a ou non apto/a, sen que esta última se teña en conta para calcular a nota media do expediente académico.

10.5. Nos títulos aprobados en virtude da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, aínda en vigor, nos cales non puidesen ser de aplicación as medidas recollidas nas alíneas anteriores por corresponder a realización do Proxecto ou Obra final no curso seguinte, a fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres poderase realizar como traballos profesionais dirixidos academicamente e integrados no currículo, segundo se prevé nos reais decretos de establecemento dos correspondentes títulos, ou poderase realizar de xeito efectivo no seguinte curso xunto co Proxecto ou a Obra final, ampliando excepcionalmente o período previsto para posibilitar a súa execución.

Artigo 11. Ensinanzas artísticas superiores

O alumnado que curse ensinanzas artísticas superiores en cuxos reais decretos de contidos básicos se prevexa a realización de prácticas externas poderase acoller ás medidas previstas nesta resolución para as ensinanzas de formación profesional, en función da especialidade que se estea a cursar.

11.1. Nas ensinanzas superiores de música, danza, deseño, artes plásticas e conservación e restauración de bens culturais, as prácticas externas poderanse realizar no propio centro, integradas co traballo de fin de estudos ou con algunha disciplina de perfil práctico pertencente ao bloque de materias obrigatorias de especialidade.

Neste caso, o número total de créditos ECTS asignado corresponderá á suma da asignación establecida para as prácticas e para o traballo de fin de estudos ou materia nos reais decretos 631/2010, 632/2010, 633/2010, 634/2010 e 635/2010, do 14 de maio, en que se regulan as citadas ensinanzas.

As prácticas externas da especialidade de Pedagoxía desenvolveranse nos CMUS profesionais, tal e como establece a normativa vixente.

11.2. Para o desenvolvemento das prácticas externas no propio centro, este deberá crear un equipo de prácticas externas que, baixo a supervisión da vicedirección do centro, se encargará de coordinar o traballo de produción durante as prácticas externas e a súa organización.

A avaliación das ensinanzas ás cales se refire este artigo quedará recollida, en calquera caso, coa cualificación de cada unha das disciplinas de traballo de fin de estudos e de prácticas externas de xeito numérico, entre cero e dez, cun só decimal.

Artigo 12. Medidas no ámbito das ensinanzas deportivas

12.1. O alumnado que curse ensinanzas deportivas ás cales se refire o Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, poderase acoller ás medidas previstas nesta resolución para as ensinanzas de formación profesional, en función da modalidade deportiva que se estea a cursar.

12.2. As ensinanzas deportivas de grao superior rexeranse polo previsto nesta resolución para as ensinanzas de formación profesional e poderán quedar integrados, de maneira excepcional, os módulos de Formación práctica e de Proxecto final. A realización dos dous módulos farase de xeito integrado e cunha duración total correspondente á suma da duración prevista para estes módulos nos reais decretos de cada título.

12.3. Así mesmo, nas ensinanzas deportivas de grao medio, a estadía en ámbitos produtivos propia do módulo de Formación práctica poderase substituír por unha proposta de actividades asociadas a situacións reais de traballo ou práctica deportiva.

12.4. Para os efectos de avaliación das ensinanzas, na realización dos módulos con carácter integrado o módulo de Formación práctica e o de Proxecto final cualificaranse como apto/a ou non apto/a, sen que se teña en conta para a cualificación final do ciclo.

Artigo 13. Efectos

Esta resolución terá efectos desde o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Actividades asociadas ao ámbito laboral nos ciclos de grao medio, nos ciclos de FP básica e nos programas formativos

As actividades asociadas ao ámbito laboral consistirán na realización dun proxecto, programa ou plan recollido nun documento, que ten por finalidade a integración efectiva dos aspectos máis salientables da competencia xeral, e as competencias profesionais, persoais e sociais integradas no perfil profesional, e desenvolvidas nos restantes módulos do título ou programa formativo, partindo dos resultados de aprendizaxe e dos criterios de avaliación do módulo de FCT. Nos ciclos de FP básica soamente se terán en conta os módulos asociados ás unidades de competencia.

O documento elaborarase de acordo coas características do ámbito profesional do ciclo formativo, tendo en conta a prospectiva do título no sector ou nos sectores produtivos en que se insire, as funcións propias de cada tipo de persoal técnico, e os elementos tecnolóxicos e organizativos que afectan as ocupacións e os postos de traballo desenvolvidos polos/as diferentes profesionais. No caso dos ciclos de grao medio, poderanse incluír o tratamento dos elementos relacionados coa xestión empresarial, as oportunidades de negocio e o desenvolvemento sustentable e equitativo. En todo caso, consideraranse os elementos esenciais da seguridade e saúde laboral, a avaliación dos posibles riscos profesionais no desempeño das ocupacións, a planificación da prevención de riscos nos centros de traballo e a aplicación de medidas de prevención e protección nos postos de traballo.

Para a elaboración do documento, poderanse utilizar como referente os modelos de guións que se detallan a continuación ou poderase optar por outro. En calquera caso, o equipo docente deberá flexibilizar a súa elaboración e adaptar o seu contido ás circunstancias, ás características e ás capacidades do alumnado, e ás particularidades do ciclo ou do programa formativo.

Modelos de guión

Modelo A. Destinado a alumnado de ciclos de grao medio ou de FP básica

Poderanse incluír soamente algúns dos puntos ou subpuntos.

1. Descrición das características dos sectores produtivos integrados no perfil profesional do ciclo ou programa. Poderá incluír:

a) Características específicas dos sectores económicos vinculados en relación co seu ámbito económico.

b) Estrutura e dimensión das empresas ou actividades produtivas.

c) Ocupacións ou postos de traballo máis representativos.

d) Evolución na formación dos/das traballadores/as en relación cos cambios tecnolóxicos e de planificación no sector.

e) Influencia da tecnoloxía dixital nas empresas.

f) Determinación dos puntos fortes e débiles do sector ou dos sectores produtivos.

2. Identificación das necesidades dos sectores produtivos en relación co proxecto seleccionado. Poderá incluír:

a) Identificación dos produtos ou servizos máis demandados no ámbito desa actividade económica.

b) Selección de posibles oportunidades para o desenvolvemento futuro das actividades produtivas do sector ou dos sectores.

c) Indicación de se o proxecto trata de resolver unha necesidade detectada ou se se centra nunha actividade propia do sector.

d) Proposta dalgunha innovación, novos produtos ou servizos, ou forma de ofrecelos.

e) Planificación dos recursos necesarios para acometer o plan.

f) Valoración da viabilidade técnica, legal e económica do proxecto formulado (só nos ciclos de grao medio).

g) Xustificación do proxecto seleccionado.

3. Desenvolvemento. Dependendo da temática que se trate, poderá incluír:

a) Definición e elaboración, de ser o caso, da documentación necesaria para o proxecto.

b) Identificación da necesidade de autorización ou permisos para as actividades planificadas.

c) Coordinación da execución con outros equipos de traballo.

d) Planificación e control dos procesos ou dos servizos.

e) Secuenciación das actividades que se vaian desenvolver.

f) Identificación dos principais riscos laborais asociados á actividade e da súa solución.

g) Recoñecemento dos dereitos e das obrigas de empresarios/as e traballadores/as en relación coa seguridade e coa saúde laboral.

h) Plan de igualdade entre homes e mulleres.

i) Aplicación de medidas en relación co respecto polo ambiente.

j) Establecemento dos mecanismos de seguimento e control da execución do proxecto.

k) Deseño dos mecanismos de corrección de posibles erros e desviacións.

4. Conclusións e reflexión final.

Modelo B. Destinado principalmente a alumnado de ciclos de FP básica ou programas formativos

Poderanse incluír soamente algúns dos puntos ou subpuntos.

1. Descrición das características dos sectores produtivos integrados no perfil profesional do ciclo ou programa. Poderá incluír:

a) Características específicas dos sectores económicos vinculados en relación co seu ámbito económico.

b) Estrutura e dimensión das empresas ou actividades produtivas.

c) Ocupacións ou postos de traballo máis representativos.

d) Evolución na formación dos/das traballadores/as en relación cos cambios tecnolóxicos e de planificación no sector.

e) Influencia da tecnoloxía dixital nas empresas.

f) Determinación dos puntos fortes e débiles do sector ou dos sectores produtivos.

2. Desenvolvemento de supostos prácticos relacionados cos resultados de aprendizaxe e cos criterios de avaliación, relativos ás actividades que o alumnado debe realizar en situacións reais nos centros de traballo.

3. Conclusións e reflexión final.

Orientacións pedagóxicas para as actividades asociadas ao ámbito laboral

Atendendo ás circunstancias, ás características e ás capacidades do alumnado, e ás particularidades do ciclo ou programa formativo, fomentarase e valorarase o seguinte:

1. Creatividade, autonomía e iniciativa persoal, espírito crítico e capacidade de innovación nos procesos realizados.

2. Inclusión de elementos transversais do currículo dos ciclos ou dos programas formativos:

a) Respecto polo ambiente.

b) Igualdade efectiva entre homes e mulleres.

c) Prevención de riscos profesionais.

d) Non discriminación por ningunha condición ou circunstancia persoal nin social, nomeadamente en relación cos dereitos das persoas con discapacidade, etc.

3. Tratamento de:

a) Responsabilidade social e a súa conciliación cos obxectivos do desenvolvemento sustentable.

b) Economía circular.

c) Economía social.

d) Desenvolvemento de aspectos que incidan na mellora das desigualdades demográficas existentes en Galicia ou que impulsen a Galicia rural.

4. Uso das TIC.

5. Utilización de:

a) Documentación teórica auxiliar: bibliografía, planos, manuais de uso, guías, páxinas web de referencia, apuntamentos breves e lexislación.

b) Distintos soportes documentais: vídeos, presentacións, elementos multimedia, etc.

A avaliación das actividades asociadas ao ámbito laboral poderase complementar cunha entrevista profesional estruturada.

ANEXO II

REALIZACIÓN DO MÓDULO DE FCT E DO MÓDULO DE PROXECTO (COVID-19)

Documento

Solicitude

Datos da persoa solicitante

Apelidos

Nome

DNI

Enderezo electrónico

Teléfono

Datos do ensino

Centro educativo

Ciclo

Réxime

 Ordinario  Adultos

Modalidade

 Presencial  Distancia  FP dual

Solicita:

Realizar o módulo de FCT e, de ser o caso, o módulo de Proxecto noutro curso académico, e non consumir a convocatoria asociada á matrícula do curso 2020/21.

Realizar o módulo de Proxecto no período establecido con carácter xeral.

_________________________, ___ de ________ de 20 __

Sinatura da persoa solicitante

Diríxase ao centro educativo (nome): __________________________