Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 23 de novembro de 2020 Páx. 46045

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, nos terreos da ETEA, Vigo, mediante o Acordo do Consello de Xunta de Galicia do 5 de novembro de 2020, así como as súas disposicións normativas.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de novembro de 2020, do proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, en desenvolvemento do Plan sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, no concello de Vigo, cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«Aprobar definitivamente o proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA, en Vigo, ao abeiro do previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal».

En virtude do previsto no artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, fanse públicas, como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto sectorial.

O contido íntegro do documento poderá consultarse na seguinte ligazón: http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/iot

De conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, indícase que mediante anuncio do 14 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, publicado no DOG nº 122, do 28 de xuño de 2019, fíxose público o informe ambiental estratéxico do referido proxecto sectorial, que pode consultarse, xunto coa restante documentación do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, no seguinte enderezo da internet: https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2020

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Normativa urbanística

1. Normas xerais.

1.1. Natureza e ámbito.

1. O proxecto sectorial PS-6, área de usos complementarios, desenvolve as determinacións do Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo.

2. Esta normativa aplícase á superficie total do ámbito do proxecto sectorial.

1.2. Modificación e vixencia.

1. A modificación do proxecto sectorial poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, con exclusión do trámite previsto no seu punto 1.

2. O proxecto sectorial caducará e extinguiranse os seus efectos no suposto de que se produza declaración de caducidade por incumprimento dos prazos previstos para o seu inicio ou terminación por causa imputable ao titular das obras, ou que estas sexan interrompidas por tempo superior ao autorizado sen causa xustificada, excepto obtención previa da correspondente prórroga que poderá outorgar a consellería que tramitou o proxecto.

3. A declaración de caducidade corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente e despois de informe da consellería correspondente e audiencia dos interesados.

4. A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construcións e instalacións xa realizadas e aquelas outras que resulten adecuadas para corrixir ou eliminar os impactos que poidan producirse no medio físico.

1.3. Alcance normativo dos documentos.

O alcance normativo do proxecto sectorial deriva do contido normativo dos documentos urbanísticos que o integran e, en particular, da normativa urbanística e dos planos de ordenación.

A cartografía a escala 1/1000 que constitúe a base gráfica sobre a cal se debuxou a planimetría terá carácter de cartografía oficial e o seu uso será obrigatorio para reflectir a localización e determinacións de calquera petición de licenza urbanística.

1.4. Desenvolvemento obrigatorio.

Para a execución do proxecto sectorial redactaranse os correspondentes proxectos técnicos de execución.

Para o desenvolvemento urbanístico das actividades redactaranse os proxectos de parcelación, edificación e instalacións correspondentes.

1.5. Cumprimento da lexislación vixente.

O cumprimento das normas e preceptos contidos nesta normativa non exime da obrigatoriedade de cumprir as restantes disposicións vixentes ou que poidan ser ditadas sobre as distintas materias afectadas en cada caso.

Nos aspectos non previstos nesta normativa observarase o disposto no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo e na normativa urbanística municipal vixente.

1.6. Sistema de actuación.

O sistema de actuación para o desenvolvemento do proxecto sectorial será o previsto no número 5.1. Sistema de actuación do Plan sectorial do Campus, recollido tamén no número 7.1. Sistema e compromisos de actuación do presente proxecto sectorial.

1.7. Normas xerais en relación coas servidumes aeronáuticas.

A totalidade do ámbito do proxecto sectorial atópase incluída nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo. Nos planos do proxecto sectorial represéntanse as liñas de nivel das superficies limitadoras das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo que afectan o ámbito, as cales determinan as alturas (respecto ao nivel do mar) que non deben exceder ningunha construción (incluídos todos os seus elementos tales como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc., incluídos os guindastres de construción e similares), modificacións do terreo ou obxecto fixo (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as súas pas, carteis, etc.), así como as dimensións máximas dos vehículos permitidas na vía ou na vía férrea.

A execución de calquera construción, instalación (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as pas, medios necesarios para a construción, incluídos guindastres e similares, ou plantacións, requirirán acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1972, na súa actual redacción.

1.8. Normas xerais en relación coas servidumes e afeccións de costas.

O ámbito atópase dentro da zona de influencia, polo que será de aplicación o regulado no artigo 30 da Lei de costas:

1. A ordenación territorial e urbanística sobre terreos incluídos nunha zona, cuxa largura se determinará nos instrumentos correspondentes e que será como mínimo de 500 metros a partir do límite interior da ribeira do mar, respectará as exixencias de protección do dominio público marítimo-terrestre a través dos seguintes criterios:

a) En tramos con praia e con acceso de tráfico rodado, preveranse reservas de solo para aparcadoiros de vehículos fóra da zona de servidume de tránsito.

b) As construcións deberán adaptarse ao establecido na lexislación urbanística. Deberase evitar a formación de pantallas arquitectónicas ou acumulación de volumes, sen que, para estes efectos, a densidade de edificación poida ser superior á media do solo urbanizable programado ou apto para urbanizar no termo municipal respectivo.

2. Para o outorgamento das licenzas de obra ou uso que impliquen a realización de verteduras ao dominio público marítimo-terrestre requirirase a obtención previa da autorización de vertedura correspondente.

1.9. Normas xerais en relación coa protección do patrimonio cultural e natural.

Serán obxecto de protección, conservación e integración na urbanización os elementos arbóreos ornamentais ou formacións de interese do patrimonio natural catalogadas polo Plan Sectorial de Ordenación Territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA en Vigo.

A documentación gráfica do presente proxecto sectorial inclúe a localización dos elementos catalogados mencionados no parágrafo anterior.

No relativo á protección do patrimonio natural observarase o disposto na normativa sectorial de aplicación e no establecido no Plan sectorial de ordenación do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, en Vigo, así como o disposto na normativa do presente proxecto sectorial.

Os proxectos de execución deberán obter autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

1.10. Definicións.

Para efectos desta normativa, cantas veces se empreguen os termos que a seguir se indican, terán o significado que se expresa nos puntos seguintes:

Área edificable.

Superficie de solo comprendida entre lindes e aliñacións, sobre a cal se pode edificar cando reúna a condición de soar como consecuencia da execución do proxecto sectorial.

Aliñación.

Entenderase por aliñación aquela liña límite da parcela que separa esta dos espazos libres públicos e das vías.

Fronte de parcela.

Enténdese como tal o linde en contacto coa vía en que se establece o acceso principal á parcela. A súa dimensión será a distancia entre os lindes laterais, medida sobre a aliñación.

Rasante.

É a cota altimétrica que se corresponde co perfil lonxitudinal dunha vía.

Altura da edificación.

A altura da edificación é a dimensión vertical dun edificio. Pola súa regulación poderase empregar unha ou ambas destas unidades de medida:

1. A distancia vertical en metros desde a rasante da rúa a que dea fronte a edificación, tomada no punto medio da fachada, e ata o nivel de cornixa, entendido este último como o da intersección da cara inferior da placa ou trama da estrutura da cuberta coa fachada do edificio.

2. Número total de plantas, nas cales se incluirán a planta baixa e as plantas piso e, se for o caso, a planta semisoto.

Altura máxima da edificación.

É aquela que non pode superarse coa edificación. Establecerase en número máximo de plantas e/ou metros. Deberán respectarse ambas.

Planta baixa, semisoto e soto.

Enténdese por planta baixa a planta inferior do edificio onde o chan se atopa á altura, por enriba, ou como máximo a 0,60 m por debaixo da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación. Considérase planta sobre rasante.

Enténdese por semisoto aquela planta que ten o teito a unha distancia igual ou menor de cento vinte (120) centímetros da cota de rasante. Considérase planta baixo rasante.

As plantas inferiores á baixa cuxa cara superior da placa do teito se encontre a distancia maior de cento cincuenta (150) centímetros respecto da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación, consideraranse para todos os efectos plantas sobre rasante.

Enténdese por soto aquela planta cuxa cara superior da placa do teito se encontre ao mesmo nivel ou por debaixo da rasante da beirarrúa ou terreo en contacto coa edificación.

Se pola configuración do terreo as condicións antes mencionadas varían ao longo da liña de edificación exterior, a cualificación de soto, semisoto e planta baixa adoptarase nas partes das plantas que nese caso as cumpran.

Planta de piso.

Planta situada por encima da placa do teito da planta baixa.

Entreplanta.

Planta que, na súa totalidade, ten a placa do chan nunha posición intermedia entre os planos de chan e teito da planta baixa. Admítese a construción de entreplantas sempre que a superficie útil non exceda o cincuenta por cento (50 %) da superficie útil do local a que estea adscrita. A superficie das entreplantas computarase como superficie edificada.

A altura libre de piso por encima e por debaixo da entreplanta será a correspondente ao uso a que se destine e, en todo caso, igual ou superior a douscentos sesenta (260) centímetros, que poden reducirse a douscentos vinte (220) centímetros cando se destine a pezas en que non haxa permanencia de persoas.

En nova edificación a entreplanta terá acceso polo local da planta onde se localiza.

Altura de planta.

Entenderase por altura de planta a distancia entre as caras superiores de dúas placas consecutivas, ou entre o nivel de piso e tirante de cimbra de cuberta de nave, segundo os casos.

Altura libre de planta.

Entenderase como a distancia desde a superficie do pavimento acabado ata a superficie inferior do acabamento do teito da planta correspondente.

A altura mínima libre de piso será de douscentos sesenta (260) centímetros para pezas habitables e douscentos vinte (220) centímetros para pezas non habitables, sen prexuízo de maiores limitacións establecidas pola correspondente normativa sectorial.

Superficie ocupada.

É a comprendida dentro dos límites definidos pola proxección vertical sobre un plano horizontal das liñas externas de toda a construción, incluso a subterránea. Para o conxunto da superficie ocupada non se terán en conta os beirís e marquesiñas.

Superficie edificada.

É a comprendida entre os límites exteriores da construción da planta.

Superficie edificada computable.

Considerase superficie edificada computable de planta baixa e planta sobre ou baixo rasante, a proxección horizontal da superficie comprendida dentro do perímetro exterior da planta considerada, incluídos corpos voados, miradoiros e terrazas ou balcóns pechados por dous ou tres lados, excluídas desta as zonas ou contías definidas nesta normativa urbanística.

Edificabilidade máxima.

É o valor que sinala o planeamento para limitar a superficie edificada total que pode construírse nunha parcela ou área determinada e pode ser fixado mediante:

– A conxunción das determinacións de posición, superficie ocupable e número de plantas.

– O coeficiente de edificabilidade.

– Unha cantidade concreta.

Espazos libres interiores da parcela.

Son aqueles espazos de uso privativo non ocupados pola edificación.

Edificación illada ou exenta.

É aquela que se atopa separada totalmente doutras construcións por espazos libres.

Área de movemento da edificación.

É a superficie da parcela susceptible de ser ocupada pola edificación.

2. Normas de uso.

1. Son as condicións que regulan a utilización dos terreos e edificacións segundo a actividade que se produza.

2. Os usos divídense en permitidos, compatibles e prohibidos con base na súa adecuación a cada ámbito de solo e para os fins da ordenación e na compatibilidade dos usos entre si.

Os usos permitidos son aqueles directamente admitidos polas ordenanzas zonais.

Os usos compatibles son aqueles que poden coexistir co uso principal ou característico do edificio, sen perder ningún deles as características e efectos que lle son propios. A súa superficie edificada será inferior ou igual ao trinta por cento (30 %) da superficie edificada total do edificio.

Os usos prohibidos son aqueles non admitidos.

3. A regulación dos usos permitidos, compatibles e prohibidos en cada parcela establécese na ordenanza que resulte de aplicación.

4. Calquera que for o seu uso, todas as edificacións deberán axustarse ás condicións establecidas pola lexislación vixente en materia de accesibilidade.

5. Cando nun mesmo edificio coexistan diferentes usos, cada un deles cumprirá as especificacións que lles sexan de aplicación.

6. Nos bens catalogados polo presente proxecto sectorial, o seu uso quedará subordinado a que non se poñan en perigo os valores que lle son propios. Calquera intervención que se pretenda realizar sobre eles requirirá a autorización da consellería competente en materia de cultura.

7. De acordo coas prescricións de cada ordenanza poderán ser definidos como usos permitidos, compatibles ou prohibidos todos ou algúns dos seguintes:

Uso terciario xeral.

Con carácter xeral, o uso terciario comprende os espazos e locais destinados a actividades terciarias de carácter xeral, incluíndo os de índole comercial de venda de servizos de carácter privado, artesáns, así como os abertos ao uso público destinados a compravenda de mercadorías polo miúdo (comercio retallista en xeral); a prestar servizos administrativos, técnicos, financeiros, de información ou outros, de carácter público ou privado, así como os despachos profesionais; ou a procurar servizos privados á poboación e o recreativo, espectáculos e ocio.

En particular, no ámbito do presente proxecto sectorial permítense, como usos compatibles, as seguintes clases e categorías do uso terciario xeral:

– Clase oficinas: oficinas con ou sen atención ao público. Só se permiten como usos compatibles e deben estar sempre asociadas aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

– Clase recreativo e centros de reunión: establecementos de bebidas, cafés e restauración en todos os casos sen espectáculo, hospedaxe nin música distinta da de carácter ambiental ou análoga. Só se permiten como usos compatible e deben estar sempre asociados aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

Uso dotacional.

Corresponde aos espazos e locais destinados a actividades dotacionais de uso público colectivo e dominio tanto público como privado, tales como centros destinados á educación e á cultura, gardarías, clubs sociais, centros culturais, centros sanitarios, servizos públicos, centros deportivos, etc.

Dentro deste, no presente proxecto sectorial permítense as seguintes clases e categorías:

– Clase educación, que comprende a formación intelectual das persoas mediante o ensino dentro de calquera nivel regulado e as ensinanzas non reguladas. Dentro deste uso permítense os seguintes:

– Centros de ensino universitario ou destinados á investigación, de titularidade pública ou privada.

– Ensino de actividades non reguladas pola Administración (servizos de ensino en xeral) salvo academias de música e baile.

Non se atopan incluídos nos anteriores os centros de ensino infantil, os centros de educación primaria, secundaria obrigatoria, secundaria postobrigatoria nin outros ensinos oficiais como conservatorios de música ou similares.

– Clase sociocultural, que comprende os espazos ou locais destinados á conservación, transmisión e xénese dos coñecementos (bibliotecas, arquivos, museos, centros de investigación, etc.) e as actividades socioculturais e de relación (centros de asociacións, agrupacións cívico-sociais, etc.):

– Centros culturais, centros cívicos, museos, bibliotecas, auditorios, etc.

– Salas ou locais en baixos comerciais ou en plantas baixas de edificacións doutro uso característico ou en edificio exclusivo, nos cales se desenvolvan actividades con fins socioculturais (exposicións, conferencias, etc.)

– Clase asistencial, que comprende a prestación de asistencia non especificamente sanitaria ás persoas, mediante os servizos sociais:

– Centros de servizos sociais sen residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como clubs de anciáns, gardarías,etc.

– Centros de servizos sociais con residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como residencias de maiores, ou outros que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.

– Clase administración pública, que comprende as actividades que prestan as distintas administracións e os seus organismos autónomos e entidades de dereito público, así como as sedes de organismos públicos.

Centros e instalacións da Administración local, autonómica ou estatal. Centros, locais ou recintos nos cales as administracións realizan as súas actividades e servizos con acceso directo do público ou en réxime de oficinas administrativas. Só se permiten aqueles relacionados co campus científico tecnolóxico do mar, a investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

– Clase deportivo, destinado á dotación de instalacións para a práctica do deporte polos cidadáns e o desenvolvemento da cultura física. Dentro desta clase, no ámbito do proxecto sectorial permítense as edificacións, ou locais dentro de edificios con uso diferente, destinados á práctica e ensino do deporte e a cultura física, así como ás instalacións complementarias (saunas, vestiarios, aulas de ensino deportivo, etc.).

Uso residencial.

Admítese unicamente o uso de residencia comunitaria (entendida como espazo edificado onde os habitantes non teñen a condición de familia) para estudantes, asociados á investigación e análogos.

Uso garaxe-aparcadoiro.

Enténdese como aparcadoiro o espazo destinado á estadía de vehículos que non constitúe estacionamento na vía pública. Enténdese por estacionamento o espazo destinado na vía pública á permanencia temporal dun vehículo.

Dentro del, no presente proxecto sectorial permítense os aparcadoiros privados ao servizo dos edificios en que estean situados. Situaranse nas plantas baixas, sotos ou semisotos de edificios destinados a outros usos ou baixo espazos libres de parcela de uso privado ou público e propiedade privada.

Uso espazos libres e zonas verdes.

Corresponde a todos aqueles espazos non edificados destinados fundamentalmente á plantación de arboredo, e xardinaría, con diversos tratamentos do solo e cuxo obxecto é garantir a salubridade, repouso e esparexemento da poboación, a protección e illamento entre zonas que o requiran e a obtención de mellores condicións ambientais.

Dentro del, no presente proxecto sectorial permítense as seguintes clases e categorías:

– Clase de espazos libres: espazos urbanos destinados ao uso público nos cales a vexetación non é o elemento característico, tales como prazas ou espazos análogos.

– Clase zonas verdes:

– Área axardinada que corresponde ás áreas con acondicionamento vexetal destinadas ao repouso e recreo dos habitantes e con mobiliario urbano.

– Espazos libres privados correspondentes ás zonas non edificadas de áreas privadas.

Uso infraestruturas básicas.

Corresponde co conxunto de elementos pertencentes ás redes de servizos básicos tales como abastecemento, eliminación e tratamento de augas residuais, eliminación de residuos sólidos, subministración eléctrica, telecomunicacións, etc., así como os espazos de reserva previstos para a ampliación ou nova execución destes elementos.

Uso transporte e comunicacións.

É o propio da comunicación entre os diversos ámbitos do espazo urbano e sobre os cales se desenvolven os movementos das persoas e dos vehículos, así como os que permiten a permanencia e o estacionamento destes.

Correspóndese co espazo destinado á vía existente ou á de nova creación destinada á circulación rodada e peonil.

3. Normas comúns de edificación.

3.1. Parámetros e determinacións reguladoras.

A edificación no ámbito do proxecto sectorial adecuarase ao tipo definido nas ordenanzas particulares, planos de ordenación e aos parámetros establecidos polo cadro de características que terán carácter de máximos.

Os parámetros e determinacións reguladores que se establecen para cada tipo son todos ou algúns dos seguintes:

– Aliñación.

– Área de movemento da edificación.

– Altura máxima e número de plantas.

– Edificabilidade máxima.

3.2. Aliñacións e áreas de movemento da edificación.

Son as definidas nos planos de ordenación.

3.3. Superficie edificable.

Para os efectos do seu cálculo establécense as seguintes determinacións:

a) Considéranse elementos computables:

– A superficie edificada en todas as plantas do edificio con independencia do uso a que se destinen, incluída a planta baixo cuberta.

– As terrazas, balcóns ou corpos voados que dispoñan de cerramentos.

– As construcións secundarias permitidas sobre espazos libres de parcela sempre que da disposición do seu cerramento e dos materiais e sistemas de construción empregados poida deducirse que se consolida un volume pechado e de carácter permanente.

b) Considéranse elementos excluídos do cómputo:

– Os patios interiores descubertos.

– Os soportais e plantas diáfanas porticadas, que en ningún caso poderán ser obxecto de posterior cerramento que supoña superar a superficie máxima edificable.

– Os elementos de remate de cuberta e os que corresponden a escaleiras, aparellos elevadores ou elementos propios das instalacións técnicas (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de proceso, placas de captacións de enerxía solar, chemineas, etc.).

– Os sotos e semisotos destinados exclusivamente a aparcadoiros e instalacións de calefacción, electricidade ou análogas.

3.4. Sotos e semisotos.

1. Permítense semisotos.

2. Permitiranse sotos en número máximo de dúas plantas e poderán destinarse a uso garaxe-aparcadoiro (exclusivamente na categoría de garaxe-aparcadoiro privativo ou de uso colectivo) e instalacións de servizo do edificio (calefacción, cuartos de ascensores, centros de transformación, etc.), ademais dos que se permitan especificamente para cada uso. Queda prohibido empregar os sotos como locais de traballo.

3.5. Altura máxima e construcións permitidas por encima dela.

É aquela que non pode superarse coa edificación. Establecerase en número máximo de plantas e/ou metros. Deberán respectarse ambas.

Con carácter xeral, por encima da altura máxima poderán admitirse as seguintes construcións:

– As vertentes de cuberta, que non poderán ter unha pendente superior a 30º, trazados desde o remate do muro de coroamento ou ben desde a liña de intersección entre a cara superior da última placa coa fachada, ou ben polos bordos superiores das cornixas ou beirís que sobresaian dos corpos voados ou galerías.

– Os remates das caixas de escaleiras ou ascensores, depósitos ou outras instalacións, coa altura mínima debidamente xustificada por motivos funcionais, derivados da normativa sectorial aplicable ou do bo facer construtivo.

– No caso de cuberta plana, os elementos necesarios para o uso e goce dela como actividades deportivas ou de lecer ao aire libre, axardinamento ou similares. Neste caso, con carácter xeral, ningún elemento construtivo ou de cerramento poderá sobresaír do volume delimitado polos planos trazados a 45 º desde a liña de cornixa e un plano horizontal situado a trescentos setenta e cinco centímetros de altura sobre o plano de cuberta.

3.6. Condicións de seguridade.

Axustaranse ao disposto nas disposicións legais vixentes que lles sexan de aplicación.

3.7. Resto de parámetros.

Nos aspectos non definidos nesta normativa urbanística observarase normativa urbanística municipal e a normativa sectorial aplicable.

4. Normas particulares da edificación.

4.1. Ordenanza 1. Edificacións catalogadas.

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación, que se corresponden cos edificios da Enfermaría, o edificio Morse, a residencia Álava e a residencia Liniers. Regula a rehabilitación das edificacións catalogadas existentes.

Condicións de volume:

– Superficie máxima de ocupación en planta e superficie máxima edificable. Con carácter xeral serán as do edificio existente, ademais dos axustes puntuais, se for o caso, debidamente xustificados no proxecto técnico de rehabilitación e autorizados polo organismo sectorial en materia de protección do patrimonio, necesarios para a posta en valor da edificación.

– Altura máxima. A altura máxima da edificación será, con carácter xeral, a da edificación existente. Poderán superar esta altura aqueles elementos necesarios para a posta en valor ou adecuación das edificacións sempre que non distorsionen os seus valores obxecto de protección e sexan autorizados polo organismo sectorial en materia de protección do patrimonio.

Condicións de uso:

Usos permitidos:

• Uso dotacional.

– Clase educación:

– Centros de ensino universitario ou destinados á investigación, de titularidade pública ou privada.

– Ensino de actividades non reguladas pola Administración (servizos de ensino en xeral) salvo academias de música e baile.

Non se atopan incluídos nos anteriores os centros de ensino infantil, os centros de educación primaria, secundaria obrigatoria, secundaria postobrigatoria nin outros ensinos oficiais como conservatorios de música ou similares.

– Clase sociocultural:

– Centros culturais, centros cívicos, museos, bibliotecas, auditorios, etc.

– Salas ou locais en baixos comerciais ou en plantas baixas de edificacións doutro uso característico ou en edificio exclusivo, nos cales se desenvolvan actividades con fins socioculturais (exposicións, conferencias, etc.)

– Clase administración pública: centros e instalacións da Administración local, autonómica ou estatal. Centros, locais ou recintos nos cales as administracións realizan as súas actividades e servizos con acceso directo do público ou en réxime de oficinas administrativas. Só se permiten aqueles relacionados co campus científico tecnolóxico do mar, a investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

• No edificio da antiga Enfermería permítese tamén a clase asistencial de centro de servizo sen residencia colectiva.

Usos compatibles:

• Uso terciario xeral.

– Clase oficinas: Oficinas con ou sen atención ao público. Só se permiten como usos compatibles e deben estar sempre asociadas aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

– Clase recreativo e centros de reunión: Establecementos de bebidas, cafés e restauración en todos os casos sen espectáculo, hospedaxe, nin música distinta da de carácter ambiental ou análoga. Só se permiten como usos compatibles e deben estar sempre asociados aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

Usos prohibidos:

• Todos os demais usos non incluídos nos puntos anteriores.

En todo caso, as condicións de uso estarán supeditadas ao mantemento dos valores intrínsecos da edificación e deberán contar coa autorización do organismo competente en materia de protección do patrimonio cultural.

4.2. Ordenanza 2. Outras áreas edificables

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación e correspóndense coas áreas identificadas como NE-1 e NE-2. Regula a edificación nas áreas edificables non ocupadas por edificios existentes catalogados.

Condicións de volume:

– Aliñación. Será a indicada no plano de ordenación.

– Recuamentos. A liña de fachada estará a unha distancia, como mínimo, de 4 m do eixo de calquera vía de comunicación.

– Parcelación: non se permite.

– Superficie máxima de ocupación. A resultante da aplicación dos condicionantes de volume.

– Altura máxima. Permítense ata un máximo de catro plantas sobre rasante (B+III) e 20 m de altura na área NE-1 e dúas plantas sobre rasante (B+I) e 10 m de altura na área NE-2.

Por encima da altura máxima só poderán admitirse as actuacións descritas nas condicións xerais de edificación desta normativa urbanística.

Dada a singular topografía existente, a altura de piso poderase adaptar para articular os diferentes niveis que limitan coas parcelas sen superar, en ningún caso, a altura máxima total establecida.

Permítense as entreplantas, os sotos e os semisotos.

– Edificabilidade. A superficie edificable máxima será de 7.500 m2 na área NE-1 e 2.700 m2 na área NE-2.

Condicións de uso:

Usos permitidos:

• Uso dotacional.

– Clase educación:

– Centros de ensino universitario ou destinados á investigación, de titularidade pública ou privada.

– Ensino de actividades non reguladas pola Administración (servizos de ensino en xeral) salvo academias de música e baile.

Non se atopan incluídos nos anteriores os centros de ensino infantil, os centros de educación primaria, secundaria obrigatoria, secundaria postobrigatoria nin outros ensinos oficiais como conservatorios de música ou similares.

– Clase sociocultural:

– Centros culturais, centros cívicos, museos, bibliotecas, auditorios, etc.

– Salas ou locais en baixos comerciais ou en plantas baixas de edificacións doutro uso característico ou en edificio exclusivo, nos cales se desenvolvan actividades con fins socioculturais (exposicións, conferencias, etc.).

– Clase asistencial:

– Centros de servizos sociais sen residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como clubs de anciáns, gardarías, etc.

– Centros de servizos sociais con residencia colectiva, de titularidade pública ou privada, tales como residencias de maiores ou outros que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.

– Clase administración pública: centros e instalacións da Administración local, autonómica ou estatal. Centros, locais ou recintos en que as administracións realizan as súas actividades e servizos con acceso directo do público ou en réxime de oficinas administrativas. Só se permiten aqueles relacionados co campus científico tecnolóxico do mar, a investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

– Clase deportivo, destinado á dotación de instalacións para a práctica do deporte pola cidadanía e o desenvolvemento da cultura física. Dentro desta clase, no ámbito do proxecto sectorial permítense as edificacións, ou locais dentro de edificios con uso diferente, destinados á práctica e ensino do deporte e a cultura física, así como ás instalacións complementarias (saunas, vestiarios, aulas de ensino deportivo, etc.).

• Uso garaxe-aparcadoiro.

Usos compatibles:

• Uso terciario xeral.

– Clase oficinas: oficinas con ou sen atención ao público. Só se permiten como usos compatiblese deben estar estar sempre asociados aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

– Clase recreativo e centros de reunión: establecementos de bebidas, cafés e restauración en todos os casos sen espectáculo, hospedaxe nin música distinta da de carácter ambiental ou análoga. Só se permiten como usos compatibles, de deben estar sempre asociados aos usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socioasistenciais, socioculturais, deportivos, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios, así como os propiamente relacionados coa investigación e o desenvolvemento dos seus servizos.

Uso residencial comunitario para estudantes, asociados á investigación e análogos.

Usos prohibidos:

• Todos os demais usos non incluídos nos puntos anteriores.

Outras condicións:

Os espazos interiores da parcela non ocupados pola edificación destinaranse a espazos libres e preverase a súa urbanización como tales, atendendo ás directrices establecidas pola normativa urbanística para os espazos libres e zonas verdes.

Permítense os espazos porticados.

4.3. Normas comúns ás ordenanzas 1 e 2.

Acondicionamento das parcelas edificables.

A edificación nunha parcela levará asociad, necesariamente a realización previa ou simultánea das obras de acondicionamento interior (explanación, accesibilidade, servizos, pavimentación, etc.).

Cerramentos.

O cerramento de parcela permitirase só naqueles casos en que estea xustificada a súa necesidade por motivos derivados da actividade que se desenvolva no interior da parcela, tales como os asistenciais de residencia comunitaria ou outros que así o xustifiquen. Neste caso, o cerramento terá unha altura máxima de 220 cm, con elementos cegos de 50 cm de altura máxima completados, se for o caso, mediante proteccións diáfanas esteticamente acordes co lugar, pantallas vexetais ou solucións similares. Esta altura máxima de 220 cm medirase desde a rasante da rúa ou espazo público con que linde o peche.

4.4. Ordenanza 3 de zonas verdes e espazos libres de dominio público.

Aplícase esta ordenanza ás zonas delimitadas nos planos de ordenación coa dita cualificación.

A urbanización destes espazos comprenderá a limpeza das zonas verdes, así como a restauración vexetal e a creación e acondicionamento de sendeiros para uso de todo o espazo dotacional.

Acondicionarase cando menos o 10 % da superficie con características estanciais. Dotaranse estes espazos de iluminación pública, abastecemento de auga e rede de sumidoiros necesarios para o seu funcionamento e conservación.

Integraranse ao proxecto de acondicionamento a conservación do arboredo existente, moi especialmente o catalogado.

Permítese a inserción de instalacións de servizos técnicos sen que sobresaian das rasantes da zona verde e debidamente protexidas con tratamento vexetal.

Poderá autorizarse, así mesmo, a localización de casetas e quioscos desmontables para fins propios dos usos públicos destas zonas, así como o equipamento urbano correspondente.

Respectaranse na medida do posible as condicións topográficas das zonas verdes da estrutura urbana existente.

Poderán executarse accesos ás edificacións ou aos espazos libres das áreas edificables, co obxecto de mellorar a articulación espacial do conxunto, dada a súa singular topografía, sempre que se manteñan as condicións de accesibilidade e non se produzan danos sobre as especies arbóreas protexidas.

Con carácter xeral, o tratamento da urbanización (pavimentos, equipamento urbano, etc.) cumprirá a normativa sectorial en materia de accesibilidade. En todo caso, tendo en conta o grao de urbanización do ámbito e a súa singular orografía e o seu valor intrínseco na paisaxe, poderanse xustificar os axustes razoables e solucións alternativas que permitan conservar a identidade territorial do ámbito.

4.5. Sistema viario.

O proxecto sectorial establece nos correspondentes planos de ordenación o sistema viario público dentro do seu ámbito, tanto rodado como peonil, definindo xeometricamente a rede viaria co seu trazado en planta e a súa altimetría. Como parte do sistema viario, defínense igualmente os ámbitos para a reserva de estacionamento público de vehículos.

O trazado do sistema viario definido neste documento poderase reformar puntualmente para levar a cabo a conexión viaria cos restantes ámbitos do Campus, nos correspondentes proxectos sectoriais que regulen o seu desenvolvemento.

As prazas de aparcadoiro previstas no ámbito do PS6 poderán ser recolocadas no ámbito do PS4 unha vez executada a área de aparcadoiro prevista nel, mantendo en todo caso no ámbito do PS6 o número de prazas para persoas de mobilidade reducida previsto. As áreas liberadas do estacionamento de vehículos poderán destinarse a espazo público peonil, incluído axardinamentos.

O sistema viario cumprirá as condicións de accesibilidade descritas na presente normativa, así como a normativa sectorial na materia.

5. Normas de protección do patrimonio.

5.1. Introdución.

Os bens culturais suxeitos a protección polo proxecto sectorial son os incluídos no catálogo complementario deste.

As actuacións nestes bens serán obxecto de definición no seu correspondente proxecto e requirirán a autorización do organismo competente en materia de patrimonio cultural.

A documentación gráfica do presente proxecto sectorial inclúe a localización dos elementos catalogados mencionados.

No relativo á protección do patrimonio cultural e natural, axustarase ao disposto na normativa sectorial de aplicación e ao establecido no Plan sectorial de ordenación do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, en Vigo, así como o disposto nas ordenanzas do presente proxecto sectorial.

5.2. Elementos catalogados. Regulación xeral.

A regulación dos elementos catalogados observará disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante LPCG) e na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español.

Para tal efecto elaborouse un catálogo complementario do proxecto sectorial en que se identificaron os elementos que catalogar e as súas contornas de protección conforme o establecido no PXOM e na LPCG.

5.3. Niveis de protección.

O alcance da protección dos elementos catalogados pode clasificarse segundo os niveis definidos no artigo 41 da LPCG: protección integral, estrutural ou ambiental. Este nivel defínese na ficha correspondente a cada elemento do catálogo do presente proxecto sectorial.

5.4. Obras permitidas.

As actuacións autorizables sobre os elementos obxecto de catalogación son as clasificadas e definidas no artigo 40 da LPCG, enunciadas a seguir:

– Investigación.

– Valorización.

– Mantemento.

– Conservación.

– Consolidación.

– Restauración.

– Rehabilitación.

– Reestruturación.

– Ampliación.

– Reconstrución.

No artigo 42 da LPCG defínese cales destas actuacións son autorizables segundo o nivel de protección de cada elemento.

As obras permitidas nos elementos do catálogo do plan defínense nas correspondentes fichas.

5.5. Réxime de autorizacións.

As intervencións que se pretendan realizar sobre os elementos catalogados observarán disposto no artigo 39 da LPCG.

Para todas aquelas actuacións nos bens catalogados que excedan as de mantemento, exíxese a presentación dun proxecto de intervención que conterá a documentación que se detalla no artigo 43 da LPCG.

Os futuros proxectos de urbanización, que precisarán autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, recollerán a ordenación polo miúdo dos espazos libres de uso público, itinerarios peonís e áreas axardinadas, pavimentación e mobiliario urbano, para o cal se estudará a escala dos espazos ao redor das edificacións, así como estudo dos percorridos e articulacións entre as distintas plataformas do ámbito, co fin de poñer en valor as edificacións e manter o valor ambiental existente preservando a traza e organización do PS-6. As zonas de aparcadoiro afastaranse do contorno próximo dos bens protexidos.

5.6. Criterios de intervención.

As actuacións que se leven a cabo sobre os elementos catalogados seguirán os criterios establecidos no artigo 44 da LPCG.

5.7. Intervencións no contorno de protección dos elementos catalogados.

As actuacións que teñan lugar no ámbito de protección dos elementos catalogados cumprirán o disposto nos artigos 45 e 46 da LPCG.

5.8. Accesibilidade nos edificios catalogados.

Con base no artigo 29 da Lei 10/2014, do 3 de setembro, de accesibilidade, os bens catalogados por razón do seu particular valor histórico-artístico poderán ser obxecto daquelas solucións alternativas que permitan as mellores condicións de accesibilidade posibles sen incumprir a normativa específica reguladora dos devanditos bens, incorporando os elementos de mellora que non alteren o seu carácter ou os valores por que son protexidos.

6. Normas de urbanización.

6.1. Obrigatoriedade.

Para a execución do proxecto sectorial redactaranse os proxectos técnicos que desenvolvan as súas determinacións, de acordo coas presentes normas.

6.2. Obxecto, alcance e características xerais dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos teñen por obxecto a definición precisa para a realización da totalidade das obras de urbanización dunha fase completa das previstas para a execución das determinacións do proxecto sectorial.

Os proxectos técnicos non poderán modificar as previsións do proxecto sectorial que executan sen prexuízo de que poidan efectuarse adaptacións de detalle, exixidas pola execución material das obras.

Os proxectos técnicos deberán resolver adecuadamente e nas condicións previstas no proxecto sectorial, o enlace dos servizos urbanísticos do ámbito cos xerais do territorio municipal a que se conectan.

6.3. Contido dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos terán o contido acorde coa súa finalidade e en cumprimento da normativa aplicable no momento da súa redacción.

6.4. Aprobación dos proxectos técnicos.

Os proxectos técnicos tramitaranse e aprobaranse conforme a lexislación vixente.

6.5. Condicións da urbanización.

En todo o non prescrito expresamente no presente punto, a urbanización do parque atenderá ao prescrito ao respecto no planeamento municipal.

Condicións xerais establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:

• En canto ao mobiliario urbano, deberase ter en conta a análise dos elementos orixinais que aínda se conservan ou que se poidan identificar en fotografías antigas, que sirvan de referencia a novos deseños acordes coa contorna.

• Xustificarase a integración das características da urbanización no conxunto do campus, procurando conseguir unha unificación de criterios.

Rede viaria:

• A pavimentación de beirarrúas e calzadas farase tendo en conta as condicións do soporte e as do tránsito que discorrerá sobre el, así como as que deriven dos condicionantes de ordenación urbana e de integración ambiental.

• Para calcular a pavimentación das calzadas terase en conta tanto o espesor das capas de firme necesario como o material que se vaia empregar na capa de rodadura, atendendo ao carácter e ao tráfico delas.

• Deberá preverse a drenaxe profunda do sistema viario, sobre todo en casos onde o nivel freático do terreo poida estar próximo á superficie. Empregaranse tubos-dren lonxitudinais onde proceda.

• Os materiais de pavimentación elixiranse de acordo cun código funcional que distinga a categoría do espazo, circulación rodada, peonil, estadía de persoas e de vehículos, uso conxunto de persoas e de vehículos, etc.

• O pavimento das beirarrúas e percorridos peonís resolverase con materiais que non dificulten a circulación das persoas e dos vehículos de man.

• As áreas de aparcadoiro acompañaranse de aliñacións de árbores.

• As tapas de arquetas, rexistros, etc. orientaranse tendo en conta as xuntas dos elementos do pavimento e nivelaranse co seu plano de tal xeito que non resalten sobre el.

• As diferenzas de nivel entre distintos pavimentos resolveranse con bordos e outros elementos de separación que definan claramente os seus perímetros.

• Se se instalan reixas de ventilación de redes e outros elementos subterráneos, deseñaranse de xeito que non supoñan risco para o tránsito peonil.

• Como norma xeral procurarase que a pendente mínima de calquera tipo de rúa sexa do 0,5 % para facilitar a drenaxe das plataformas.

• O trazado do sistema viario definido neste documento poderase reformar puntualmente para levar a cabo a conexión viaria dos restantes ámbitos do campus, nos correspondentes proxectos sectoriais que regulen o seu desenvolvemento.

• As características das prazas de aparcadoiro para persoas de mobilidade reducida cumprirán o establecido pola lexislación vixente en materia de accesibilidade.

• Reflectiranse na pavimentación as trazas orixinais do edificio Patiño e do edificio de Aulas, indicadas nos planos de ordenación.

Zonas verdes:

• En zonas verdes e canteiros disporase de terra vexetal para permitir o desenvolvemento dos arbustos e céspede.

• Tamén se sementarán os ribazos que se poidan considerar inestables e deseñaranse as cunetas necesarias para a recolla de augas destes.

• Dotaranse dun número suficiente de árbores do tipo e características especificado no proxecto, para colocar nas zonas verdes e/ou canteiros e prohíbese a plantación de árbores sobre a vertical de calquera infraestrutura.

• Na medida do posible integraranse no proxecto as especies arbóreas existentes conservando, en todo caso, as catalogadas.

Redes de servizos:

• Observarán disposto na normativa sectorial de aplicación e na normativa urbanística municipal.

• O proxecto de execución xustificará o cálculo das redes de abastecemento e saneamento segundo ITOGH.

• As augas pluviais non necesitarán autorización de vertedura.

• Utilizaranse sistemas de drenaxe urbana sustentable como pavimentos permeables, tanques de tormenta, etc.

• Reducirase ao mínimo imprescindible a selaxe do sol, procurando empregar pavimentos filtrantes, zonas verdes, etc.

• Os trazados das redes de servizos teñen carácter orientativo e pódese adaptar o seu trazado conforme o resultado dos estudos pormenorizados dos correspondentes proxectos técnicos.

• Na fase de proxecto de execución deberá solicitarse subministración eléctrica á distribuidora pola potencia máxima admisible da instalación.

7. Accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

7.1. Condicións de accesibilidade nos itinerarios.

O trazado dos itinerarios peonís dos viais principais teñen unha pendente lonxitudinal e inferior ao 6 % máximo establecido pola normativa vixente en materia de accesibilidade para itinerarios peonís accesibles.

No caso das comunicacións complementarias entre as plataformas, dado o desnivel existente entre elas, procurarase na medida do posible a adopción de pendentes suaves adaptadas á normativa de accesibilidade pero sempre buscando un equilibrio de xeito que se minimice a distorsión da paisaxe.

Todos os itinerarios peonís previstos contan cunha largura superior aos dous metros.

Os correspondentes proxectos desenvolverán aqueles aspectos propios do nivel de detalle destes que, en todo caso, xustifiquen o cumprimento da normativa de accesibilidade. Estes aspectos incluirán, entre outros, as correspondentes medidas de sinalización, as características axeitadas dos pavimentos e o deseño dos cruxamentos do viario de tráfico rodado.

7.2. Condicións de accesibilidade en zonas verdes e espazos libres.

As zonas verdes e os espazos libres de uso público de nova creación deseñaranse e realizaranse de xeito que resulten accesibles a calquera persoa na medida do posible, e axustaranse aos criterios establecidos regulamentariamente pola normativa vixente en materia de accesibilidade. Non obstante, respectaranse os espazos axardinados existentes, de valor patrimonial catalogado. Estas zonas verdes contan polo xeral con pendentes pronunciadas, xa que salvan as diferenzas de nivel entre as distintas plataformas existentes.

7.3. Condición de accesibilidade nas áreas de aparcadoiro.

Cumpriranse as dimensións establecidas pola normativa de aplicación en canto a dimensións mínimas das prazas de aparcadoiro adaptadas para persoas con mobilidade reducida, descritas a seguir:

– Aparcadoiro en liña: as prazas dispostas en liña terán unha dimensión mínima de 5,00 metros de lonxitude x 2,20 metros de largo, e ademais disporán dunha zona de aproximación e transferencia posterior dun largo igual ao da praza e unha lonxitude mínima de 1,50 metros.

– Aparcadoiro en batería ou en espiña: tanto as prazas dispostas en batería como as dispostas en espiña deberán ter unha dimensión mínima de 5,00 metros de lonxitude × 2,20 metros de largo, e ademais disporán dunha zona de aproximación e transferencia lateral dunha lonxitude igual á da praza e un largo mínimo de 1,50 metros. Entre dúas prazas contiguas permitiranse zonas de transferencia lateral compartidas mantendo as dimensións mínimas descritas anteriormente.

As prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida estarán sinalizadas horizontal e verticalmente co símbolo internacional de accesibilidade, cumprindo así co establecido no artigo 43 da Orde VIV/561/2010.

De acordo ao establecido no artigo 8 da LAG, como mínimo, reservarase unha de cada corenta prazas ou fracción. Non obstante, o proxecto sectorial prevé a dotación de cinco prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida, distribuídas en cada unha das plataformas topográficas que conforman o ámbito, conforme o reflectido nos planos de ordenación. Esta dotación de cinco prazas deberá manterse no ámbito do PS6.

7.4. Características dos elementos de equipamento e mobiliario urbano.

Os proxectos de acondicionamento exterior, proxectos de urbanización ou dotación de servizos desenvolverán aqueles aspectos que garantan o cumprimento da lexislación sobre accesibilidade.

As dimensións establecidas polo presente plan para seccións das sendas garanten a posibilidade da correcta situación do equipamento. Respectarase un paso libre de obstáculos de 1,80 metros de largo por 2,20 metros de altura.

O deseño destes elementos cumprirá o establecido na normativa vixente en materia de accesibilidade.

7.5. Condicións de accesibilidade nas edificacións.

As edificacións de nova construción que se leven a cabo en desenvolvemento do proxecto sectorial cumprirán as determinacións da normativa vixente para garantir o acceso universal a elas.

Con base no artigo 29 da Lei 10/2014, do 3 de setembro, de accesibilidade, os bens catalogados por razón do seu particular valor histórico-artístico poderán ser obxecto daquelas solucións alternativas que permitan as mellores condicións de accesibilidade posibles sen incumprir a normativa específica reguladora dos devanditos bens, incorporando os elementos de mellora que non alteren o seu carácter ou os valores por que son protexidos.

8. Condicións ambientais e hixiénicas.

8.1. Emisións á atmosfera.

A presente normativa ten por obxecto regular cantas actividades, situacións e instalacións sexan susceptibles de producir fumes, pos, gases, vapores e olores no campus, para evitar a contaminación atmosférica e o prexuízo que ocasione ás persoas ou bens de calquera natureza.

As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

As actividades autorizadas estarán suxeitas a vixilancia por parte da Administración.

– A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustarase ao disposto na lexislación vixente.

– Queda prohibida, con carácter xeral, toda combustión que non se realice en fogares axeitados, provistos dos dispositivos de captación, depuración, condución e evacuación pertinentes.

– Os aparellos térmicos instalados,deberán corresponder a tipos previamente homologados.

– Os niveis de emisión de contaminantes e opacidade de fumes dos xeradores de calor deberán axustarse aos límites fixados na lexislación vixente.

– Non poderán queimarse residuos de ningunha clase sen autorización previa e deben contar coa instalación axeitada que garanta que os gases e fumes evacuados non sobrepasen os límites establecidos.

– Cando as circunstancias o aconsellen, a Administración competente poderá exixir a instalación de dispositivos que garantan a non contaminación atmosférica.

– Os fumes, vapores e outros efluentes contaminantes, calquera que sexa a súa orixe, deberán evacuarse ao exterior mediante condutos ou chemineas, nas condicións e características prescritas nesta ordenanza.

– As chemineas de instalacións residenciais, industriais e de calefacción ou produción de auga quente centralizada, deberán axustarse aos criterios de construción contidos na lexislación vixente.

– Non se poderá instalar, ampliar ou modificar ningunha actividade potencialmente contaminante da atmosfera sen a correspondente autorización municipal, sen prexuízo do que dispoñan os demais organismos competentes na materia e conforme á lexislación vixente.

– As actividades clasificadas de acordo co Regulamento de Actividades Molestas Insalubres, Nocivas e Perigosas, ou aquelas cuxa autorización esixa un trámite de avaliación ambiental deberán incluír no documento ambiental que sexa necesario, un estudo específico de emisións, que conteña:

– Un inventario de fontes ou focos contaminantes eventualmente presentes nos procesos produtivos, especificando as características das emisións producidas por cada unha destas fontes (cantidades, natureza, periodicidade, etc.).

– A identificación, específica para cada foco, dos principais requisitos legais aplicables ás actividades e instalacións que produzan emisións.

– A descrición das metodoloxías de prevención da contaminación atmosférica que serán adoptados para o cumprimento da lexislación, analizando desde o punto de vista da eficacia e os custos económicos a factibilidade da súa aplicación.

– Toda actividade instalada no campus que xere ou poida xerar molestias á poboación a causa dos olores, emisións gasosas ou partículas, deberá incorporar as medidas correctoras necesarias para garantir a ausencia destas molestias.

– Os límites de emisión e inmisión, así como a determinación do nivel dos destes, axustaranse ao disposto nas normas específicas vixentes.

– A evacuación de gases, pos, fumes, etc. á atmosfera farase a través de chemineas.

– A altura dos condutos de evacuación das instalacións, determinarase segundo o disposto nas normas específicas vixentes, e pode exixirse unha altura adicional de acordo coa situación do conduto respecto a outras edificacións.

8.2. Augas residuais.

– A produción de verteduras á rede de saneamento de augas pluviais ou residuais por parte das instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito do parque, deberá axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de verteduras e protección ambiental de leitos flluviais e, en xeral, do dominio público hidráulico.

– Todas as edificacións, calquera que sexa o seu uso, deberán ter resolto o sistema de verteduras das súas augas residuais na forma tecnicamente posible que evite a contaminación do medio, ou a alteración dos sistemas de depuración receptores das augas.

– O criterio de preservar a calidade ecolóxica do medio receptor, así como a seguridade das instalacións de saneamento, definiranse con base na concentración de contaminantes para a súa descarga ao medio receptor de acordo coa lexislación.

– Queda totalmente prohibido descargar directa ou indirectamente á rede de saneamento pluvial ou fecal calquera dos seguintes produtos:

a) Substancias sólidas ou viscosas en cantidade ou dimensións tales que sexan capaces de causar a obstrución na corrente das augas na rede de sumidoiros ou obstaculizar os traballos de conservación e limpeza da rede.

b) Disolventes ou líquidos orgánicos inmiscibles en auga, combustibles ou inflamables.

c) Gases ou vapores combustibles, inflamables, explosivos ou tóxicos.

d) Graxas, ou aceites minerais ou vexetais que excedan 200 ppm., medidos como graxa total.

e) Substancias sólidas potencialmente perigosas.

f) Residuos industriais ou comerciais cuxas concentracións ou características tóxicas ou perigosas requiran un tratamento específico.

g) Líquidos que conteñan produtos susceptibles de precipitar ou depositarse na rede de sumidoiros ou de reaccionar coas augas desta producindo sustancias comprendidas en calquera das alíneas do presente artigo.

h) Substancias que por elas mesmas ou como consecuencia de reaccións que teñan lugar dentro da rede teñan ou adquiran algunha propiedade corrosiva.

i) Substancias que poidan alterar negativamente dalgunha forma a capacidade de depuración das instalacións depuradoras ou calquera outra instalación de tratamento previo das augas.

j) Calquera outro que determine a lexislación vixente.

– Toda instalación que produza verteduras de augas residuais non domésticas deberá colocar e poñer á disposición dos servizos técnicos municipais, para efectos da determinación da carga contaminante, os seguintes dispositivos:

a) Arqueta de rexistro, que estará situada en cada desaugadoiro de descarga das verteduras residuais, de fácil acceso, libre de calquera interferencia e localizada augas abaixo antes da descarga á rede. Deberán enviarse á Administración planos de situación da arqueta e de aparellos complementarios para a súa identificación e censo.

b) Medición de caudais. Cada arqueta de rexistro disporá dos correspondentes dispositivos co fin de poder determinar os caudais de augas residuais.

c) No caso de existiren pretratamentos individuais ou colectivos legalmente autorizados, deberá instalarse á saída dos afluentes depurados unha arqueta de rexistro coas mesmas condicións referidas en parágrafos anteriores.

– Os servizos técnicos municipais procederán a efectuar periodicamente ou por instancia dos usuarios, inspeccións e controis das instalacións de verteduras de augas residuais.

A fin de que os inspectores municipais ou a Administración competente en materia de augas poidan realizar as súas funcións de vixilancia e control, os titulares das instalacións estarán obrigados, ante o dito persoal acreditado, a:

a) Facilitarlles, sen necesidade de comunicación anticipada, o libre acceso aos locais ou partes da instalación que consideren axeitado para o cumprimento da súa misión.

b) Facilitarlles a montaxe dos equipamentos, así como permitirlles a utilización dos instrumentos que a empresa utilice coa finalidade de autocontrol, especialmente aqueles para a medición de caudais de verteduras e toma de mostras, paraa efectos de realizar as comprobacións que consideren axeitadas.

c) E, en xeral, facilitarlles o exercicio e cumprimento das súas funcións.

8.3. Emisións acústicas.

– A presente normativa ten por obxectivo regular cantas actividades, situacións e instalacións sexan susceptibles de producir emisións sonoras no Campus, evitar a contaminación acústica e o prexuízo que ocasione ás persoas ou bens de calquera natureza.

– As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

As actividades autorizadas estarán suxeitas a vixilancia por parte da Administración.

– A instalación, autorización e funcionamento das actividades potencialmente contaminantes axustarase ao disposto na lexislación vixente.

– Todas as actividades incluídas no anexo I do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, deberán someterse ao dito procedemento segundo o establecido no capitulo terceiro.

– As condicións acústicas exixibles aos diversos elementos construtivos que compoñen a edificación serán as determinadas no Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro, polo que se aproba o documento básico DB-HR Protección fronte ao ruído do Código técnico da edificación e se modifica o Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código técnico da edificación.

A localización, orientación e distribución interior dos edificios destinados aos usos máis sensibles desde o punto de vista acústico planificarase con vistas a minimizar os niveis de inmisión neles, adoptando deseños preventivos e a suficiente distancia de separación respecto ás fontes de ruído máis significativas e, en particular, o tráfico rodado, de forma que no ambiente interior non se superen os niveis límite establecidos para o interior de edificios.

Nos proxectos de construción de edificacións que se xunta á petición de licenza urbanística xustificarase o cumprimento das referidas normas.

Os aparellos elevadores, as instalacións de aire acondicionado e as súas torres de refrixeración, a distribución e evacuación de augas, a transformación de enerxía eléctrica e demais servizos dos edificios serán instalados coas precaucións de localización e illamento que garantan un nivel de transmisión de ruídos non superior aos límites máximos legais, tanto cara ao exterior como ao interior do edificio.

– Nos edificios estremeiros con varios tipos de actividades, adoptaranse as medidas preventivas na concepción, deseño e montaxe de amortecedores de vibración, sistemas de redución de ruídos de impacto, canalizacións, condutos de aire e transporte interior.

– As conexións dos equipamentos de ventilación forzada e climatización, así como doutras máquinas, a condutos ríxidos e tubaxes hidráulicas realizaranse sempre mediante xuntas e dispositivos elásticos.

Prohíbese a instalación de condutos entre o illamento acústico específico de teito e a planta superior ou entre os elementos dunha dobre parede, así como a utilización destas cámaras acústicas como plenum de impulsión ou retorno de aire acondicionado.

– Naquelas instalacións e maquinarias que poidan xerar transmisión de vibracións e ruídos aos elementos ríxidos que as soporten e/ou ás conexións do seu servizo, deberán proxectarse uns sistemas de corrección especificado os sistemas seleccionados, así como os cálculos que xustifiquen a viabilidade técnica da solución proposta.

Para corrixir a transmisión de vibracións deberán terse en conta as seguintes regras:

a) Todo elemento con órganos móbiles manterase en perfecto estado de conservación, principalmente no que se refire ao seu equilibrio dinámico e estático, así como a suavidade de marcha das súas chumaceiras ou camiños de rodadura.

b) As máquinas de arranque violento, as que traballen por golpes ou choques bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo deberán estar ancoradas en bancadas independentes, sobre o chan, firmes e illadas da estrutura da edificación e do chan do local por medio de materiais absorbentes da vibración.

c) Os condutos ríxidos polos cales circulen fluídos líquidos ou gasosos en forma forzada, conectados con máquinas que teñan órganos en movemento, instalaranse de forma que se impida a transmisión das vibracións xeradas en tales máquinas. As aberturas dos muros para o paso das conducións encheranse con materiais absorbentes da vibración.

8.4. Residuos sólidos

– Para efectos da presente ordenanza, entenderase por «residuos urbanos ou municipais» os xerados nos comercios, oficinas e servizos, así como todos aqueles que non teñan a cualificación de perigosos e que pola súa natureza ou composición poidan asimilarse aos producidos nos anteriores lugares ou actividades.

Terán tamén a consideración de residuos urbanos os seguintes:

– Residuos procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes e áreas recreativas.

– Residuos e entullos procedentes de obras menores de construción e reparación.

Para calquera aclaración sobre a terminoloxía desta ordenanza, aplicaranse as definicións que establece a normativa sectorial de aplicación.

– A produción, xestión e transporte dos residuos nas instalacións e actividades que se desenvolvan no ámbito deberán axustarse ao disposto na lexislación vixente en materia de residuos.

– Corresponde ao Concello, como servizo obrigatorio, a recolla, o transporte, o tratamento e a eliminación dos residuos urbanos tal e como se encontran definidos no artigo anterior.

Non serán obxecto de recolla os residuos que comprendan materias contaminadas ou contaminantes, corrosivas e perigosas para as cales o risco de contaminación requira adoptar especiais garantías de hixiene e profilaxe para a súa recolla ou destrución. Os produtores destes quedan obrigados a dispoñer dos oportunos sistemas de xestión aténdose á normativa específica aplicable.

Non serán obxecto da presente ordenanza, os materiais especificados de risco (M.E.R.) entendendo por tales os recollidos na normativa sectorial de aplicación.

– As exixencias que se establezan para o exercicio das actividades a que se refire esta ordenanza serán controladas a través da correspondente autorización municipal.

– Prohíbese verter ou depositar residuos, desperdicios, lixo, entullos e materiais de calquera tipo en xeral nas vías públicas ou privadas, nas súas beirarrúas e nos soares ou predios valadas ou sen valar.

– Prohíbese o amoreamento de residuos en condicións en que non se poida garantir a prevención da contaminación do sistema de saneamento, o sistema de drenaxe superficial, o solo ou o subsolo, e é obrigatorio o acondicionamento das zonas de amoreamentos de forma previa, de maneira que, ademais de previr a contaminación, se impida o acceso visual a estes amoreamentos desde a vía ou as zonas habitadas.

– O destino dos entullos, libres de obxectos estraños, será as instalacións de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

– O titular da licenza de obras está obrigado a presentar ante o Concello certificado do propietario da planta de tratamento ou terreo onde tiver tratado ou depositado os entullos ou terras que acredite que efectivamente se cumpriron as condicións previstas na licenza en canto ao lugar de destino, composición e volume de terras ou entullos.

– Toda persoa física ou xurídica deberá realizar o transporte de terras e entullos con vehículos apropiados nas condicións de hixiene e seguridade previstas e coas autorizacións preceptuadas na lexislación vixente.

– De forma previa ao abandono dunha instalación, deberá procederse á desmontaxe, retirada e xestión de acordo coa lexislación vixente de calquera elemento susceptible de xerar contaminación do solo e/ou das augas.

8.5. Consumo eléctrico.

– O consumo eléctrico pode supor un gasto económico e un gasto excesivo do recurso enerxía; o control do consumo permitirá adoptar as estratexias de xestión específicas en cada unha das actividades.

A presente ordenanza afecta todas as actividades instaladas no ámbito.

– Todas as actividades que se implanten no ámbito deberán incorporar un rexistro de consumo eléctrico individual que estará accesible desde o exterior da parcela.

– Os proxectos de construción de cada unha das edificacións deberán achegar un anexo en que se xustifique o deseño da instalación de distribución de enerxía de acordo cos principios de aforro e eficiencia no uso.

A autorización do proxecto poderá condicionarse á incorporación no deseño da distribución de enerxía de dispositivos que permitan asegurar un aforro do consumo de auga significativo, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles.

8.6. Consumo de auga.

– O consumo de auga pode supor un gasto económico e un gasto do recurso auga excesivo; o control do consumo permitirá adoptar estratexias de xestión específicas en cada unha das actividades.

A presente ordenanza afecta todas as actividades instaladas no ámbito.

– Todas as actividades que se implanten no ámbito deberán incorporar un rexistro de consumo de auga individual que estará accesible desde o exterior da parcela.

Os proxectos de construción de cada unha das edificacións deberán achegar un anexo en que se xustifique o deseño da instalación de distribución de auga de acordo cos principios de aforro e eficiencia no uso.

A autorización do proxecto poderá condicionarse á incorporación no deseño da distribución de auga de dispositivos que permitan asegurar un aforro do consumo de auga significativo, de acordo coas mellores tecnoloxías dispoñibles.

9. Condicións de composición estética.

9.1. Normas xerais.

– Consideraranse como fachadas todos os paramentos vistos de cerramento das construcións. Extremarase o coidado estético nas fachadas que dean fronte a vías ou zonas verdes públicas.

– Permítense as recebas sempre que estean correctamente rematadas.

– Os axentes xestores das edificacións quedarán obrigados ao seu bo mantemento e conservación.

– Tanto as paredes medianeiras vistas coma os paramentos susceptibles de posterior ampliación deberán tratarse como unha fachada e deben ofrecer calidade de obra terminada.

– Os rótulos acaroados ou sobre cabaletes axustaranse ás normas dun correcto deseño en canto a composición e cores utilizadas e realizaranse a base de materiais inalterables aos axentes atmosféricos. O axente titular é responsable do seu bo estado de mantemento e conservación.

– Quedan prohibidos os cegamentos directos ou escintilacións que poidan afectar a seguridade do tráfico rodado.

– As edificacións en parcela con fronte a máis dunha rúa ou a outros espazos públicos quedarán obrigadas a que todos os seus paramentos de fachada teñan a mesma calidade de deseño e acabamento.

– As construcións auxiliares e instalacións complementarias deberán ofrecer un nivel de acabamento digno e que non desmereza da estética do conxunto. Para tal efecto, os ditos elementos deberán tratarse con idéntico nivel de calidade que a edificación principal.

– O proxecto de edificación coidará e definirá detalladamente o deseño, composición e cor dos paramentos exteriores e prohíbese a utilización como vistos de materiais fabricados para seren revestidos.

– O proxecto de edificación definirá a urbanización completa dos espazos interiores das parcelas non ocupados pola edificación, pavimentaranse adecuadamente os espazos de acceso, tratando os restantes con xardinaría, e prohíbese en todos eles verter desperdicios e, en xeral, todo o que poida danar a imaxe urbana do campus.

– O deseño do espazo público basearase no criterio da revalorización da estrutura urbana existente e a integración paisaxística no contorno.

– Por regra xeral, procurarase a reutilización dos elementos da pavimentación existente en bo estado.

– En relación coa dotación do mobiliario urbano, o deseño procurará a homoxeneización dos acabamentos para favorecer unha imaxe ordenada da escena urbana.

– A disposición dos elementos da pavimentación procurará a coincidencia de xuntas cos elementos de rexistro das redes de servizos.