Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Martes, 17 de novembro de 2020 Páx. 45369

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se aproba a rectificación dun erro material detectado na actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de xullo de 2018, de conformidade co disposto nos artigos 50.8 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 102.8 do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, acordou aprobar definitivamente o Plan básico autonómico de Galicia, integrado polos seguintes documentos:

a) Memoria xustificativa dos seus fins, obxectivos e determinacións.

b) Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

c) Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

d) Plano de identificación dos asentamentos de poboación.

e) Ordenanzas tipo de edificación e uso do solo.

f) Catálogo.

2. O Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, foi publicado no DOG núm. 162, do 27 de agosto, así como nos catro boletíns oficiais provinciais, en data do 28 de septembro (BOP da Coruña núm. 186, do 28 de setembro; BOP de Lugo núm. 224, do 28 setembro; BOP de Ourense núm. 224, do 28 setembro, e BOP de Pontevedra núm. 188, do 28 setembro).

3. A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, mediante Resolución do 25 de maio de 2020, aprobou a actualización do Plan básico autonómico de Galicia co contido sinalado no punto III e o anexo da dita resolución, que foi publicada no DOG núm.116, do 15 de xuño.

4. Detectouse un erro nos planos incorporados na dita actualización do Plan básico autonómico, consistente na ausencia nos planos de costa en formato PDF da liña de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, a cal debe figurar por delimitar unha das afeccións derivadas da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas. A dita liña si constaba nos planos de aprobación do Plan básico autonómico.

II. Fundamentos de dereito.

1. De conformidade co disposto no artigo 90.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; en consecuencia, correspóndelle a corrección dos erros detectados nos actos administrativos ditados ao abeiro da dita competencia.

2. O artigo 109 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no seu punto segundo, establece: «As administracións públicas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos». A doutrina e a xurisprudencia conclúen que a rectificación baseada neste artigo procede unicamente nos casos en que o acto administrativo revele unha equivocación evidente por si mesma e manifesta no contido do acto e que se aprecie tendo en conta, exclusivamente, os datos e documentos do expediente administrativo, aspecto este que concorre no presente suposto.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a rectificación do erro detectado nos planos que recollen territorio de costa incorporados na actualización do Plan básico autonómico de Galicia aprobada mediante a Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25 de maio de 2020, nos termos sinalados no número 4 do punto I de esta resolución.

Segundo. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e os artigos 212.1 e 213 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a rectificación do erro detectado na actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2020

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo