Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 24 de novembro de 2020 Páx. 46279

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 13 de novembro de 2020 pola que se modifica a autorización do centro privado plurilingüe Lar, de Mos.

A titularidade do centro privado (CPR) plurilingüe Lar, de Mos, solicita a modificación da autorización para impartir o ciclo formativo de grao superior (CS) Ensinanza e Animación Sociodeportiva, o CS Educación Infantil e o CS Integración Social, nas modalidades a distancia e semipresencial.

O centro foi autorizado pola Orde do 14 de novembro de 2016 (DOG nº 230, do 1 de decembro), para impartir os ciclos formativos de grao superior de Educación Infantil, de Integración Social e de Animación de Actividades Físicas e Deportivas, este último substituído no curso 2018/19 polo ciclo formativo de grao superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva.

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2010, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente, de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartiren ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

1. Modificar a autorización do CPR plurilingüe Lar, de Mos, e autorizar o ciclo formativo de grao superior (CS) Ensinanza e Animación Sociodeportiva, o CS Educación Infantil e o CS Integración Social, nas modalidades a distancia e semipresencial. O centro queda configurado como se sinala a seguir:

Denominación xenérica: centro privado plurilingüe.

Denominación específica: Lar.

Código do centro: 36005427.

Domicilio: avenida do Rebullón, 21.

Localidade: Puxeiros.

Concello: Mos.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Colegio Lar, S.L.

2. Composición resultante:

• 6 unidades do segundo ciclo de educación infantil.

• 12 unidades de educación primaria.

• 8 unidades de educación secundaria obrigatoria.

• 6 unidades de bacharelato, das modalidades de Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais.

• 2 unidades de educación especial.

– Formación profesional:

• CM Atención a Persoas en Situación de Dependencia (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CM Electromecánica de Vehículos Automóbiles (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CM Farmacia e Parafarmacia (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Administración e Finanzas (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Educación Infantil (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Ensinanza e Animación Sociodeportiva (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Integración Social (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

• CS Promoción de Igualdade de Xénero (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

– Formación profesional nas modalidades a distancia e semipresencial:

• CS Ensinanza e Animación Sociodeportiva.

• CS Educación Infantil.

• CS Integración Social.

– Educación para persoas adultas:

• Ensinanzas básicas iniciais.

• Educación secundaria para persoas adultas.

• Bacharelato (Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais).

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1.1 desta orde aplicaráselles, en canto sexa adecuado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial, coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua, a través das actividades que se programen, e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos ditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se deba modificar calquera dos datos que sinala esta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade