Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 19 de novembro de 2020 Páx. 45822

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Tui

ANUNCIO da aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno, na sesión ordinaria desenvolvida o 24 de setembro de 2020, e no punto de mocións de urxencia (20.3.), adoptou por dezasete (17) votos a favor que constitúen a unanimidade dos membros presentes, o acordo que, na súa parte dispositiva, se transcribe literalmente:

«20.3). Expediente 874/2018. Asunto: aprobación inicial-modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tui, con ordenación detallada, en aplicación da disposición transitoria 7ª da Lei 2/16, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para a regulación urbanística dun asentamento empresarial xurdido á marxe do planeamento de Baldráns.

(.../...) En consecuencia, o Pleno da Corporación acorda:

1º. Aprobar inicialmente o proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tui, con ordenación detallada, en aplicación da disposición transitoria 7ª, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para a regularización urbanística dun asentamento empresarial xurdido á marxe do planeamento nas Veigas, parroquia de Baldráns. Tui (versión inicial do Plan). Para tales efectos, cómpre sinalar que os documentos sometidos a aprobación inicial abarcarán todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico (artigo 60.6 da LSG).

2º. Someter os ditos documentos a información pública por período de 2 meses, con publicación de acordo no DOG, e nun xornal de maior difusión da provincia.

3º. Suspender o outorgamento de licenzas de obras e actividade e de parcelación no ámbito do PXOM-2011, durante o prazo de 2 anos, desde a adopción do acordo de aprobación inicial (para o suposto de que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente); en todo caso esta suspensión extinguirase coa aprobación definitiva da modificación puntual en proxecto.

4º. Elevar esta documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, o cal realizará as consultas previstas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, dará audiencia aos municipios limítrofes e solicitará os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderanse emitidos con carácter favorable (artigo 60.7 da LSG)».

O expediente completo pódese consultar no departamento de urbanismo do Concello de Tui, en horario de atención o público (das 9.00 ás 14.00 horas), ou ben no portal de transparencia do Concello de Tui, no enderezo:

https://concellotui.sedelectronica.gal/transparency/7d2503d4-5ab4-4fd3-91d3-8460ae5c60b5/

Tui, 20 de outubro de 2020

Enrique Cabaleiro González
Alcalde