Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Luns, 16 de novembro de 2020 Páx. 45337

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2020, da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de tres vivendas de promoción pública, cualificadas en casco histórico, para o expediente OU-2016/CH-01, no concello de Ourense.

De conformidade co establecido no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, en sesión do 6 de novembro de 2020,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección das persoas adxudicatarias de tres vivendas de protección oficial de promoción pública, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

1. Número de vivendas: 3.

2. Localización das vivendas: rúa Vilar, números 3 (unha vivenda) e 5 (dúas vivendas), de Ourense.

3. Tipoloxía das vivendas e composición da unidade convivencial:

• Unha vivenda de 3 dormitorios: para unidades convivenciais de 4 ou máis membros.

• Unha vivenda de 2 dormitorios: para unidades convivenciais de 3 membros.

• Unha vivenda de 1 dormitorio: para unidades convivenciais de 1 ou 2 membros.

4. Características das vivendas:

• Vivenda situada na rúa Vilar, nº 3 (unifamiliar): 89,39 m², 2 dormitorios (plantas baixa, 1ª e 2ª). Ten como anexo a praza de garaxe número 138, situada no soto 1, do edificio sinalado cos números 1, 3, 5, 7, 9 e 11 da rúa Rafael Dieste, de Ourense.

• Vivendas situada na rúa Vilar, nº 5:

– Planta 1ª: 50,65 m², 1 dormitorio. Ten como anexo un rocho na pranta baixa do edificio, así como a praza de garaxe número 140, situada no soto 1, do edificio sinalado cos números 1, 3, 5, 7, 9 e 11 da rúa Rafael Dieste, de Ourense.

– Planta 2ª e ático: 98,78 m², 3 dormitorios. Ten como anexo un rocho na pranta baixa do edificio, así como a praza de garaxe número 142, situada no soto 1, do edificio sinalado cos números 1, 3, 5, 7, 9 e 11 da rúa Rafael Dieste, de Ourense.

Segundo. Cualificación das vivendas

A promoción obtivo a cualificación definitiva como vivendas de promoción pública en virtude da resolución da xefa territorial de Ourense do IGVS de data 29 de setembro de 2020.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Cuarto. Condicións xerais das persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas VPP as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipados, con plena capacidade de obrar que, como titulares dunha unidade familiar ou convivencial, reúnan os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscrito ou anotado á data desta resolución de inicio no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia, na sección 2ª, como demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública de núcleos rurais e cascos históricos, para o concello de Ourense como concello preferente.

b) Ter ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia entre 1,0 e 3,5 veces o IPREM.

c) Residir ou traballar no concello do Ourense, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou de convivencia de vivenda en calidade de propietario, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

– Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se resulta adxudicatario queda obrigado a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

– Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non atoparse en algunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou de convivencia:

– Que xa fosen titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

– Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda, manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de 7 anos prorrogables por períodos anuais, e estará prohibido, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houbera lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, se é o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, previo pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación e data do sorteo

De acordo co previsto no Decreto 1/2010, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes que reúnan as condicións descritas no punto cuarto desta resolución.

O sorteo, de ser o caso, terá lugar ante notario o día 18 de novembro de 2020, nas dependencias da Área Provincial do IGVS, rúa Sáenz Díez, número 1, de Ourense, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, en cuxo caso se publicará a nova data do sorteo na páxina web do IGVS.

A lista de espera da quenda xeral estará integrada por 3 membros en cada lote e manterá a súa vixencia ata o día 30 de xuño de 2021 ou ata que se realice un novo sorteo de vacantes.

Ademais de polo transcurso do prazo, a lista de espera caducará automaticamente cando se esgote por non quedaren integrantes aos que ofertar as vivendas.

Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de adxudicatarios e a lista de espera, e realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, esta Comisión Provincial ditará resolución aprobatoria das listas definitivas de adxudicatarios.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, procederase á exclusión da unidade familiar ou convivencial da lista, cos efectos previsto no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, se é o caso.

Sétimo. Reservas

Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012 e 34 do Decreto 253/2007.

Octavo. Lotes

De acordo co previsto no artigo 22.2.h) do mencionado Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, establécense 3 lotes, segundo o número de dormitorios das vivendas, e realizarase un sorteo diferenciado para cada un deles, atendendo á seguinte orde:

– Primeiro: a vivenda de 3 dormitorios (para unidades convivenciais de 4 ou máis membros).

– Segundo: a vivenda de 2 dormitorios (para unidades convivenciais de 3 membros).

– Terceiro: a vivenda de 1 dormitorio (para unidades convivenciais de 1 ou 2 membros).

No caso de que nalgún dos lotes non houbese unidades convivenciais co número de membros especificados para cada un deles, ou ben habendo algunha, se produza posteriormente a renuncia á vivenda adxudicada, esta poderá ser asignada a outra unidade convivencial que figure incluída no lote seguinte, segundo a orde establecida para as reservas.

Noveno. Publicidade e reclamacións

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia, e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo, e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias e de espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse no taboleiro de anuncios do concello, no da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, os/as solicitantes que se consideren prexudicados/as no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

A lista definitiva publicarase de igual forma que a lista provisional. A resolución aprobatoria porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución, poderase interpor recurso de reposición no prazo dun (1) mes, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses ante o órgano xurisdiccional.

Décimo. Adxudicación de vivendas e prazo para renunciar

A adxudicación seralle notificada ás persoas interesadas e deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo de renda.

Para os efectos do previsto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, establecese un prazo de quince (15) días para que, en caso de resultar adxudicatario definitivo dunha destas vivendas, o interesado poida renunciar a ela ou, no caso de aceptala, efectuar o ingreso dos impostos e gastos que procedan no caso de compravenda.

Décimo primeira. Actuación revisora

Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión das adxudicacións de vivendas nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos falseados ou incompletos.

A falsidade ou ocultación na achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador coas consecuencia e efectos que figuran na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Ourense, 9 de novembro de 2020

Victoria Núñez López
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda